Saltar ao contido

Escritura do Indo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O termo escritura do Indo ―tamén chamada lingua protoíndica― refírese a breves secuencias agrupadas de símbolos vinculados coa cultura do Val do Indo.

Selos con caracteres na escritura do Indo, actualmente en poder do Museo Británico.

Segundo se estima, a devandita civilización de trazos netamente urbanos floreceu boa parte do III milenio (-2600 a -2500) e extinguiuse aproximadamente a mediados do II milenio (-1800 a -1500). Non obstante, debido a novas escavacións arqueolóxicas que se están levando a cabo na rexión, os límites temporais forzosamente estarán baixo debate considerando o novo material de interese que poida xurdir. Os xacementos protohistóricos máis importantes emparentados coa suposta escritura son, Harappa[1] e Mohenjo-daro.[2] Por agora, o conxunto de signos e símbolos que posuían os habitantes deses centros non adoita aparecer inciso sobre paredes, lápidas de tumbas, figuras, taboíñas de arxila, papiro ou códigos como noutros tipos coñecidos de sistemas de escritura, senón que vén gravado principalmente en laxes ―pedras lisas― de forma cadrada e rectangular, chamados polos expertos «selos» (seals en inglés).[3][4][5] Tamén se atopou sobre outros materiais imperecedoiros, por exemplo en vasillas ou fragmentos de vasillas de cerámica, taboíñas de cobre, utensilios variados de bronce e sobre varas de marfil e de óso. As pedras lisas que levan inscricións destácanse polo seu estilo particular de incisión e a súa aparencia exquisita.

Características da escritura do Val do Indo

[editar | editar a fonte]
  • Os obxectos descubertos no curso dos anos mostran un número reducido de símbolos na súa superficie. A media dos signos gravados é de catro ou cinco. De maneira similar, o documento que rexistra 'a inscrición' máis longa comprende 17 signos non repetitivos, coñecido como M-314 ou 26 signos, i. e., M-494 (Parpola, 1994).[6] Esa conspicua brevidade de signos sobre 'os selos' deu orixe a hipóteses diferentes respecto da súa función. É posíbel que contivesen nomes persoais, títulos profesionais, administrativos ou de propiedade ou ben podían servir de documentos de identidade, cartóns de intercambio, amuletos ou obxectos votivos.
  • En moitas laxes aparecen estampadas figuritas de animais identificábeis como cebús, búfalos, rinocerontes, tigres Arquivado 21 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., elefantes e así mesmo certas criaturas fantásticas como unicornios ou seres tricefálicos.[7][8][9][10][11][12][13] Por algún motivo, non aparecen animais típicos do escenario campestre e salvaxe hindú, tales como cobras, pavos reais, vacas leiteiras, camelos, monos e asnos. Ata que non se obteñan máis datos sobre esa cultura, non se pode dicir con precisión se as laxes servían para catalogar animais e por que se observa a presenza de determinados animais, mentres se dá a ausencia doutros.
  • Os obxectos incisos non veñen acompañados doutro código de símbolos ou doutra forma de escritura paralela para que os expertos especulen acerca de textos bilingües.
  • A dirección da escritura parece ser de dereita a esquerda.
  • O número de signos, conforme numerosos autores, pode variar de 50 a máis de 500 dependendo da maneira de identificalos e contalos. Con iso téntase dicir que aínda hai polémica en canto ás lixeiras modificacións ou combinacións dos signos básicos, tecnicamente chamados alógrafos.[14]
  • Até o día de hoxe recuperáronse máis de 4000 artefactos incisos.

Con todo, en vista de novas evidencias, espérase que as afirmacións de arriba sexan descartábeis e/ou mellorábeis.

Os maiores obstáculos ao desciframento

[editar | editar a fonte]

Os seguintes factores son considerados como os maiores obstáculos á comprensión e ao desciframento da devandita escritura:

  • A escritura do Indo desapareceu hai moito tempo, o cal dificulta aínda máis a identificación da lingua de substrato ou da familia de linguas á que pertence. No caso de que fose unha lingua illada, sería case imposíbel chegar ao cobizado desciframento.
  • A lonxitude media das inscricións é de menos de cinco signos.
  • A falta de textos bilingües vai ocasionar máis dúbidas e máis investigación de natureza intuitiva.
  • Non hai unha segmentación final dos minitextos que sexa aceptada por todos os expertos. Máis aló das especulacións persoais, a sintaxe e a morfoloxía de devandita lingua resultarán por tanto escuras.
  • Tampouco hai acordo respecto dun número fixo de signos que compoñen a escritura.

Intentos de desciframento

[editar | editar a fonte]

Ao longo dos anos tentouse numerosas veces descifrar a escritura en cuestión (o profesor Gregory Possehl fala de máis de 60 intentos, mentres o autor hindú Iravatham Mahadevan menciona máis de 100 intentos), pero ningunha das propostas foi recibida con xúbilo pola comunidade científica. As reprensións ásperas, lixeiras ou o mero silencio foron constantes entre os autores respecto do proposto e enunciado.

Algúns dos estudosos que avogaron primeiro por un entendemento e logo por un posíbel desciframento foron:

  • En 1877, Alexander Cunningham pensou que a escritura era o arquetipo da escritura brahmi usada na época do emperador Aśoka.
  • En 1982, S. R. Rao ―no seu libro The Decipherment of the Indus Script (‘O desciframento da escritura do Indo’)― ofrécese a comentar que a lingua de substrato ten que ser o sánscrito védico, ou sexa unha forma temperá do sánscrito (que é un idioma indoeuropeo empregado nos textos védicos). Ademais, opina que moitos dos signos son compostos e que hai un conxunto básico de signos simples, a partir dos cales se formaron os compostos.
  • En 1932, Flinders Petrie era da opinión de que a escritura do Indo funcionaba como os xeroglíficos exipcios, aínda que non se ofreceu a suxerir que os idiomas subxacentes estivesen xeneticamente emparentados.
  • En 1974, J. V. Kinnier Wilson ―no seu libro Indo-Sumerian: A New Approach to the Problems of the Indus Script (‘O indo-sumerio: un novo achegamento aos problemas da escritura do Indo’)― tentou establecer un vínculo entre a cultura do val do Indo e a civilización sumeria. O autor considerou que ambas as culturas eran ramas do mesmo tronco étnico, aínda que doutra banda confirmouse que epigraficamente non hai probas de conexión entre elas. A súa metodoloxía baseábase na comparación das formas externas de signos de ambas as civilizacións. Esa maneira de dilucidar o problema é similar á de Guillaume de Hevesy, quen viu unha semellanza sorprendente entre os símbolos do val do Indo e os glifos rongo rongo da Illa de Pascua, alegando a súa orixe común.
  • En 1992, Walter Fairservis Jr. ―no seu libro The Harappan Civilization and its Writing: A Model for the Decipherment of the Indus Script (‘A civilización de Harappa e a súa escritura: un modelo de desciframento da escritura do Indo’)― analizou a forma dos signos e seleccionou palabras procedentes dunha Linguas dravídicas para que se adaptasen á icona escollida. Ao final, o autor determinou o significado do símbolo particular tomando por referencia o dravídico. Entre as linguas da familia drávida, pódense citar, entre outras, o támil antigo, o telugu, o malayalam e o kanarés.
  • Yuri Knorozov ―un dos responsábeis principais do desciframento dos glifos maias― e os seus colaboradores rusos realizaron unha análise distributiva dos signos e acharon que a estrutura indicaba unha lingua de natureza sufixante e aglutinativa, como o turco ou o xaponés de hoxe. Dese modo, segundo eles, o candidato máis probábel nese contexto sería unha lingua do tronco drávido.
  • Outros investigadores de peso que apostaron polo drávido como lingua de substrato son o profesor finlandés Asko Parpola, que editou o corpus de inscricións en varios tomos, crendo que os símbolos reflicten unha escritura logo-silábica e o hindú Iravatham Mahadevan.[15][16]
  • Finalmente, hai que dicir que se os signos fosen exclusivamente pictogramas ou logogramas, existiría a alternativa de que non contivesen información ningunha sobre a lingua falada polos antiquísimos escribas, xa que non se podería definir como unha escritura no sentido máis restrinxido da palabra. Nun artigo publicado online en 2004, un trío de estudosos estadounidenses, Steve Farmer, Richard Sproat e Michael Witzel, baseado en análises comparativas, estruturais e de frecuencia dos signos, favoreceron a idea de que a escritura do Indo non estaba asociada a unha definida linguaxe oral.[17] Carecendo, por tanto, de valores fonéticos, tería un status soamente emblemático, o que por outra banda explicaría a extrema brevidade do material gráfico inciso. Os selos, segundo eles, parecen ser artefactos producidos en masa, destinados a ser utilizados en rituais comunitarios e levarían encima símbolos relixiosos e de sacrificio.
  1. "Harappa.". Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2007. Consultado o 11 de novembro de 2015. 
  2. Mohensho-Daro.
  3. "Signos da cultura do val do Indo.". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2006. Consultado o 11 de novembro de 2015. 
  4. Lápidas de tumbas.[Ligazón morta]
  5. Selos.
  6. Inscrición M-314.
  7. Cebús.
  8. Búfalos.
  9. Rinocerontes.
  10. Tigres.
  11. Elefantes.
  12. Unicornios.
  13. "Seres tricefálicos fantásticos.". Arquivado dende o orixinal o 12 de marzo de 2007. Consultado o 11 de novembro de 2015. 
  14. "Signos alógrafos.". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2006. Consultado o 11 de novembro de 2015. 
  15. Harappa.com (el filólogo findlandés Asko Parpola).
  16. Harappa.com
  17. Tres estudosos estadounidenses.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ALLCHIN, Bridget & Raymond. 1982. The Rise of Civilization in India and Pakistan. Cambridge University Press.
  • BURROW, T. 1969. Dravidian and the decipherment of the Indus script. Antiquity, 43:274-78.
  • CLAUSON, Gerard & John CHADWICK. 1969. The Indus Script deciphered. Antiquity, 43:200-207.
  • CUNNINGHAM, Alexander: Corpus Inscriptionarum Indicarum, I: Inscriptions of Aśoka. Calcuta: Archaeological Survey of India, 1877.
  • FAIRSERVIS, Walter A. Jr. 1992. The Harappan Civilization and its Writing: A Model for the Decipherment of the Indus Script. Leiden.
  • FARMER, Steve, Richard SPROAT, & Michael WITZEL. 2004. The Collapse of the Indus Script thesis - The Myth of a Literate Harapan Civilization.
  • JANSEN, Michael, Maire MULLOY and Gunter URBAN (eds): Forgotten Cities of the Indus: Early Civilization in Pakistan from the 8th to the 2nd Millennium BC. Mainz, 1991.
  • JOSHI, Jagat Pati e Asko PARPOLA (eds): Corpus of Indus Seals and Inscriptions 1: Collections in India. Helsinqui, 1987.
  • KENOYER, Jonathan Mark: Ancient Cities of the Indus Valley Civilization. Karachi, 1998.
  • KINNIER WILSON, J. V.: Indo-Sumerian: A New Approach to the Problems of the Indus Script. Oxford, 1974.
  • KNOROZOV, Yuri. V., M. F. A O’ BEDIL, e B. E. VOLCHOK: Proto-Indica: Report on the Investigation of the Proto-Indian Texts [1979]. Versión en inglés, Moscova: 1981.
  • MAHADEVAN, Iravatham: The Indus Script: Texts, Concordance and Tables. Nova Deli: Archaeological Survey of India, 1977.
―«What do we know about the Indus Script? Neti neti». Journal of the Institute of Asian Studies, 7:1-29. Madrás, 1989.
―«An Encyclopaedia of the Indus Script» (revisión dun libro), 19:9-12. Nova Deli, 1995.
―«Murukan in the Indus Script», en Journal of the Institute of Asian Studies, 16:2:3-39. Madrás, 1999.
  • McINTOSH, Jane R.: A Peaceful Realm: The Rise and Fall of the Indus Civilization. Westview Press, 2001.
  • PARPOLA, Asko: Deciphering the Indus Script. Cambridge, 1994.
―«Dravidian and the Indus Script: on the Interpretation of some Pivotal Signs», en Studia Orientalia, 82: 167-91. Helsinqui, 1997.
―«Study of the Indus Script». 50th ICES Tokyo Session, 2005.
  • POSSEHL, Gregory L.: Indus Age: The Writing System. Filadelfia (EE. UU.), 1996.
― Indus Age: The Beginnings. Filadelfia (EE. UU.), 1999.
  • RENFREW, Colin A.: Archaeology and Language: The Puzzle of Indo-European Origins. Londres: Pimlico, 1987.
  • SALOMON, Richard: Indian Epigraphy: A Guide to the Study of Inscriptions in Sanskrit, Prakrit, and other Indo-Aryan Languages (South Asia Research). Oxford University Press, 1998.
  • SHAH, Sayid Ghulam Mustafa e Asko PARPOLA (eds): Corpus of Indus Seals and Inscriptions 2: Collections in Pakistan. Helsinqui, 1991.
  • THAPAR, Romila: Early India: From the Origins to AD 1300. University of California Press, 2004.
  • WELLS, Bryan: An Introduction to Indus Writing. Independence (Missouri): Early Sites Research Society (2.ª edición), 1999.
  • WHEELER, Mortimer: The Indus Civilization. Cambridge (3.ª edición), 1968.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

En inglés

[editar | editar a fonte]