Saltar ao contido

Estenose aórtica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A estenose da válvula aórtica ou estenose aórtica (EA ou AS, do inglés: Aortic Stenosis) é unha valvulopatía caracterizada polo estreitamento anormal do orificio da válvula aórtica do corazón. Esta redución do orificio valvular pode ter unha orixe conxénita ou adquirida ao longo da vida e sendo na meirande parte dos casos secundaria á febre reumática ou a calcificacións asociadas á idade. A válvula aórtica é a responsábel de controlar a dirección do fluxo sanguíneo dende o ventrículo esquerdo até a arteria aorta. No seu correcto funcionamento, a válvula non impide ao sangue pasar entre estes dous espazos mais, dadas determinadas circunstancias, a válvula tórnase máis estreita do habitual, ofertando unha resistencia ao fluxo sanguíneo e xerando así un importante gradente de presión entre o ventrículo esquerdo (VI) e a aorta.

Epidemioloxía

[editar | editar a fonte]

A estenose aórtica é un problema común. Aproximadamente un 2% da poboación maior de 65 anos, un 3% das persoas maiores de 75 anos e un 4% de maiores de 85 anos sofren esta doenza. En Norteamérica e Europa, onde a poboación acada máis idade, a prevalenza da estenose aórtica está aumentando de cada vez máis. Por mor da considerábel morbilidade e mortalidade que comporta este trastorno, cun grande impacto persoal, social e económico, a estenose aórtica é un problema de saúde adoito habitual que a cada vez presenta maiores índices de estudo e tratamento coa intervención cirúrxica axeitada.

Diagnóstico

[editar | editar a fonte]

O electrocardiograma adoita abondar para demostrar evidencias de hipertrofia ventricular esquierda, un dos signos máis determinantes de estenose aórtica. Coa fluoroscopia pçodese visualizar calcificacións na válvula aórtica, porén, é a ecografía a que pode descartar a presenza de estenose da válvula aórtica. A valoración Doppler pode determinar o fluxo a través da válvula, definindo a gravidade da doenza.

A cateterización cardíaca diagnostica e valora a gravidade dunha estenose aórtica, a cal mide a presión a través da válvula, calculando o grao de obstrución.

Tratamento

[editar | editar a fonte]

A terapia con medicamentos non ten un rol definitivo no tratamento da estenose aórtica. Ocasionalmente lógrase aliviar temporalmente co uso de dixital e diuréticos, especialmente en casos asociados a insuficiencia cardíaca.

A estenose aórtica cúrase co reemplazamento da válvula aórtica, ben sexa mecánica ou biolóxica, usualmente porcina.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]