Eu conto, ti cantas
Eu conto, ti cantas... | |
---|---|
Autor/a | María Victoria Moreno |
Ilustrador/a | Manuel Uhía |
Orixe | Galicia |
Lingua | Galega |
Colección | Merlín, de 7 anos en adiante |
Xénero(s) | Poesía |
Editorial | Xerais |
Data de pub. | 2005 |
Páxinas | 64 |
ISBN | 978-84-9782-358-6 |
[ editar datos en Wikidata ] |

Eu conto, ti cantas... é un libro de Literatura infantil que reúne tres contos en verso de María Victoria Moreno, publicado en 2005.[1] A 4ª edición é de xaneiro de 2018.[2]
Características
[editar | editar a fonte]Dedicatoria: Para Begoña, que chega á casa ao solpor e regálame todas as luces do día
A autora aínda puido asistir á presentación do libro un mes antes do seu pasamento en novembro de 2005.
Este libro, protagonizado por animais, é unha mostra máis dese mundo propio e recoñecible que María Victoria Moreno soubo crear na súa literatura. Son tres contos para todos os nenos e nenas de sete anos en diante que buscan o amor nos olliños doces de mel dun can de bondadosas orellas.
¡Xa non teño medo!
[editar | editar a fonte]Este conto xa fora publicado en 1998 na colección A maxia das palabras.
Un cativo, Xan, ten medo cando se vai deitar. Grazas a unha chorumiña, ao ir durmir na bufarda non sente medo da noite e comproba que no ceo sae a lúa e florece o sosego na terra escura [3]. A noite vai ser unha festa divertida e poboada de elementos máxicos e suxestivos. Os sons, os amigos curiosos que viven no armario, as sombras que esvaecen co fermoso luar e os personaxes que poboan a noite da súa vila velando polos demais, son retratados a través da ollada infantil, desbotando o medo a favor da maxia da vida cotiá.
Eu non durmo na bufarda
porque son malo,
porque esperto de noite
e porque falo
...
....
Eu, cando sexa grande,
serei bombeiro
acaso policía
ou quizais médico
Son bos oficios:
gáñase o pan velando
polos veciños[4].
Can branco, can negro
[editar | editar a fonte]Publicado antes como Nico e Miños.
Os protagonistas son dous cans, un branco e un negro. Nicolau é un canciño que foi recibido por todos con aloumiños e festas, mentres que Correcamiños naceu na beiravía da estrada onde súa nai foi abandonada; ambos os dous un bo día xuntaranse nun arrabalde perdido e unirán para sempre o seu destino, nunha amizade entre cans que non entende de cores[5].
Chamáronlle Nicolau
un día de primavera
cando chegou a esta vida
aquel seu nobelo de seda.
...
....
Correcamiños naceu
na beiravía da estrada
onde un home malo e feo
botara a cadela branca,
que levaba na barriga
seis cadeliños de nata[6].
¿Un cachiño de bica?
[editar | editar a fonte]Xa fora publicado en 1994.
Protagonizado por un mozo que mentres almorza nun restaurante ve como da súa cunca saen letras que lle queren contar unha historia. Ten tres partes, correspondentes a cada unha das comidas do día[7]. Esa historia é a de Iván que coida a Nica, unha cadela ben xeitosa, á que moito lle gustan os cachiños de bica; os dous están unidos polos lazos da complicidade e a necesidade mutua.
Cunha presa de letras
e un aloumiño
vouche contar un conto
coma un sorriso
Un conto ledo
coma os ollos dun can
e a voz dun neno
...
...
Se che gustou o conto
ben cho agradezo.
Quero mandarche un bico
máis un consello:
fai coma Iván:
busca o amor
nos ollos doces dun can[8].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moreno, María Victoria (2005). Eu conto ti cantas... Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9782-358-6.
- ↑ Moreno, María Victoria (2018). Eu conto ti cantas... Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9782-358-6.
- ↑ "Despedidas que mancan o corazón. Isabel Soto Santiago". culturagalega.gal. Consultado o 28/04/2018.
- ↑ Moreno 2018, p. 9-21.
- ↑ "Ficha da Editorial". Consultado o 28/04/2018.
- ↑ Moreno 2018, p. 25-26.
- ↑ Pena, Montse (2018). A voz insurrecta: María Victoria Moreno, entre a literatura e a vida. Letras Galegas. Galaxia. ISBN 978-84-9151-156-4.
- ↑ Moreno 2018, p. 41-61.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Casalderrey, F.; Aleixandre, M. (2018). María Victoria Moreno: a muller que durmía pouco e soñaba moito. Xerais. ISBN 978-84-9121-311-6.
- ————; Senín, X. (12/4/2018). María Victoria Moreno. Sementadora de futuro. Xerais. ISBN 978-84-9121-335-2.
- María Victoria Moreno, unha ollada a través dos seus libros (PDF). Xunta de Galicia. Abril de 2018.