Saltar ao contido

Europa (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O rapto de Europa, por Rembrandt
Figura beocia de terracota, museo do Louvre
Europa, por Gustav Heinrich Wolff, 1923

Europa (Gl-Europa.ogg pronunciación ) é un personaxe da mitoloxía grega, princesa de Tiro, a actual Fenicia. Era filla do rei Axenor [1] e de Telefasa [2].

O mito do rapto

[editar | editar a fonte]

O rapto de Europa por Zeus está narrado por Ovidio nas súas Metamorfoses, no século I a.C. [3], pero é moi anterior pois xa foi recollido por Eumelo de Corinto no século VIII a.C. e por Hesíodo nun texto hoxe perdido [4].

Segundo Ovidio, Zeus viu a Europa collendo flores coas súas doncelas á beira do mar (ou xogando con elas), en Sidón, e transformándose nun touro inmaculadamente branco para a seducir, foi deitarse ós pés da princesa, que fora atraída ata a praia por Hermes. Ela asustouse nun primeiro momento pero, vendo a súa mansedume, comeza acariñándoo, poñéndolle flores nos cornos e remata, sen sospeitar nada, por sentar sobre o seu lombo. De socate, o touro érguese e marcha cara ao mar, sen que as amigas poidan facer nada ante os seus gritos, e levouna cruzando as ondas ata Creta. Preto de Cortina, e xa recuperada a forma humana [5], Zeus uniuse carnalmente a Europa, xunto a unha fonte e baixo duns plataneiros que, en memoria destes amoríos, obtiveron o privilexio de non perder xamais as súas follas.

"O ilustre pai e soberano dos deuses... toma a aparencia dun touro e... brada e deambula pola tenra herba, fermoso... a súa cor é a da neve que nunca pisaran as plantas dun duro pé... Marabíllase a filla de Axenor de que sexa tan fermoso, de que non ameace con trucar... achégase e ponlle flores ante o seu branco fociño... Atreveuse a princesa, sen saber a quen montaba, a sentar sobre o lombo do touro, e entón o deus, apartándose pouco a pouco da terra... adéntrase no mar e polas augas do mar aberto lévase á súa presa".
(Ovidio: Metamorfosis II, 847-872)

Pseudo-Apolodoro recolle de Acusilao que este foi o touro que máis tarde se coñecerá como o Touro de Creta, e que tivo que capturar Heracles no seu sétimo traballo [6].

Da unión de Zeus e Europa naceron tres fillos: Minos, Radamantis e Sarpedón. Tamén se di que houbo outros fillos, Carno (amado por Apolo) e Dodón.

Radamantis, rei de Creta moi respectado pola súa prudencia, foi destronado por Minos, que para probar o seu dereito ao trono, pediu a Poseidón que fixera saír do mar un touro magnífico polo que Pasífae, a súa esposa, concibiu unha paixón culpable, da que naceu Minotauro. Sarpedón disputoulle a Minos o trono de Creta e un meniño chamado Mileto ó que desexaban os dous, e Minos expulsouno de Creta, polo que tivo que fuxir, co efebo Mileto, para fundar a rexión de Mileto, en Licia. Á súa morte, Radamantis e Minos foron chamados ao Hades para seren xuíces do tribunal dos mortos.[7]

Axenor enviou en busca da princesa raptada aos seus fillos Cadmo, Fénix, Cílix, Taso e Fineo coa prohibición de volveren mentres non rescataran á súa irmá. Non sabían cara onde puido ir e por iso ningún deles foi quen de atopala, polo que xa non regresaron a Tiro, onda o pai. Fénix percorreu Libia, onda hoxe é Cartago, e logo volveu a Fenicia, que se chamou así no seu honor [8]; Cadmo foi onda o Oráculo de Delfos para preguntarlle onde podía estar Europa, pero a Pitia dixo que abandonaran a busca; por iso, seguindo a unha vaca, fundou a cidade de Tebas en Beocia [9]; Cílix deu nome a Cilicia; Taso poboou a illa de Taso; e Fineo estableceuse na costa do mar Negro.

Zeus entregou a Europa tres regalos: un autómata de bronce chamado Talos (ou Talo), que evitaba calquera intento de desembarco inimigo en Creta porque vixiaba a costa percorréndoa tres veces ó día, un can ó que nunca se escapaba unha presa, chamado Lélape, e unha xavelina que nunca erraba o branco. O can e a xavelina terminaron en mans de Minos [10], e este deunos a Procris, unha das súas amantes, a cambio de que o librara do feitizo que lle lanzara a súa esposa Pasífae, celosa ante as constantes amantes que tiña o rei.

"Procris... refuxiouse xunto a Minos, que se namorou dela e intentou seducila. Pero se unha muller facía o amor con Minos era imposible que conservara a vida, pois Pasífae ... feitizárao e cada vez que se acostaba con algunha, lanzaba contra o seu membro feras salvaxes e deste xeito aquelas perecían. Minos posuía un can veloz e unha xavelina certeira e a cambio delas Procris deitouse con el, dándolle a beber a raíz de Circe para que nada lle fixera dano".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 15, 1)

Tamén casou a Europa con Asterión, rei de Creta. Este non tiña fillos e aceptou como seus os tres fillos de Europa, e así Minos terminaría herdando o reino á súa morte.[11]

Cando, finalmente, morreu Europa, foi obxecto de honores divinos, como deusa vinculada á lúa (en alusión ós cornos do touro). E o touro branco no que se transformara Zeus foi elevado ó ceo e convertido na constelación de Taurus.

O mito na literatura

[editar | editar a fonte]

Heródoto relata unha versión de Evémero, segundo a que o rapto de Europa foi un máis dunha longa serie de raptos de mulleres cometidos por viaxeiros audaces e non por deuses lascivos, que deron lugar a guerras entre europeos e asiáticos: Ío en Argos, Europa en Tiro, Medea na Cólquida, Helena en Troia. Considérase que o mito do touro sedutor puido ter un transfundo ritual na Creta minoica.[12]

Segundo outras interpretacións Cadmo puido ser un deus que simbolizaría a estrela da mañá e constituiría, xunto coa súa irmá Europa, a representación mitolóxica do planeta Venus. Contería unha forte influencia do deus sumerio Ningišzida, deus serpe da fecundidade, o abrente e a construción de cidades.[13] Outros autores ven nel a representación dun mito solar: Europa representa a lúa, que é elevada polo sol, representado polo touro, e reaparece no ceo ao caer a tarde e logo de cruzar o mar. Esta hierogamia entre sol e lúa faría a contraparte á unión sacra entre ceo e terra, principios masculino e feminino, respectivamente.[14]

Góngora empregou certas imaxes do mito coma a de "mentido robador de Europa", nas súas Soledades para representar o touro ou a súa constelación, e no soneto ao marqués de Velada.[15]

Rapto de Europa. Represéntase a Europa sobre o touro branco de Zeus, sobre unha paisaxe mariña con numerosos peixes. Á esquerda, Escila (un monstro mariño), e á dereita, Tritón. Sobre Europa voa Poto, personificación do amor, e nos ángulos, contemplando a escena, o propio Zeus, Creta, Hermes, Eros, Adonis e Afrodita (crátera de Asteas, procedente de Paestum, c. 360 a.C., Museo Paul Getty, Malibú)

Iconografía

[editar | editar a fonte]

Aínda que existen pezas de cerámica grega (dos séculos V e IV a.C.) que representan a Europa recibindo o corpo do seu filloi Sarpedón, morto na Guerra de Troia, a inmensa maioría das súas imaxes recollen, xa desde o VII a.C., o momento do seu rapto por Zeus: unha muller sentada sobre un touro que corre ou camiña (a carranchapernas ou de lado), collendo un corno cunha man e vestida con longo peplo, que pronto se transformará nunha túnica. Nos séculos V e IV a.C. a escena engade serventas, deuses, peixes ó redor de Europa [16], que por veces pode aparecer de pé, xunto ó touro. Europa vai perdendo roupa que primeiro leva na man, como unha vela ó vento, e logo desaparece totalmente, quedando ela núa (nalgunhas obras xa o está antes de subir ó lombo do touro).

O Rapto de Europa seguirá repesentándose nalgún marfil bizantino do século X e en pinturas da Baixa Idade Media. Durante o Renacemento apréciase a influencia dos Ovidios moralizados, que interpretan o mito como unha viaxe da alma cara ao ceo [17], e apóiase tamén no signo zodiacal de Tauro. Artistas como Filarete (portas da Basílica de San Pedro, 1433), Giulio Romano (1527), Tiziano (1560), Paolo Veronés (1580) representarán o momento con escasas variacións.

Tamén na Idade Moderna e Contemporánea o mito será obxecto da obra de numerosos artistas, que introducen variantes iconográficas, como Gustave Moreau, que coloca a cabeza de Zeus nunha das súas Europas (1869), ou Rodin, que suxire unha equivalencia entre Zeus convertido en touro e Minotauro (1886). Tamén destacan as versións abstractas de Pollock ou Reuben Nakian.

Galería de Arte

[editar | editar a fonte]
  1. Se ben algunhas fontes fana filla de Fénix, un dos fillos de Axenor (Pseudo-Apolodoro: "Algúns afirman que Europa non era filla de Axenor, senón de Fénix" (III, 1, 1).
  2. Ou de Arxíope (Hixino: Fábulas 178, 1) ou Agríope (Graves, px. 216).
  3. Ovidio: Metamorfosis II, 833-875.
  4. Elvira Barba, px. 103.
  5. Graves di que en forma de aguia (px. 216).
  6. Pseudo-Apolodoro II, 5, 7.
  7. Zavala, I. El rapto de América y el síntoma de la modernidad. Editorial Montesinos, 2001. ISBN 84-95580-05-5, 9788495580054.
  8. Pseudo-Apolodoro III, 1, 1; Graves, px. 216.
  9. Hixino: Fábulas 178, 4.
  10. Talos morreu cando intentaba impedir que os Argonautas desembarcaran en Creta, ben porque un feitizo de Medea lle fixo crer que se volvería inmortal se se sacaba o cravo que fixaba a súa única vea, ben porque Peante lle disparou unha frecha no nocello, onde remataba esa vea (Pseudo-Apolodoro I, 9, 26).
  11. Baring, A., Cashford, J. El mito de la diosa: evolución de una imagen, volume 38 de El Árbol del paraíso. Siruela, 2005. ISBN 84-7844-732-6, 9788478447329.
  12. García Gual, C. Diccionario de mitos. Siglo XXI de España Editores, 2003. ISBN 84-323-1127-8, 9788432311277.
  13. Bermejo, J. Mito y parentesco en la Grecia arcáica. Ediciones Akal, 1980. ISBN 84-7339-468-2, 9788473394680.
  14. Chinchilla Sánchez, K. Conociendo la mitología. Editorial Universidad de Costa Rica, 2003. ISBN 9977-67-774-3, 9789977677743.
  15. Romojaro, R. Funciones del mito clásico en el siglo de oro: Garcilaso, Góngora, Lope de Vega, Quevedo. Anthropos Editorial, 1998. ISBN 84-7658-545-4, 9788476585450.
  16. Véxase, por exemplo, a crátera de Asteas (El País 20.08.2014) (en castelán).
  17. "O normal é que o coñecemento do sagrado se oculte na metáfora, revestida dunha forma que non lle é propia para que só aqueles que pusúan as claves da súa interpretación poidan ver, debaixo da forma, o seu verdadeiro contido. Así entenderemos, por exemplo, ... que o rapto de Europa, tan frecuente no Renacemento italiano, pode deberse á interpretación alegórica do tema como o ascenso da alma cara Deus" (Carmona Muela: Iconografía clásica, px. 205).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]