Europa atlántica
A Europa atlántica é un termo xeográfico e antropolóxico empregado para definir á porción occidental de Europa bañada polo océano Atlántico, designando a unha rexión con certas peculiaridades culturais e bioxeográficas comúns.
Na súa definición máis ampla comprende a fachada nor-atlántica e cantábrica da Península Ibérica a de Francia, as Illas Británicas, os Países Baixos, a Escandinavia occidental, Dinamarca e o norte de Alemaña.
O clima e as condicións físicas son relativamente similares ao longo de toda a área (con excepción de certas partes de Escandinavia e do báltico, dando lugar a paisaxes similares con vexetación e fauna endémicas. Desde un punto de vista estritamente físico, a maior parte da costa da Europa Atlántica pode ser considerada unha mesma rexión bioxeográfica. Xeógrafos físicos denominan esta área bioxeográfica como o Dominio Europeo Atlántico, parte da rexión botánica Euro-Siberiana.
Antropoloxía da rexión
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]Os arqueólogos observaron nos poboadores prehistóricos da Europa Atlántica varias características comúns, como demostran os achados arqueolóxicos e as construcións que chegaron aos nosos días, o que indica a existencia dalgún tipo de comercio entre as diversas rexións que integran esta rexión. Ademais, un número de estudos xenéticos parecen indicar interrelación entre grupos de poboación do Arco Atlántico, en contraste coa Europa Central ou mediterránea.[1][2]
Algúns exemplos son o cultura megalítica europeo e a cultura do Bronce Atlántico, localizada inicialmente na costa da Bretaña, pero con claras ramificacións nas Illas Británicas e no noroeste da Península Ibérica, como o demostran produtos como as espadas e machadas características desta cultura, que eran mercadas e vendidas ao longo das rutas atlánticas
A Europa Atlántica é un termo utilizado tamén para designar ao territorio ocupado polos pobos célticos ou de orixe celta de Europa Occidental, tendo como base o rexistro arqueolóxico, xenético e cultural.[3]
Cultura euro-atlántica contemporánea
[editar | editar a fonte]Varios autores defenderon a existencia dun continuum histórico e cultural na Europa atlántica, dando lugar a unha unidade socio-cultural que afunde as súas raíces na prehistoria, pero que aínda pervive na actualidade, grazas sobre todo ao comercio marítimo. Os xeógrafos falan tamén da inluencia do medio natural na construción dunha paisaxe cultural similar nas costas occidentais europeas.
Algúns dos primeiros xeógrafos en considerar esta idea foron Otero Pedrayo e Orlando Ribeiro. Pedrayo afirmou nos seus estudos acerca de Galicia, que este país estaba marcado por un carácter fortemente atlántico, a diferenza do que ocorre co Estado español un estado caracteristicamente mediterráneo. Por outra banda, nas súas investigacións acerca de Portugal, Ribeiro profundou nos conceptos de Europa atlántica e Europa mediterránea, conectando o sur de Portugal coa cultura mediterránea e o centro e o norte do país, xunto con Galicia, cunha cultura europea panatlántica.
Esta idea había ser desenvolvida a partir da década de 1950 por autores como P. Flatrès, Emyr Estyn Evans, A. Bouhier, Meynier, J. García Fernández, Patrick O'Flanagan, Barry Cunliffe, Carlos Ferrás Sexto ou Xoán Paredes (entre outros).
Patrick O'Flanagan, baseándose nas teorías de Pedrayo e Ribeiro, afirma que a Europa atlántica é unha realidade cultural que se estende a todo a longo da franxa costeira de Europa, desde Noruega ao Centro-Norte de Portugal (en torno á área de Coímbra), incluíndo a Gran Bretaña e Irlanda.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Brian Donnelly (2004), We are not Celts at all but Galicians; DNA research links the Scots, Irish and Welsh to north-western Spain, The Herald (Glasgow - UK), p. 15.
- ↑ Salas A, Comas D, Lareu MV, Bertranpetit J, Carracedo A., mtDNA analysis of the Galician population: a genetic edge of European variation., Eur J Hum Genet. 1998 Jul-Aug;6(4):365-75.
- ↑ "Modern Celtic realm - National Geographic.". Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 08 de marzo de 2010.