Saltar ao contido

Fantastic Beasts and Where to Find Them

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Fantastic Beasts and Where to Find Them
Título orixinalFantastic Beasts and Where to Find Them
Autor/aJ. K. Rowling (como "Newt Scamander")
OrixeReino Unido
LinguaInglés
Tema(s)criaturas em Harry Potter e beast species in the Harry Potter universe
Xénero(s)Fantasía
Editorial Bloomsbury
Scholastic
Raincoast
Data de pub.2001
Páxinas42
editar datos en Wikidata ]

Fantastic Beasts and Where to Find Them (en galego, Animais fantásticos e onde atopalos) é un libro escrito pola británica J. K. Rowling, publicado no ano 2001, que trata sobre as criaturas máxicas no universo de Harry Potter. O libro pretende ser a copia pertencente a Harry Potter mencionado en Harry Potter e a pedra filosofal, primeira novela da saga Harry Potter.

O nome de Rowling non aparece na portada do libro; en cambio, a obra está publicada baixo o pseudónimo "Newt Scamander". Polo de agora, non hai tradución ao galego. Nunha entrevista concedida en 2001, Rowling declarou que elixira o tema das criaturas máxicas porque era un asunto interesante e sobre o cal xa desenvolvera unha manchea de información para os libros anteriores.

O 80% dos beneficios obtidos coa venda dos libros van dirixidos a nenos pobres de todo o mundo a través da fundación Comic Relief. Segundo Comic Relief, as vendas deste libro, xunto ao seu compañeiro Quidditch Through the Ages, ascenden a 15,7 millóns de libras esterlinas.

O volume pretende ser unha copia do libro de texto que é propiedade de Harry Potter e que está escrito polo zoólogo máxico Newt Scamander, un personaxe de ficción da serie Harry Potter. Nas novelas, a zooloxía máxica é o estudo das criaturas máxicas.

Albus Dumbledore, director de Hogwarts, é o autor do prólogo e explica o propósito da edición especial do libro (a fundación benéfica Comic Relief). Ao final, conta ao lector que "[...] As divertidas criaturas descritas deseguido son de ficción e non che poden facer dano ningún". Logo diso, inclúe o lema de Hogwarts: "Draco dormiens nunquam titillandus", que en latín significa: "Nunca lle fagas cóxegas a un dragón que dorme".

Fantastic Beasts and Where to Find Them contén a historia da zooloxía máxica e describe 75 especies máxicas que se poden atopar no mundo. Segundo o autor ficticio Scamander, a meirande parte da información contida no libro recolleuna durante observacións feitas tras moitos anos de viaxes polos cinco continentes. Destaca que a primeira edición foi encargada en 1918 polo Sr. Augustus Worme de Obscurus Books. Porén, non foi publicado ata 1927. Agora vai pola súa 52ª edición.

Dentro do universo de Harry Potter, esta publicación é un libro de texto obrigatorio para os alumnos de primeiro ano en Hogwarts; ademais, o libro de texto está aprobado como tal desde a súa primeira edición. Non está claro por que o precisan os alumnos de primeiro ano, dado que os estudantes non cursan a materia de Coidado de Criaturas Máxicas ata o seu terceiro ano. Con todo, pode empregarse como unha enciclopedia para as criaturas escuras estudadas na clase de Defensa contra a Maxia Negra. Na introdución do libro, Albus Dumbledore comenta que serve como unha excelente referencia para todos os meigos, ademais do seu uso en Hogwarts.

Cómpre resaltar os numerosos bosquexos e comentarios que o libro contén, feitos por Harry, Ron e Hermione. Baseándose nalgúns destes comentarios, semella que foron escritos na época na que se desenvolve o cuarto libro. Estes bosquexos achegan información adicional para os lectores da saga; por exemplo, a entrada sobre a "Acromántula" ten un comentario que confirma que Hogwarts está localizado en Escocia.

Integrado no deseño, a portada do libro semella rabuñada por algún animal.

Newt Scamander

[editar | editar a fonte]

Newton "Newt" Artemis Fido Scamander é o autor ficticio de Fantastic Beasts and Where to Find Them, nado en 1897. Segundo a sección do libro "Sobre o autor", Scamander converteuse nun zoólogo máxico polo seu grande interese nas bestas fantásticas e polos ánimos que lle deu súa nai, unha entusiasta criadora de hipogrifos.

Despois de graduarse en Hogwarts, Scamander entrou a traballar no Ministerio de Maxia, no Departamento para a Regulación e Control de Criaturas Máxicas. A súa carreira incluíu un breve período na Oficina de Traslados dos Trasnos Domésticos, unha transferencia á División de Bestas, a creación do Rexistro de Lobishomes en 1947 e outras máis. As súas contribucións á zooloxía máxica convertérono nun membro da Orde de Merlín de segunda clase en 1979.

Agora está retirado e vive en Dorset coa súa esposa Porpentina e as súas mascotas, tres kneazles: Hoppy, Milly e Mauler. Ten un neto chamado Rolf, que casou con Luna Lovegood despois dos acontecementos de Harry Potter e as reliquias da morte.

Aínda que Rowling nunca agochou o feito de que ela é a autora de Fantastic Beasts and Where to Find Them, "Newt Scamander" pode ser, non obstante, considerado como un pseudónimo seu, dado que o devandito nome é o que figura como autor na portada.

Na versión cinematográfica de Harry Potter e o preso de Azkaban, o nome de Newt Scamander aparece no Mapa do Tunante.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]