Faxémido
Un faxémido ou fásmido é un vector de clonación baseado no ADN, que ten á vez propiedades de bacteriófago e de plásmido.[1] Estes vectores conteñen, ademais dunha orixe de replicación do plásmido, outra orixe de replicación derivada do bacteriófago. A diferenza dos plásmidos comunmente usados como vectores, os vectores faxémidos diferéncianse por teren a capacidade de poder ser empaquetados dentro da cápside dun bacteriófago, debido a posuíren unha secuencia xenética que sinala o empaquetamento. Os faxémidos utilízanse en diversas aplicacións biotecnolóxicas; por exemplo, poden usarse na técnica de bioloxía molecular chamada "phage display".[2]
O termo "faxémido" foi acuñado por un grupo de científicos soviéticos, que os descubriron e publicaron un artigo en abril de 1984 na revista Gene.[3]
Propiedades do vector de clonación
[editar | editar a fonte]Un faxémido (fago + plásmido) é un plásmido que contén unha orixe de replicación f1 do fago f1.[4] Pode usarse como un tipo de vector de clonación en combinación cun fago filamentoso M13. Un faxémido pode ser replicado como un plásmido e tamén ser empaquetado como un ADN monocatenario en partículas virais. Os faxémidos conteñen unha orixe de replicación (ori) para a replicación bicatenaria, e ademais a ori f1 permite a replicación monocatenaria e o empaquetamento dentro de partículas de fago.[4] Moitos plásmidos comunmente usados conteñen unha ori f1, polo que son faxémidos.
De maneira similar a un plásmido, un faxémido pode utilizarse para clonar fragmentos de ADN e ser introducido nun hóspede bacteriano por medio de diversas técnicas, como a transformación e a electroporación. Porén, a infección do hóspede bacteriano que contén un faxémido cun fago "axudante" phage, por exemplo VCSM13 ou M13K07, proporciona os compoñentes virais necesarios para permitir a replicación de ADN monocatenario e o empaquetamento do ADN faxémido en partículas de fagos. O fago "axudante" infecta o hóspede bacteriano adheríndose primeiro a un pilus da célula hóspede e posteriormente, despois da adhesión, transportando o xenoma do fago ao citoplasma da célula hóspede. Dentro da célula, o xenoma do fago desencadea a produción de ADN faxémido monocatenario no citoplasma. Este ADN faxémido empaquétase despois en partículas de fago. As partículas de fago que conteñen ADN monocatenario son liberadas da célula hóspede bacteriana ao ambiente extracelular.
Os fagos filamentosos retardan o crecemento bacteriano, pero, a diferenza do fago lambda e o fago T7, xeralmente non son líticos. Os fagos "axudantes" son normalmente transformados por enxeñaría para que empaqueten menos eficientemente (por medio dunha orixe de replicación do fago defectuosa)[5] que o faxémido, para que as partículas de fago resultantes conteñan predominantemente ADN faxémido. A infección polo fago filamentoso f1 require a presenza dun pilus, así que soamente os hóspedes bacterianos que conteñan un plásmido F ou os seus derivados poden usarse para xerar partículas de fago.
Antes do desenvolvemento da secuenciación de ciclo, os faxémidos utilizábanse para xerar moldes de ADN monocatenarios para uso en secuenciación. Hoxe os faxémidos son aínda útiles para xerar moldes para a mutaxénese dirixida a sitio. A caracterización detallada do ciclo de vida do fago filamentoso e as caracerísticas estruturais levaron ao desenvolvemento da tecnoloxía do phage display, na cal poden expresarse diversos péptidos e proteínas como fusións de proteínas na cuberta de fagos e son presentados na superficie viral. Os péptidos e polipéptidos presentados son asociados co correspondente ADN codificante dentro da partícula do fago e así esta técnica serve para o estudo das interaccións proteína-proteína e outras combinacións ligando/receptor.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Wilson, K.; Walker, J. (2010). Principles and Techniques of Biochemistry and Molecular Biology. 7ª ed. Nova York: Cambridge University Press. p. 751.
- ↑ Barbas, Carlos F.; Burton, Dennis R.; Scott, Jamie K.; Silverman, Gregg J. (2001). Phage Display: A Laboratory Manual. Nova York: Cold Spring Harbor Laboratory Press. ISBN 978-087969740-2.
- ↑ Melnikov, Anatolij A.; Tchernov, Alexander P.; Fodor, Istvan; Bayev, Alexander A. (abril de 1984). "Lambda phagemids and their transducing properties". Gene 28 (1): 29–35. PMID 6234200. doi:10.1016/0378-1119(84)90084-2.
- ↑ 4,0 4,1 Reece, Richard J. (25 June 2004). Analysis of Genes and Genomes. Wiley. ISBN 978-0-470-09157-9.
- ↑ Lund, Paul E.; Hunt, Ryan C.; Gottesman, Michael M.; Kimchi-Sarfaty, Chava (2010). "Pseudovirions as Vehicles for the Delivery of siRNA". Pharmaceutical Research 27 (3): 400–420. PMC 2831147. PMID 19998056. doi:10.1007/s11095-009-0012-2.