Saltar ao contido

Federación de Traballadores da Rexión Española

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Federación de Traballadores da Rexión Española
Tipopartido político
Ideoloxíaanarquismo coletivista
Data de fundación1881
Data de disolución1888
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]
Selo da Federación de Traballadores da Rexión Española da AIT.

A Federación de Traballadores da Rexión Española foi unha organización fundada en Barcelona en setembro de 1881.[1] Foi unha orgaización de carácter anarquista e sindicalista, que se creou baixo a unión das sociedades obreiras de Barcelona, adoptando a estrutura aprobada pola Federación Rexional Española da AIT no Congreso de 1870 (sindicatos de oficio, federacións locais, federacións rexionais e federacións estatais) pero seguindo unha liña máis obrerista oposta á política parlamentaria. Entre os seus dirixentes destacou Anselmo Lorenzo.

Tivo soamente sete anos de vida, pois rematou por se disolver en 1888. A Federación evolucionaría ó longo da década de 1880 cara a Organización Anarquista da Rexión Española (OARE) á que o goberno imputou as accións da organización Mano Negra. Internamente destacaron os enfrontamentos entre o sector colectivista bakuninista e o sector comunista libertario kropotkiniano. Coa súa disolución, no anarquismo se impuxo a tendencia que preconizaba a violencia da "propaganda polo feito".

A partir de 1910 o movemento anarquista español organizouse en torno á recentemente fundada a raíz do segundo congreso de Solidaridad Obrera, a Confederación Nacional do Traballo.

Congresos

[editar | editar a fonte]

Primeiro Congreso da FTRE

[editar | editar a fonte]

O 10 de xullo de 1881, publicouse un manifesto asinado por 50 sociedades obreiras convocando un congreso para os días 23, 24 e 25 de setembro. O congreso celebrouse coa asistencia de 140 delegados que representaban a 162 sociedades obreiras de 70 localidades (35 delas de Cataluña). Nomeouse unha Comisión Federal formada por Francesc Tomàs Oliver, Antoni Pellicer i Paraise, Eudald Canivell i Masbernat, Rafael Farga i Pellicer e Josep Llunas i Pujals con sede en Barcelona. Aínda que, como en ocasións anteriores, os republicanos pretenderon impor as súas teses na dirección do movemento obreiro, de novo, foron derrotados e por 110 votos contra 8, se afirma "o anarquismo como ideal do proletariado español" e, o congreso, proclámase herdeiro da Federación Rexional Española da AIT.[2]

Axiña se adheriron á nova Federación as antigas sociedades da FRE. En febreiro de 1882, a FTRE tiña 93 federacións locais e 280 seccións, e en agosto contaba xa con 185 federacións locais, 561 seccións e 45.600 federados.

Segundo Congreso da FTRE

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1882 celébrase un segundo congreso en Sevilla. A Federación contaba con 58.000 afiliados repartidos en 218 federacións locais.[3] Neste congreso produciuse un enfrontamento entre os anarco-colectivistas cataláns e os anarco-comunistas andaluces, que contaban cunha maior afiliación. Estas diferenzas debíanse á diferente situación laboral e económica que existía entre os obreiros manufacturadores das vilas e cidades de Cataluña, e as condicións sociais que sufrían os xornaleiros e temporeiros dos campos de Andalucía. Ademais da forte represión policial en Andalucía polos feitos da Mano Negra, os anarco-comunistas reprochaban ós anarco-colectivistas o seu legalismo, mentres o goberno torturaba ós traballadores andaluces.

Terceiro Congreso da FTRE

[editar | editar a fonte]

Do 4 ó 8 de outubro de 1883 celebrouse en Valencia o terceiro congreso, cunha asistencia de 121 delegados de 88 federacións locais e 62 seccións de oficios. Daquela a FTRE compúñase de 14 federacións comarcais, 222 federacións locais e 539 seccións. Neste congreso se condenaron os feitos da Mano Negra[4] o que provocou un enfrontamento entre os partidarios de manter a Federación dentro da legalidade e os máis extremistas que pensaban que coa legalidade a man o goberno os presionaba e torturaba. Estes últimos, encabezados por Francisco Gajo, Manuel Pedrote e Miquel Rubio, organizaron unhas xornadas paralelas constituíndo Los Desheredados. Organización revolucionaria anarquista, razón pola que foron expulsados da FTRE.
Tamén se decidiu que a Comisión Federal radicase en Valladolid, elixíndose como Secretario a Indalecio Cuadrado.

Congreso Extraordinario

[editar | editar a fonte]

En setembro de 1884 celebrouse en Barcelona un congreso extraordinario, coa asistencia de 64 delegados, faltaron os andaluces como protesta polos sucesos do Congreso de Valencia no que se expulsou os defensores da idea máis libertaria.[1] Os delegados asistentes decidiron que a FTRE pasara á clandestinidade e que as seccións e federacións se comunicasen entre elas do xeito que considerasen oportuno. Isto non foi aceptado polos dirixentes cataláns que continuaban defendendo o anarcosindicalismo pola vía legal. A través de La Revista Social iniciaron unha campaña buscando adhesións, e convocaron un congreso en Madrid para maio de 1885, onde estarían representadas 17 federacións locais, sen que se conseguise aceptar o desmembramento da Federación, que aínda celebraría un novo congreso en Barcelona en xullo de 1885, que tampouco serviría para acercar posicións.

Cuarto e Quinto Congreso da FTRE

[editar | editar a fonte]

En maio de 1887 celebrouse un novo congreso en Madrid ó que só asisten 16 delegados.[5] A nova Comisión Federal se establece en Barcelona e caminaba cara á súa disolución, que tería lugar en Barcelona nun derradeiro congreso en maio de 1888. O sector máis sindicalista intenta crear unha nova organización, a Federación Española de Resistencia ó Capital (FERC). A sección anarquista da FTRE organiza en Valencia en outubro de 1888, a Organización Anarquista da Rexión Española (OARE) onde se certifica a disolución efectiva da FTRE.

  1. 1,0 1,1 Vidal (2009), p. 161
  2. Gómez (2006), p. 86
  3. Gómez (2006), p. 88
  4. Gómez (2006), p. 87
  5. Guerrero, Fernando (1978). El Sindicato en la España de hoy (en castelán) 11. Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos. p. 17. ISBN 9788422008453. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • "Actas do 1º Congreso da Federación de Traballadores da Rexión Española (FTRE), Barcelona". 1881. 
  • "Actas do 2º Congreso da Federación de Traballadores da Rexión Española (FTRE), Sevilla". 1882. 
  • Avilés Farré, Juan (2013). La daga y la dinamita. Los anarquistas y el nacimiento del terrorismo (en castelán). Barcelona: Tusquets Editores. ISBN 978-84-8383-753-5. 
  • "Enciclopedia Catalana". Barcelona, edicions 62. 1997. 
  • Gómez Casas, Juan (2006). Historia del anarcosindicalismo español: epílogo hasta nuestros días (en castelán) (5ª ed.). Madrid: LaMalatesta editorial. ISBN 978-84-934762-1-2. 
  • Santasusagna (1982). Reus i els reusencs en el Renaixement de Catalunya. Reus. 
  • Termes, Josep (1977). Anarquismo y sindicalismo en España. La Primera Internacional (1864-1881) (en castelán). Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-023-3. 
  • Termes, Josep (2011). Historia del anarquismo en España (1870-1980) (en castelán). Barcelona: RBA. ISBN 978-84-9006-017-9. 
  • Tuñón de Lara, Manuel ((1977) [1972]). El Movimiento obrero en la historia de España (en castelán). I (1832-1899) (2ª ed.). Barcelona: Laia. ISBN 84-7222-331-0. 
  • Vidal Manzanares, Gustavo (2009). Pablo Iglesias (ebook). Col. Historia Incógnita (en castelán). Madrid: Nowtilus. ISBN 978-84-9763-729-9. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]