Saltar ao contido

Feixó do demo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre un fungo, para a afección dermatolóxica chamada esclerose sintémica, véxase esclerodermia.

O feixó do demo (Scleroderma citrinum), coñecido vulgarmente coma peido limoeiro,[1] é un fungo con aspecto de pataca, a especie máis común do xénero Scleroderma (falsas trufas) en Galiza, tamén no Reino Unido, que aparece amplamente en bosques, fragas, uceiras e pasteiros polo outono e polo inverno. Scleroderma citrinum ten dous sinónimos, Scleroderma aurantium (Vaill.) e mais Scleroderma vulgare Horn.[2]

As falsas trufas son superficialmente semellantes aos peidos de lobo, cogomelos dos xéneros Calvatia, Calbovista e Lycoperdon, mais mentres os peidos de lobo adoitan ter unha soa saída no coto do chapeu a través da cal espallan as esporas, as falsas trufas simplemente creban para ceibar as esporas. Ademais, Scleroderma citrinum ten unha carne moito máis firme e unha gleba (miolo) de cor moura que medra moito antes ca os peidos de lobo. Scleroderma citrinum non ten pé, polo que liga ao chan con cordóns miceliais. O peridio (ou parede exterior, unha codia semellante á da laranxa, protexe o interior e se abre para permitir que as esporas se espallen) é grosa e firme, polo xeral de cor amarela ocre externamente con verrugas irregulares. O feixó do demo pode ser parasitado por Pseudoboletus parasiticus.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Scleroderma do grego skleros, duro e derma, pel: pel dura; e citrinum pola súa cor que lembra ao limón, cortado transversalmente coa gleba aínda sen "madurar" de todo na que se poden apreciar claramente estas dúas partes[3].

Distribución en hábitat

[editar | editar a fonte]

Scleroderma citrinum é quizabes o membro máis abundante deste grupo de fungos (peidos de lobo) na zona das Rías Baixas, e bastante doado de identificar. É común en toda a Europa Atlántica. Medra en grupos máis ou menos numerosos en bosques de coníferas e de folla ancha (micorrízico), ás veces sobre madeira podrecida (saprófito), de preferencia polos solos acedos. Aparece a finais do verán e polo outono. É moi común en Galiza xunto co fungato (Lycoperdon perlatum) e Pisolithus arhizus, quizabes os gasterais máis abondosos.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O feixó do demo non ten nin pé, nin chapeu, nin lamelas. O corpo frutífero mide de 5–10 cm de diámetro, é globoso, algo esmagado polos polos, moi sólido. O peridio é de 2–3 mm de grosor, pardo amarelado ou pardo oliva, cuberto de largas escamas esmagadas ou areolado e furfuráceo. Cando madura ábrese polo ápice ceibando unha masa esporal pulverulenta. Carece de pé. A gleba é dura, abrancazada ou rosada, axiña torna a unha cor cinsenta ou cor lousa con tinguiduras violáceas e vénulas abrancazadas. Cheiro e sabor desagradábeis. Ao final se transforma nunha masa agrisada e escura de consistencia cotonosa e pulverulenta[3].

Comestibilidade

[editar | editar a fonte]

A inxesta de Scleroderma citrinum pode causar molestias gastrointestinais en humanos e animais, e algúns individuos poden experimentar lagrimeo, rinite, rinorrea, e conxuntivite coa exposición ás súas esporas.[4][5] O fedor que bota xa denota a súa toxicidade.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Web da Asociación Micolóxica Refungando
  2. Pekşen, Aysun e Gürsel Karaca (2003). "Macrofungi of Samsun Province" (PDF). Turkish Journal of Botany 27: 173–184. 
  3. 3,0 3,1 Web da Asociación Micolóxica “Refungando” - http://refungando.blogspot.com.es/2010/08/o-peido-limoeiro-scleroderma-citrinum.html
  4. (Outubro 2006.) "Reflections on Mushroom Poisoning – Part III." (Newsletter.) Fungifama: The Newsletter of the South Vancouver Island Mycological Society, via svims.ca. Consultado o 17 de setembro de 2007
  5. Hoffman, Ursula. "Poisonous Mushrooms in Northeastern North America" Arquivado 07 de xuño de 2004 en Wayback Machine. (Website.) NorthEast Mycological Federation, Inc. Consultado o 17 de setembro de 2007.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Buckzacki, Stefan; John Wilkinson (1982). Mushrooms and Toadstools (Collins Gem Guide). Wm. Collins Sons & Co. Ltd. ISBN 0-00-458812-6. 
  • Wakefield, Elsie M. (1964). The Observer's Book of Common Fungi (Observer's Pocket Series No. 19) (3rd printing ed.). Frederic Warne & Co Ltd. ASIN B000XS1UEO. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
  • [1] Información do cogomelo na web da Asociación Micolóxica “Refungando” (en galego)
  • Medicinal Mushrooms Descrición, compostos bioactivos e propiedades medicinais (en inglés)
  • Mushroom Expert Información adicional (en inglés)