Os cogomelos na cultura popular galega
A seguir recóllese a pegada dos diferentes tipos de cogomelos na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
Terminoloxía tradicional na lexicografía galega
[editar | editar a fonte]O que aparece no DRAG son maioritariamente expresións monolexicais para grupos supraespecíficos, tanto cultismos (amanita, cantarelo, lepiota, penicilio, volvaria e asperxilo), como máis patrimoniais (boleto, cacabina, champiñón, peido de lobo ou fungón e trufa), como un sinónimo de cada tipo (agárico ou cogorda).
Hai porén denominacións para especies, como níscaro (Lactarius deliciosus), a manita (Clavaria crispa), o carallán (Phallus impudicus), o tortullo (Tricholoma portentosum), e o chouparro, choupín ou roco (Macrolepiota procera), que pode ser cogordo ou cerrote se ten o sombreiro pechado ou patamela se está aberto.
Respecto ós fungos patóxenos que non crean cogomelos, están representados especialmente os que atacan a viña e os cereais: a mera; o oídio; o mildio; o borro; a potra; o cisco, morrión ou mourón; e o caruncho, cornizó ou dentón.
Nos outros repertorios non académicos, están entre outras moitas as seguintes locucións:
- corno dos mortos (DGII, s. v. corno) para Craterellus sp.
- dente de can (DE, s. v. dente) para o cornizó, Claviceps purpurea
- hernia da col (DGII, s. v. hernia) para Plasmodiophora brassicae
- lingua de boi (DGII, s. v. lingua) para Fistulina hepatica
- lingua de ovella (DGII, s. v. lingua) para Hydnum repandum, Sarcodon imbricatum e Pseudohydnum gelatinosum
- ollo de galo (DGII, s. v. ollo) para Mycena citricolor
- ovo de raposa (GDXL, s. v. ovo)
- pan de bobo (DE, s. v. pam)
- pan de raposo (DE, s. v. pam)
- pan de sapo (DE, s. v. pam)
- pé azul (DGII, s. v. pé) para Tricolomataceae spp.
- pé de rata (DGII, s. v. pé) para Basidiomicetae spp.
- pedra do trigo (GDXL, s. v. pedra)
- pementa do monte (DGII, s. v. pementa) para Agaricales spp.
- pementeiro veludo (DGII, s. v. pementeiro) para Russula sp. (pode ser a netorra)
onde (DE) = Dicionário Estravíz ; (DGII) = Dicionario Galego de Ir Indo en digalego.com; e (GDXL) = Gran Dicionario Xerais da Lingua de 2000.
Locucións
[editar | editar a fonte]- ter fungos: ter mal carácter (DE, s.v. fungo)
- crecer coma fungos: medrar por todas partes
- ser un funga na cinza (posiblemente de fungar): ser pouco decidido, con pouco valor ou ánimo, facilmente manipulable (DCEFFG, s. n. 73)
Refraneiro popular
[editar | editar a fonte]A maioría dos refráns galegos fan referencia ó perigo que ten a inxestión de fungos se non se ten un coñecemento axeitado sobre micoloxía.
- Cando fales dos cogomelos, fala dos malos e non terás preitos cos aconsellados
- Falar pouco, e mal, se de fungos tes que falar
- Vale máis fungo perdido que comido
- Fungo regalado con discreción tiralo
- Cogomelo murchado, xa rexeitado
- O que de cogomelos se farta, non lle ten medo a morte
- O fungo bo, pronto deixa de selo
- Se queres morrer, ás cegas fungos coller
- Dun erro, faise un enterro
- O peor do erro é o enterro
- Moito tes que saber para cogomelos comer
- Comer cogomelos con aprehensión, fanche dano anque sexan bos
- Orellos, cuncos e pantorras, escaldas pra que non morras[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O nome popular galego da Helvella monachela, Helvella sulcata e maila Helvella crispa é orello, a Sascosphaera coronaria é chamada cunco, e as Morchellas, son as pantorras. Este refrán fai referencia a que xa dende antigo se sabía no rural que a primeira auga destes cogomelos debíase tirar, xa que son tóxicos cando crus. Extraído de http://www.valdeorras.com/micologia Arquivado 17 de outubro de 2008 en Wayback Machine.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- RUÍZ LEIVAS, Cristovo, e EIROA GARCÍA-GARAVAL, Juan A.: "Fraseoloxía e terminoloxía dos cogomelos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2002, px. 363-379.