Saltar ao contido

O can na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Can de palleiro.

A seguir recóllese a pegada que deixou o can na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.

Supersticións

[editar | editar a fonte]
Cinamomo, árbore da rabia ou árbore de Santo Outel

Conta Eladio Rodríguez [1] que en Galicia tiñan pánico dos cans doentes (enfermos de rabia), motivo polo que, cando aparecía un, xuntábanse axiña os homes armados con paus, fouces e outros apeiros de labranza para darlle caza e matalo. Cando alguén resultaba mordido, levábano a unha fonte e se na auga do pío se reflectía a figura da cabeza dun can era sinal de que estaba infectado.

Santo Outelo ou Eutelo é o santo avogoso para protexer e curar ás xentes que foron trabadas por un can doente ou sospeitoso de selo. De feito, o cinamomo (Melia azedarach) chámase tamén árbore da rabia e árbore de Santo Outel porque se considera que cura a enfermidade mediante unha infusión feita coa casca, as follas e as flores e o rezo de ensalmos coma estes [2]:

  • Can da rabia,/ tente en ti,/ que o San Alauterio/ está no medio de min e de ti.
  • Detente, can doente,/ como Dios se tuvo en si./ San Outeliño bendito/ no medio de min e de ti.

Ramón Cabanillas escribiu un poema sobre O can da rábea, que inclúe estes versos:

Súpeto, un can que babeando acora
prántase na cancela, a lengoa fora
y-o mirar abravado y-encendido
Ó vel-o érguese o mozo decontado
e collendo a rabela d'un arado
ponse a berrar: ¡Un can adoecido!

...

Ó brincar un valiño d-un ruleiro
tíralle un mozo ás pernas un fungueiro
y-o ferido animal cai dando rolos
Outro mozo, no istante, erguendo o sacho
tan ben lle acerta que ó fenderlle o cacho
pol-o camiño vértense os miolos.
Ramón Cabanillas[3]

Animais fantásticos

[editar | editar a fonte]

Existen certas aparicións fantásticas protagonizadas por cans [1]:

  • Can branco: visión fantástica que se aparece de noite nos camiños e que mira tristemente a quen se atopa. Aínda así, crese que é de bo agoiro.
  • Can negro: aparición fantástica en forma de can de cor negra, que se aparece nos camiños. Considérase de mal agoiro.
  • Can do mar: ser fantástico con forma de can grande e negro, que sae do mar oubeando furiosamente.
  • Cadela das tetas longas: ser fantástico que aparecía durante a noite anunciando a morte. Tiña a forma dunha cadela branca cunhas mamas que case lle arrastraban polo chan e botando lapas de lume pola boca. Por veces era tan grande coma un cabalo e podía partirse en dúas metades. Tan pronto ladraba coma un can que beaba coma un carneiro, grallaba coma un corvo ou choraba coma unha carpideira nun enterro.
Tipos de cans
  • Can coenlleiro: o especializado na caza do coello.
  • Can danado: can doente.
  • Can de axuda: can de defensa do seu amo.
  • Can de busca: can de caza.
  • Can de caste: can de raza, non cruzado.
  • Can de caza: can que se dedica a cazar.
  • Can de gando: can de gran tamaño, que vai co gando ó monte para defendelo dos ataques do lobo.
  • Can de montaña: ver can de gando'.
  • Can de palleiro: can do país, que adoitaba dormir no palleiro, e de aí o seu nome.
  • Can do mar: peixe da familia das quenllas.
  • Can doente: can enfermo de rabia
  • Can faldreiro: can de pequeno tamaño, que adoita estar nas faldas das mulleres.
  • Can grande: antiga moeda de dez céntimos de peseta, tamén chamado patacón.
  • Can guicho: can perdigueiro.
  • Can ladrador: can que ladra moito e frecuentemente.
  • Can lebreiro: especializado na caza de lebres e coellos.
  • Can maior (Canis Major): constelación que comprende a estrela Sirio, a máis brillante do ceo nocturno da Terra.
  • Can menor (Canis Minor): constelación austral, formada só por dúas estrelas.
  • Can ovelleiro: can especializado a pastorear ovellas.
  • Can pequeno: moeda de cinco céntimos de peseta, tamén chamada cadela.
  • Can perdigueiro: raza de cans de grandes orellas, especializado na caza de perdices.
  • Can rabeno: can ó que lle cortaron o rabo total ou parcialmente.
  • Can raposeiro: can especializado na caza do raposo.
  • Can sen dono: can vagabundo, que anda errante polos camiños.
  • Can ventador, can venteador: can de caza que segue a esta polo olfacto.
O can como metáfora
Cadela de frade
  • Cadela: moeda de pouco valor;
  • Cadela: fig. muller de xenio vivo, que se alporiza por nada.
  • Cadela: pan pequeno feito coa masa sobrante.
  • Cadela: lorcho bravo.
  • Cadela, cadelucha: nome xenérico de diferentes moluscos.
  • Cadela da verdura: verme da col (Helicoverpa armigera).
  • Cadela das patacas: verme que ataca as patacas.
  • Cadela de cen patas: cempés.
  • Cadela de frade: forcadela, rapacarallas (Forficula auricularia). Crese que é quen de meterse polo oído da xente ata perforar o tímpano e poñer os ovos no fondo do conduto auditivo [4].
    • Cadela de faldras, cadela dos frades, cadela faldrexa.
    • Cadela lareta, cadela lavada: ver cadela de frade.
    • Cadeliña do demo: ver cadela de frade.

Locucións

[editar | editar a fonte]
  • A paso de cadela: a paso lixeiro, rápido [5].
  • Apupar a un como un can: perseguir a un con insultos e burlas [1].
  • Atar os cas con longaínzas: dise cando se promete algo imposible, para enganar a alguén [6].
  • Botar os cans a un: recibir mal a unha persoa, con berros e malos xestos, botarlle fóra [1][4].
  • Botarlle un can a un: ver botar os cans.
  • Cara de can: dise da persoa fea, que ten cara de poucos amigos, que pon mal xesto, que é antipática [1][4].
  • Cariñento coma un can: moi cariñoso, dócil, obediente.
  • Coma cás e gatos: ver levarse coma o can e o gato.
  • Comer coma o can dos gardas: comer moito [7].
  • Como can con vincha ó rabo: dise de quen marcha fuxindo, corrido e avergonzado.
  • Como ir á caza sin can: facer algo por perder o tempo.
  • Contarlle os pelos a un can: pretender algo que resulta imposible conseguir. Tamén se aplica a alguén que é moi espelido.
  • Correr a un coma un can: acosar a alguén, perseguilo.
  • Despertar o can que dorme: equivale a buscar tres pés ó gato.
  • Facer como os cans grandes cos pequenos: ignorar os ataques ou críticas daqueles a quen se considera inferior ou máis débil.
  • Fame de can: fame grande
  • Ir os cans onde non os chaman: dise de quen se entromete onde ninguén o chama, nin lles importa nada [8].
  • Levarse como o can e o gato: estar rifando permanentemente, levarse mal con outro [4].
  • Meter os cas na bouza: sementar xoio entre uns e outros, levantar inimizades entre uns e outros, para que sexan os outros os que actúen e sen tomar partido por ninguén [1][4][8].
  • Morrer adoecendo coma un can: morrer desesperado, entre fortes dolores.
  • Morrer como un can: morrer na miseria, no máis absoluto abandono, sen que ninguén o coide nin se compadeza [1][4].
  • Non hai can que o roa: aplícase a algo insoportable, incrible ou que ninguén pode entender.
  • Non parar nin os cans: dise cando vai un frío intenso.
  • Non quedar can tras palleiro que non cachease: dise tras escudriñar atenta e minuciosamente un lugar.
  • ¡Non teño nin cadela!: dío quen non ten un pataco [1].
  • Non valer o que o rabo dun can: non valer nada unha cousa, non ter en consideración a alguén [1][4].
  • ¡O meu can pillou unha mosca!: dise cando ocorre algo pouco habitual ou cando alguén acerta algo por pura casualidade ou propón unha solución que resulta obvia ou xa proposta por outro [1][9].
  • Parecer un can sin dono: dise da persoa que anda e vive soa, que carece de amigos [1][4].
  • Pasar vida de can: vivir con grandes traballos e privacións [1].
  • Pelexar os cas pola carniza: dise das leas entre os políticos, entre os membros da curia, entre os herdeiros [8] .
  • Poñer a un coma un can: insultar a alguén, ofendelo [1].
  • Poñerse feito un can: alporizarse moito, enfadarse [1].
  • Resultarlle un can calzado: dise de quen levou un chasco, ou que resultou burlado [1].
  • Saírlle [a alguén] o can sen rabo: levar un chasco [8].
  • Se fora un can mordíate: dise cando alguén está buscando algo que ten diante e non o ve.
  • Ser un can ceboleiro: dise de quen nunca rexeita unha invitación e come alí onde o inviten [10].
  • Ser un can das merendas: ver Ser un can merendeiro [11].
  • Ser un can merendeiro: dise de quen vai de casa en casa levando contos, e faino aproveitando as horas nas que resulta probable ser convidado a comer algo sen ter que pedilo [1][4].
  • Ser un can sin dono: dise de quen leva unha vida desordenada e sen que ninguén o controle [8].
  • Ser un can vello: dise de quen, por idade e experiencia, pórtase con cautela e precaución, sendo imposible enganalo [1].
  • Ser can vello no lugar: aplícase a quen sabe tódolos andares de tódolos veciños dun lugar.
  • Ter carne de can: ter unha persoa moito aguante ou resistencia.
  • Tratar a un coma un can: maltratar a alguén, tratalo con desprezo [1].
  • Volver ó pasado, como o can ó trousado: reincidir nalgún vicio ou falta, como o can que volve a comer o que acaba de vomitar [1].

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Refraneiro galego sobre o can.
  • Amigos, coma o can e o gato.
  • Ás veces ruín cadela roe boa correa.
  • Cando o can quer a cadela, ofrécelle farela.
  • De can, cadela; e de cadela, can.
  • De coxo e can rabelo, líbrenos Dios como do demo.
  • Dous lobos a un can, ben o comerán.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
  • Á porta de cas te mordan,/ malos gatos te rabuñen,/ que veña un boi que te escorne/ i a morte que te apatule [12].
  • A sogra da miña irmá/ ten un xenio de cadela;/ miña irmanciña querida/ vas pasar a vida negra [13].
  • Almendriñas nas orellas/ tamén as ten o meu can;/ cando vai atrás das lebres/ xempre pensa que lle can [14].
  • Andas abaixo i arriba,/ pensas que ninguén cho sabe;/ sábecho Dios, todo o mundo/ e tamén o can do abade [15].
  • Andas de abaixo pra arriba,/ coidas que ninguén cho sabe;/ sábeo Dios e todo o mundo/ e a cadela do abade [16].
  • Aquela vella/ porque era vella/ quer que lle fagan/ a cama de pedra/ i á cabeceira/ un can polo rabo/ pra cando esperte/ que bote un trago [17].
  • Asubíasme de lonxe/ como a can que anda perdido;/ eu non son can de palleiro/ que entenda por asubío [18].
  • Cálate, vaite calando,/ cara de cinta marela,/ que te teño retratado/ no cu da miña cadela [19].
  • Cando non hai que facer/ ¿que farán os cataláns?/ Andarán pola ribeira/ tirando pedras aos cans [20].
  • Cando non hai que pescar/ ¿que farán os cataláns?/ Andarán pola ribeira/ tirando pedras ós cans [21].
  • Chamáchesme cachorriño,/ mais eu non mordo a ninguén,/ que se ladro á túa porta/ é porque che quero ben [22].
  • Como queres que te queira/ se me perdiche o amor?/ No monte o can vai chorando/ que perdeu ao seu señor [23].
  • Dime, por Dios, Cateliña,/ quen te meteu nistes tratos;/ o teu pai é carpinteiro,/ fóxenlle os cas cos cabacos [24].
  • Dime por Deus, Mariquiña,/ ¿Quén te meteu neses tratos?/ Teu pai é mal carpinteiro,/ Fóxenlle os cas cos cabacos [25].
  • Eí vai Luisa de Guinio,/ corre coma unha cadela,/ busca-los dentes do burro/ pra faguer unha peineta [26].
  • Este pandeiro que toco,/ este que teño na man,/ este pandeiro que toco/ é de pelexo de can.
  • Eu pedinlle o Maio/ a un capitán,/ non me tuvo que dar/ máis qu’a cabeza dun can.
  • Eu teño un can de palleiro/ que de noite anda ceibado,/ ten coidado, Maruxiña,/ Maruxiña ten coidado [27].
  • Eu teño un cansiño/ que baila abofé,/ que baila a muiñeira/ na punta dos pés,/ na punta dos pés,/ dá un brinco pra trás/ e tócalle as cunchas/ no chascarraschás [28].
  • Inda che hei de botar unha/ por riba dunha cancela,/ que tu non has de negar/ que es filla dunha cadela [29].
  • Indo por alí abaixo/ troquei un can por un galgo;/ a sangre toda é bermella,/ quen ten diñeiro é fidalgo [30].
  • Iste pandeiro que toco/ é da pelica dun can/ que me morreu de morriña/ á porta dun sancristán [31].
  • Ladran os cas na carreira,/ ladran os cas, alguén vén,/ os mozos desta outra noite/ quedaron vir polo pé [32].
  • Ladran os cas na carreira,/ ládranlle non sei a quen,/ son os mozos de onte á noite/ quedaron de vir e vén [33].
  • Meu siñor Santo Tomé,/ sodes un santo moi bo,/ pois sodes can polo "to"/ e carneiro polo "me".
  • Na miña vida tal vin/ nesa aldea de Seráns:/ unha cadela con pitos,/ unha galiña con cans [34].
  • No nabal do meu sogro/ acitáronme os cas/ e saíu a miña sogra/ cunha chanca na mau;/ coa chanquiña na mau/ i o zapato no pé;/ ela a min tenme rabia,/ eu ben sei por qué é [35].
  • No portal do meu sogro/ apurráronme os cans/ e saleu miña sogra/ cunha tranca na man [36].
  • O can, o can,/e maila cadela,/roéulle as enaguas/á señá Manoela [37].
  • O home de neno é rei/ e de mozo capitán,/ de casado pasa a burro/ e de vello queda en can [38].
  • Ollos blancos, ollos negros,/ tenos a miña cadela/ para ir corre-los coellos/ nos montes de Paradela [39].
  • Os mociños de Gaiás/ védelos acolá van:/ os pequenos antre os grandes/ levan o paso do can [40].
  • Pasei pola túa porta,/ tropecei con mal camiño,/ cun can morto que ladraba/ metido nun buratiño./ Vaite de aí, feiticeiro,/ non me veñas atentar/ que mentira me parece/ que un can morto ha de ladrar [41].
  • Pensaches por ser moi rica/ que xa me tiñas seguro;/ tes un xenio de cadela/ i eu non nacín pra burro [42].
  • Pola porta do tío Pedro/pasou o can do tío Miguel/cunhas polainiñas novas/remontadas de burel [43].
  • Por berrar ¡Viva San Roque!/ prenderon a meu irmán./ Agora que xa está solto:/ ¡viva San Roque e o can! [44].
  • Por berrar ¡Viva San Roque!/ prenderon a meu irmau;/ agora que xa o soltaron/ vivan San Roque e o can [45].
  • Sai de eí, can narigudo,/ sai, penachos de carneiro,/ sai, que te quero ver ben,/ pois eu non che teño medo [46].
  • San Román que en Roma estás,/ gárdame de can doente e por danar,/ son morto de mal do atopo,/ son vivo do mor perigro,/ san Roman sexa comigo.
  • Se queres que vaia e veña/ de noite polo lugar/ manda cala-la cadela/ que non fai senón ladrar./ A cadela non a prendo/ porque non teño outro can;/ se non podes vir á noite/ vén mañá pola mañá [47].
  • Se queres que vaia e veña/ de noite polo lugar/ manda cerrar a cadela/ que non fai sinón ladrar.
  • Se queres que vaia e veña/ de noite por o lugar,/ manda prender a cadela/ que non fai senón ladrar [48].
  • Si queres, miña meniña,/ que che vaia visitar/ manda prender a cadela/ que non fai senón ladrar [49].
  • Si queres que vaia e veña/ meniña ó teu lugar/ has de prender a cadela/ que non fai senón ladrar [50].
  • Teño andado moito á caza,/ nunca vin unha carriza:/ non sei se era dos cas,/ se era da miña perguiza [51].
  • Teño un can - que se chama José/ que baila o fandango - coa punta do pé./ Teño un can - que veu da Marola/que baila o fandango - cunha perna sola [52].
  • Teño un canciño que toca/ i outro que bailla moi ben,/ temos con que adivertirnos/ miña muller e mais eu [53].
  • Teño un cansiño na horta/ preso con unha cadea,/ a min tamén me prendeu/ aquela linda morena [54].
  • Unha vella tiña un can/ por baixo da cama onde ela dormía;/ cando a ella espertaba/ o can ladraba i a vella decía:/ “Malos raios che parta o can,/ que mal agradeces/ o pan que che dan” [55].
  • Vaite á merda, vaite á merda,/ por riba dunha cancela/ inde che hei facer comer/ as tripas dunha cadela [56].
  • Vaite de aí, carpinteiro,/ non me veñas a tentar,/ como pode ser un can/ despois de moito ladrar [57].
  • Vale máis quererlle a un can/ que a un home terlle amor;/ o can xempre garda a porta/ i o home xempre é treidor [55].
  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 Eladio Rodríguez González, s. v. can.
  2. Xesús Ferro Ruibal, 259.
  3. Cabanillas, Ramón: "O can da rábea", en Suevia nº 3, 5 de febreiro de 1916.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 4,8 Real Academia Galega: Diccionario (1913-1928).
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. cadela.
  6. José María Pereda Álvarez. No orixinal: langoízas.
  7. O colector engade que, coma os gardas civís gañaban pouco, o can que levaban estaba morto de fame e comía vorazmente cando conseguía algo.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 José María Pereda Álvarez.
  9. Victoria Cerviño Ferrín 2013.
  10. Aníbal Otero Álvarez: Piquín.
  11. Elixio Rivas Quintas (1978).
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 43.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 49.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 36. No orixinal: taménas, o meu cán. As almendriñas ou almendrillas son os pendentes e tamén os apéndices carnosos que penduran do pescozo e orellas do porco e da cabra.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 39. No orixinal: cán.
  16. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No texto: d’abaixo’ pr’arriba, ch’o.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 44.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 50. Paralela a can de palleiro é a denominación de fillo de palleiro (ou fillo de tras do palleiro) aplicada ós fillos de solteira, sen pai recoñecido.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 55. No orixinal: .
  20. Álvaro das Casas, 192. No texto: pol-a, cáns.
  21. Lino Lema Bouzas, 14.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 62.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 64. No orixinal: perdéu.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: quén, cás. Cabacos son trozos de madeira.
  25. Real Academia Galega (1913-1928), s. v. cabaco. No orixinal: meteo, n-estes, Fogenlle os cás c' os cabácos.
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: ehí, buscalos.
  27. Álvaro das Casas, 215.
  28. Fermín Bouza Brey 1929, 186.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 89. No orixinal: és, de unha.
  30. Real Academia Galega 1913, s. v. bermello.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: de un, sacritán.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: ven, de esta.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 90. No orixinal: quén, ven.
  34. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], 188. No texto: vín, n-esa, cáns. Seráns é lugar de San Pedro de Muro pero a cantiga está recollida en Palmeira (Ribeira).
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: cás.
  36. Fermín Bouza Brey 1929, 192. No texto: cáns, c-unha, mán.
  37. No orixinal: O can, o can,/e mail-a cadela,/roéull'as enágoas/á seña Manoela.
  38. Xaquín Lorenzo Fernández, 117.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 118. No orixinal: correlos. Refírese a San Xoán de Paradela de Abeleda, parroquia do concello de Porqueira, na comarca da Limia.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández, 125.
  41. Fermín Bouza Brey 1929, 200. No texto: pol-a, tua, c-un, n-un, ahí.
  42. Xaquín Lorenzo Fernández, 131.
  43. José Pérez Ballesteros I:43,50. No orixinal: Pol-a, d'o tio, pasóu, c'unhas.
  44. Fermín Bouza Brey 1929, 188. No texto: cán.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 134.
  46. Xaquín Lorenzo Fernández, 140.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 146. No orixinal: calala, senon, nona, cán, ven.
  48. Real Academia Galega (1913-1928), s. v. cadela.
  49. Fermín Bouza Brey 1929, 200.
  50. Fermín Bouza Brey 1929, 200. No texto: ô teu lugar, â cadela.
  51. Xaquín Lorenzo Fernández, 149. No orixinal: cás.
  52. José Pérez Ballesteros I:140,16. No orixinal: co'a punta d'o pe. d'a Marola, c'unha.
  53. Xaquín Lorenzo Fernández, 151. No orixinal: e máis.
  54. Fermín Bouza Brey 1929, 160.
  55. 55,0 55,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 160. No orixinal: cán.
  56. Fermín Bouza Brey 1929, 182. No texto: â m... (por eufemismo), de unha.
  57. Fermín Bouza Brey 1929, 179. No texto: ahí.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
  • CERVIÑO FERRÍN, Mª Victoria: "Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 441-462.
  • FERRO RUIBAL, Xesús (dir.) e outros: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • OTERO ÁLVAREZ, Aníbal: Vocabulario de San Jorge de Piquín, Verba anexo 7, Universidade de Santiago, 1977.
  • PEREDA ÁLVAREZ, José María: "Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega", en Douro Litoral 1953, 5ª série, VII-VIII, pp. 19–52.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979.
  • REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas II, contribución al diccionario gallego, Alvarellos, Lugo 1988.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RUBINOS CONDE, Miguel: "Da roda para a piola: refráns e frases do sur de Galicia", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 487-502.
  • SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
  • Juan Sobreira Salgado: "Vegetables de Galicia" seguido dunhas " Retractaciones" e duns "Documentos justificativos de la nomenclatura botánica gallega" (1790), ed. de J. L. Pensado Tomé en Opúsculos lingüísticos del siglo XVIII, Galaxia, Vigo, 1974, pp. 241–267.
  • SOTO ARIAS, Mª Rosario: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]