O toxo na cultura popular galega
Aparencia
Locucións[editar | editar a fonte]
- Ser coma un toxo arnau, ser áspero no trato.
- Todo é toxo e por rozar, non hai onde escoller.
Refraneiro[editar | editar a fonte]
- Ao entrar o mes de agosto, ponse o inverno tras do toxo.
- As soberbias non caen nos toxos.
- Besta vella botala ós toxos [1].
- En agosto está a auga tras do toxo [2].
- Moitas chorimas no toxo, moita boroa polo forno.
- O toxo sempre che é toxo por floreado que estea.
- Ovella que anda entre toxos, algunha la deixa neles.
Cantigueiro[editar | editar a fonte]
- A folla do toxo pica,/ tamén pica a do codeso;/ quen me a min quer, non o quero,/ i a quen eu quero non vexo [3].
- A raíz do toxo verde/ é moi mala de arrigar;/ os amoriños pirmeiros/ son moi malos de olvidar [4].
- A raíz do toxo verde/ é moi mala de arrincar,/ os amoriños primeiros/ son moi malos de olvidar [5].
- A Santa Virxe do Viso/ tan alta se foi a pór,/ entre toxos e carqueixas,/ carballiños darredor [6].
- Anque che son de entre toxos,/ criada nas carrasqueiras,/ tamén sei beber o viño/ como as mozas das ribeiras [7].
- Arriba raposo,/ que estás tras do toxo,/ non comas o año/ a Pedro Castaño/ que vai na ribeira/ catar a manteiga/ pra a vella parida/ que está na silveira/ con feixe de estelas/ queimando as canelas.</ref>.
- Fun ó monte por sardiñas,/ fun ó mar cargar de toxo,/ polo monte fun nadando,/ polo mar nun burro coxo [8].
- Haber, heiche mandar unha,/ por detrás dun pau de toxo/ ¡e non me has de negar/ que es filla dun piolloso!.</ref>.
- Haber, heiche mandar unha/ por detrás dun pau dun toxo/ e tu non has de negar/ que es filla dun piolloso [9].
- María berrou con Chuco/ na carballeira de abaixo,/ porque lle picaba un toxo/ que levaba no refaixo.</ref>.
- Meu pai e miña nai choran/ porque non sei traballar,/ agora xa vou sabendo/ coller toxos pra picar [10].
- Miña Virxe da Peneda/ que tan alta se foi pór,/ entre toxos e penedos,/ carballiños darredor [11].
- Miña Virxe do Xurés,/ que tan alta se foi pór,/ entre toxos e carqueixas/ e carballos darredor [12].
- Na aldeíña da Torre/ non entra un carro con toxo/ por causa dunha meniña/ que ten o peliño roxo [13].
- O amor que che eu teño/ e mais o que che hei de ter/ caiben na folla dun toxo/ e mais non a han de encher [14].
- O cariño que che teño/ e mais o que che hei de tomar/ caiben na folla dun toxo/ e de elí inda ha sobrar [15].
- Para cuñas, pau de toxo/ para fungueiros, carballo/ para conserva-las verzas unha mañá de orballo.
- Paxariño millarengo,/ ponte na punta dun toxo;/ moito gusto a mi me dan/ as nenas de pelo roxo [16].
- Paxariño millarengo,/ ponte na punta dun toxo;/ toma, lévalle esta carta/ ás nenas de pelo roxo [17].
- Todo polo río arriba,/ polo río arriba hai toxos;/ no lugar de Baldemir/ no’hai onde pousa-los ollos [18].
- Vaite á merda, vaite á merda,/ por riba dun pau de toxo/ que anda decindo a xente/ que eres fillo dun piolloso [19].
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. besta.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. agosto.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 32.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 45. No orixinal: raiz.
- ↑ Álvaro das Casas, en Nós 95, 15.11.1931, 216.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 46. Ademais da Virxe do Viso, en Redondela, hai moitos outros lugares con este nome. As cantigas que recolle Xaquín Lorenzo na Limia Baixa refírense á ermida de Nosa Señora do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Real Academia Galega 1913. No orixinal: tojos.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 15.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 86. No orixinal: de un, és.
- ↑ Álvaro das Casas, en Nós 94, 15.10.1931, 193. No orixinal: por que.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 103. Refírese ó Santuario portugués de Nosa Señora da Peneda, en Arcos de Valdevez, moi próximo á fronteira con España.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 103.
- ↑ A Torre é un lugar de Santa Baia de Arealonga, Vilagarcía. Fermín Bouza-Brey 1929, 160.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 114. No orixinal: e máis, nona.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: e máis.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 130. No orixinal: de un, dán. O millarengo é un paxaro máis coñecido como liñaceiro (Carduelis cannabina).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 130. No orixinal: de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 155. No orixinal: rio, pousalos. Baldemir é lugar de San Xes de Vilariño, concello de Lobeira.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 182. No orixinal: â m... (por eufemismo), de un.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 1931.
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.