Lobeira
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | provincia de Ourense | ||||
Capital | A Vila | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 768 (2023) (11,13 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 69 km² | ||||
Altitude | 698 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Antonio Iglesias Álvarez (2019–) | ||||
Eleccións municipais en Lobeira | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 32... | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 32041 | ||||
Páxina web | lobeira.es |
Lobeira é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Baixa Limia. Segundo o IGE en 2018 tiña 807 habitantes (1.225 en 2003).
Poboación
[editar | editar a fonte]Censo total | 807 (2018) |
---|---|
Menores de 15 anos | 16 (1.98 %) |
Entre 15 e 64 anos | 351 (43.5 %) |
Maiores de 65 anos | 440 (54.52 %) |
Evolución da poboación de Lobeira Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
3.040 | 3.100 | 3.265 | 3.060 | 1.188 | 1.016 | 983 | 909 | |||||||||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Xeografía[1]
[editar | editar a fonte]Relevo
[editar | editar a fonte]O concello de 68,9 km² abrangue 8 parroquias. Está situado no suroeste da provincia de Ourense, na marxe dereita do río Limia. Abrangue a conca do río Grou, que nace na Serra do Leboreiro e desemboca no Limia.
Está situado ao suroeste da serra de Leboreiro, con cumios de até 1.300 m, mentres que a altitude mínima son 400 m en Cabaleiros.
Climatoloxía
[editar | editar a fonte]É un concello de transición entre o oceánico e mediterráneo, presente na Galicia meridional. As choivas superan os 2000 mm de precipitación anual e son máis abundantes a medida que aumenta a altitude, polo que dentro do municpio pódese distinguir unha zona occidental situada por riba dos 900 metros onde é fácil chegar ós 2000 – 2500 mm anuais, e outra vertente oriental de menor elevación onde se alcanzan os 1500-2000 mm anuais. Na estación invernal rexístrase o 38% das choivas anuais. A temperatura media anual é de 10.5 °C cunha notable oscilación térmica, xa que no inverno a temperatura media é de 4 °C e no verán é de 19 °C.
Hidrografía
[editar | editar a fonte]A rede hidrográfica organízase en torno os ríos Fragoso, Grou e Limia. O primeiro ten a súa fonte na serra do Leboreiro, trascorre en dirección N a S e orixina, na súa confluencia con outros regatos, o Grou, tributario do Limia e principal colector dunha nutrida rede de cursos de auga que nacen no citado cordal. Pola franxa oriental do concello, bañando a parroquia de Monte Longo, pasa o río Trasentes que desemboca no Limia na zona do encoro das Conchas.
Vexetación
[editar | editar a fonte]A zona máis alta do concello está desprovista de vexetación, xa que nos atopamos unicamente con rochas mesturadas con uces, xestas e toxos. Nas ladeiras máis baixas podemos atopar carballeiras, bidueiros, freixos e ameneiros.
Comunicacións
[editar | editar a fonte]A rede viaria do concello redúcese a unha serie de camiños locais que comunica as súas parroquias e ó paso da estrada N-540, que vai de Ourense cara a Portugal e que discorre polo extremo meridional do seu territorio, en paralelo ó encoro das Conchas.
Historia[1]
[editar | editar a fonte]Idade Antiga
[editar | editar a fonte]Os achados arqueolóxicos ofrecen datos sobre o asentamento do home nestas terras dende o Paleolítico e da continuidade do poboamento son testemuños outros restos que pertencen á época das invasións célticas e romanas. Na parte dereita do Limia asentouse a tribo dos querquenos, establecidos no Aquis Querquennis, sobre a vía militar que ía de Braga a Astorga.
Idade Media
[editar | editar a fonte]A finais do século X, en plena rebelión da nobreza galega contra o rei Ramiro II e máis tarde contra Vermudo II, houbo unha forte resistencia en Lobeira. Máis tarde, xa no século XII, o rei Afonso VII veríase obrigado a reprimir os continuos ataques que se produciron contra as propiedades eclesiásticas en xeral, e concretamente contra o mosteiro de Celanova.
O rei Afonso IX no ano 1228 concedeulle a Lobeira, un foro, posteriormente confirmado polos sucesivos monarcas ata Filipe V en 1709 que lles permitía ós seus veciños gozar da propiedade de todo o que era de xurisdición real, mediante o pago de 300 marabedís anuais. Ademais excluíaos do sometemento a calquera outro foro e outorgáballe-lo dereito de apelar ó rei en última instancia.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]Como enclave fronteirizo este municipio sufriu entre os anos 1640 e 1668 continuas incursións dos portugueses que tratando de chegar a Xinzo de Limia e a Celanova instalaron en Lobeira o seu cuartel xeral. Durante a Guerra de Sucesión a poboación tivo que contribuír o aloxamento das tropas que se dirixían a protexer os lugares atacados polos ingleses e polos portugueses, o que, sumado a prohibición de comunicarse e de comerciar con Portugal e ós desprazamentos a Castela nos tempos da sega, levou o pobo a unha grave crise económica. Esta situación fixo que os habitantes de Lobeira invocasen os privilexios concedidos por Alfonxo IX no século XIII.
A principios do século XIX, durante a Guerra da Independencia contra os franceses, creouse o rexemento de Lobeira que loitou contra a invasión francesa en Castela, Vigo, Tui e Portugal; foi tamén un lugar de refuxio para os que escapaban dos invasores napoleónicos, constituíron a xunta de Lobeira, presidida polo bispo de Ourense Pedro Quevedo y Quintano. Este organismo substituíu a Xunta Suprema de Galicia e organizou a resistencia en tódolos puntos de Galicia, realizando unha intervención decisiva na defensa da cidade de Vigo. Sendo de facto e de iure a capital de Galicia uns días durante xaneiro do ano 1809[2][3], pois foi o único enclave de Galicia que permaneceu libre da ocupación francesa, representando á Xunta Suprema Central de España tras a caída de A Coruña poucos días antes de constituírse. Esta Xunta apenas tivo un poder efectivo sobre as provincias de Ourense e Pontevedra, pouco despois a Xunta Suprema de Galicia estableceuse na Coruña baixo o control político do Marqués de La Romana[4][5]
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]O actual concello creouse na división municipal de 1835, que fusionou os antigos municipios de Lobeira, San Xes de Vilariño e parte do de Grou. Un ano despois engadíuselle a parroquia de Santa Comba, compartida esta última co concello limítrofe de Bande.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Igrexa de San Martiño de Grou[6]
[editar | editar a fonte]De arquitectura sinxela, o acceso realízase mediante un arco de medio punto de grandes doelas. A espadana adquire monumentalidade, con corpo de dobres arcos, decoración avolutada nos extremos e escaleiras de acceso ao campanario. No interior destacan unicamente as figuras de San Martiño, San Pedro e San Pablo, O Salvador e a Virxe Milagrosa.
Igrexa de San Xés
[editar | editar a fonte]Esta interesante edificación de estilo barroco tardío[7] posúe planta de cruz latina. A fachada é austera en decoración, exceptuando algúns detalles como a fornela do Santo Patrón: San Xes. Aínda así, a súa impresionante torre compensa a devandita sinxeleza. Esta torre de 4 corpos ten dobre campanario e remata en cúpula. No seu interior podemos admirar un espectacular retablo maior de cinco rúas. No ano 1928 a igrexa de San Xés de Lobeira foi derrubada por un raio, rompendo case toda a torre mais os tellados. Reconstruírona entre toda a parroquia, formada por seis aldeas: Senderiz, Villariño, A Canle, Valdemir, Sabariz e Torneiros.
Ermida do Viso[8]
[editar | editar a fonte]No Monte do Viso, a 852 m de altitude, está a ermida do Viso, onde se celebra a romaría do mesmo nome, unha das máis importantes da zona. Esta ermida está sobre un antigo poboado castrexo, tratándose dunha cristianización de cultos antigos. Na ermida consérvase algún resto románico, así como un retablo do século XVIII. A imaxe da Virxe é do finais do século XIX, e soamente ten talladas a cara e as mans.
O santuario constitúe un dos poucos expoñentes do románico tardío da comarca[8]. A fábrica presenta planta rectangular e ábsida con capela e sancristía pegadas. No interior, arco de medio punto sobre columnas acaroadas, con capiteis de motivos vexetais e imposta decorando o arco triunfal. A base da ventá prolóngase ao exterior con repisa, transformándose en fornela. A sancristía constrúese no ano 1717, como indica unha inscrición; é de dúas plantas, con ventá ata o interior, servindo de tribuna ó clero. A portada do muro é románica, con arco de medio punto e grandes doelas con bolas no intradorso. Nunha das xambas mostra a inscrición “ERA MCCCXL”, correspondendo ós anos 1300 e 1309, na que debeu construírse o santuario. A fachada actual sufriu unha reedificación no ano 1741, labrándose conforma á moda barroca unha porta alintelada, resaltada con orelleiras, e fornela coa imaxe pétrea de Nosa Señora, coroada por anxos.
Capela das Quintas
[editar | editar a fonte]Capela construída en 1728 e dedicada a San Lourenzo. Destaca o seu pórtico con vertentes a tres augas soportado por dúas columnnas. Nun lateral destaca un arco tapiado[9].
Peto de Ánimas da Vila
[editar | editar a fonte]Este peto de ánimas está situado na parroquia de San Vicente de Lobeira[10]. A singularidade deste peto de ánimas é que ten un cruceiro detrás. Ten un só corpo cun pórtico que protexe o peto propiamente dito, onde se sitúa unha fornela de medio punto. O teito do pórtico é de lousas de pedra a dúas augas, apoiandose en dous piares cuadrangulares sobre dous pedestais sobre bases tamén cuadrangulares.
Petróglifos
[editar | editar a fonte]No concello existen os seguintes petróglifos[11], entre os que destacan: o de Pena Franqueira (entre as parroquias da Fraga e Parada); As Sete Cruces do Rebolar (San Xes de Vilariño) e situado a 1.125 msnm e o de Penafiel (monte San Xes-Sabariz-San Xes de Vilariño).
Lobeira na literatura popular
[editar | editar a fonte]- Á mestra de Lubeira/ morreulle a burra bermella;/ tódolos que non cantaren/ leven o camiño dela [12].
- A nosa Señora do Viso/ un favor lle vou pedir;/ que os mociños de Facós,/ servir ó rei non han de ir [13].
- A Santa Virxe do Viso/ tan alta se foi pór,/ entre toxos e carqueixas,/ carballiños darredor [14]
- A Santa Virxe do Viso/ ten os ollos de cristal,/ que los mandou Xesucristo/ do reino de Portugal [14].
- A Santa Virxe do Viso/ ten un tendel de meados;/ vente conmigo, meniña,/ ó río ver de lavalos [15].
- A Tupina do Rixón/ canta de alegre na Vila;/ o cabalo do pintor/ recáchalle o rabo arriba [16].
- A Vila non vale nada,/ as Quintas vale un vintén,/ Santa Baia vale todo/ polas mociñas que ten [17].
- A Virxiña do Viso/ e mais a da Piedade,/ unha é miña madriña,/ outra é miña comadre [18].
- Achegaime ise candil/ anque sea cunha palla,/ que van saír a beillar/ as mozas de Santa Baia [19].
- Adios, Calvos e Corvelle,/ adios, Taboazas i a Fraga,/ adios, Quintas de Lubeira,/ adios, demos de Parada [20].
- Adios, Lubeiriña triste,/ de espaldas te vou mirando;/ non sei que me queda dentro/ que me despido chorando [21].
- Adios, lugar de Facós,/ lugar das ventanas altas;/ queira Dios de hoxe nun ano/ se non descubren as faltas [21].
- Adios, Toural de Lubeira,/ tan solo tes catro casas;/ nelas queda a miña vida,/ consolo da miña ialma [22].
- Ai, que noite tan escura/ e que friaxe che fai!/ A Santa Virxe do Viso/ hame vir agasallar [23].
- Alá vai o sol á serra,/ alá vai a despedir;/ alá vai o brío todo/ dos mozos de Baldemir [24].
- Alá van os granadeiros/ polo Cortiñal arriba;/ as mociñas de Meás/ choran que parten a vida [25].
- Anque somos de Facós,/ sómolo e non o negamos:/ onde queira que cheguemos/ somos nós os que planchamos [26].
- Aquela que elí vendes/ ten un baille que dá risa;/ évos do lugar das Quintas/ e ándavos sen camisa [27].
- Aquile que anda no baille,/ aquile que agora entrou,/ ten o beillar apurado,/ nin que fora dos de Grou! [28].
- As folliñas da violeta/ e mais as da malvela;/ os meniños, os da Vila,/ non valen unha cadela [29].
- As mociñas de Corvelle/ son pequenas e redondas;/ que vivan as de Facós,/ que son longuiñas e longas! [30].
- As mociñas de Facós/ postas nas súas ventanas/ parecen cadeas de ouro,/ relumbran por toda España [31].
- As mociñas de Facós/ tan elas son, ricachón,/ delgadiñas da cintura/ i alegres do curazón [31].
- As mociñas de Gaiás/ acitan os cas/ cunha variña/ chisquilistrás [32].
- As mociñas de Gaiás/ son poucas e mal unidas;/ andan caídas nos rincós/ tiradas polas esquinas [33].
- As mociñas de Lubeira,/ esas si que baillan ben;/ danlle xeito ao pasodoble/ e mais ao tango tamén [34].
- Ás mociñas de Lubeira/ ninguén lles ten que decer;/ poñen o pé na auga crara/ que astra o rei llo pode ver [35].
- Baixa Canle, baixa Canle,/ que Baldemir xa baixou;/ pano fino, pano fino/ os que gastan os de Grou [36].
- Baixa Canle, baixa Canle,/ que Baldemir xa baixou;/ Torneiros pano de seda/ do que gastan os de Grou [37].
- Baixa Souto, baixa Souto,/ que a Nogueira xa baixou;/ pano fino, pano fino/ os que gastan os de Grou [38].
- Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás [39].
- Canta cuco, canta cuco,/ na rabiza do arado;/ que as mulleres de Gaiás/ ten a cara de borrallo [40].
- Chabacanas en Forcadas/ e cañotas na Nogueira;/ o que queira boas mozas/ veña as buscar a Loubeira [41].
- De onde salen os contos?/ Do lugar de San Lorenzo:/ hai elí moi malas lengoas/ con curazós de podencos [42].
- Do outro lado do río/ sentín chorar e cantei:/ Santa Lucía en Vileriño,/ San Antonio en Recarei [43].
- Dónde son ises mociños/ que cheiran tanto a laranxa?/ Son do lugar de Facós,/ de aquela florida granxa [44].
- Dónde son ises mociños/ que cheiran tanto a romeu?/ Son do lugar de Facós,/ terra dos amores meus [44].
- Dos Chaus a Facós/ todo é parola:/ elí está tocando/ o gaiteiro a viola [45].
- En Facós hai boas mozas/ e na Vila gana delas,/ en Santa Baia cañotas / que non hai quen case coelas [46].
- En Facós hai boas mozas/ e na Vila gana delas/ e nas Quintas pernas tortas/ que non hai quen case coelas [47].
- En Lubeira estase ben/ se non foran catro lengoas/ que marmuran por envexa/ das coitadiñas das nenas [48].
- En Quintela hai boas mozas/ e no Pazo nada delas,/ en Santa Baia carnochas,/ ninguén quer cargar con elas [49].
- Entre Souto i a Nogueira/ hai unha polida dama:/ se queres saber quen é/ Santa Cristina se chama [50].
- Eu a Lubeira non vou,/ que se vou párome moito;/ unha fala prende a outra,/ fala de amor prende moito [51].
- Eu esquirbinche unha carta/ na ala dunha paloma:/ lévalle moitas lembranzas/ ás mozas de Santa Comba [52].
- Eu esquirbinche unha carta/ na ala dunha perdiz:/ e mandáballe lembranzas/ ás mozas de Zabariz [53].
- Eu esquirbinche unha carta/ nas alas dunha perdiz:/ que tu non has de negar/ que es mozo de Zabariz [54].
- Eu pasei por Vileriño,/ por Vileriño, cantando,/ as mozas de Vileriño/ quedan no río lavando [55].
- Fun ó San Lorenzo ás Quintas/ i a Santa Eufemia a Parada:/ as mociñas de Requeixo/ son as que botan a vaia [56].
- Hai unha mociña en Grou/ con tanto garbo e salero/ que cando vai paseando/ casque parez un torero [57].
- Hai unha moza na Vila/ que solo se fai gabar/ e tan xiquera a súa casa/ xamais se pode mirar [58].
- Hei de faguer unha ponte/ de peras e de fatós/ pra pasearen os mozos/ de Gaiás para Facós [59].
- Hei de faguer unha ponte/ de peras e de mazás/ pra pasearen os mozos/ de Facós cara Gaiás [60].
- Hei de faguer unha ponte/ de peras e de mazás/ pra pasearen os mozos/ de Lubeira a Rubiás [61].
- Hei de ir ao San Roque a Lobios/ i á Santa Eufemia a Parada,/ que as mociñas de Lubeira/ son as da chave dourada [62].
- Igrexa de Santa Cruz/ feita de tella morena,/ dentro dela van rezar/ os ollos que me dan pena [63].
- Iste pandeiro que toco/ non é meu, que é de Isabel,/ que llo pedín emprestado/ para ir ó San Miguel [64].
- Lubeira xa leva a fama/ das rapazas melendrosos;/ hei de ir alá ver se é certo,/ chamareilles cariñosas [65].
- Lubeira xa ten a fama/ das feiras dos porcos bos;/ teño gana de ir a ela/ por ver se me axuda Dios [65].
- Lubeiriña non ten auga,/ se non a ten eu lla darei:/ coas bágoas distes meus ollos/ todas terras regarei [66].
- Lubeiriña ten a fama,/ Lubeiriña a fama ten,/ Lubeiriña ten a fama/ de cantar e beillar ben [65].
- Lubeiriña ten a fama/ do bon viño i augardente,/ de las rapazas bonitas/ y de los hombres valientes [65].
- Lubeiriña, viva, viva,/ Lubeiriña, viva ben;/ Lubeiriña ten a sona/ de cantar e beillar ben [65].
- Lubeiriña, viva, viva,/ Lubeiriña, viva ben;/ vivan as mozas garridas/ e mailos mozos tamén [65].
- Lugarciño de Facós/ de lonxe parece vila:/ ten un caravel na entrada/ i unha rosa na saída [67].
- Mala morte mate ós homes/ i o pirmeiro sea o meu;/ o día que me il morrer/ vou ó San Bartolomeu [68].
- Miña Virxiña do Viso/ alá vai pola bemposta:/ de cansadiña que vai/ non pode subi-la costa [69].
- Miña Virxiña do Viso/ alá vai pola ladeira/ botándolle as bendicións/ ás mociñas de Lubeira [70].
- Miña Virxiña do Viso/ sete anos foi muiñeira,/ tiña a palanquiña de ouro/ i a vasoira de oliveira [71].
- Miña Virxiña do Viso/ ten o xustillo moi feito/ que llo mandou Xesucristo/ pra cingui-lo seu peito [72].
- Mociños de alá de baixo,/ vinde rondar a Facós,/ que anque vos hai pouca auga/ os millos háivolos bos [73].
- Morenos son os meus ollos,/ moreniños han de ser,/ de Lubeira os teus viñeron,/ non os volverei a ver [74].
- Nesta rúa roxen cachos,/ seica se partiron olas;/ as mociñas de Facós/ son a flor das outras todas [75].
- Nesta terra de Lubeira/ andan os lobos por ela;/ vámonos deiquí, meus ollos,/ meus ollos, vámonos dela [75].
- Niste lugar 'de la Vila'/ non hai moza que apareza:/ quedou Rosa da Fachesa/ cun penedo na cabeza [76].
- Niste lugar 'de la Vila'/ non hai mozas que rondar;/ hai unhas poliñas novas,/ mozos, deixalas criar [77].
- Niste lugar de Facós/ din que non hai fermosura:/ hai un moreno gracioso/ mais que todo o desemula [75].
- Niste lugar de Facós/ levouno todo a xiada;/ só quedó un toupeallo/ por baixo dunha arribada [78].
- Niste lugar de Facós/ non entra carro ferrado/ se non o trae o Manoel/ co burriño polo rabo [79].
- Niste lugar de Facós/ non se crían abelairas/ que se crían boas mozas/ morenas pero saladas [80].
- No lugar de Fradalvite/ amores hei de tomar/ ou na entrada ou na saída/ ou no medio de lugar [81].
- No lugar de Fradalvite/ non entra carro ferrado/ se non o trai Elisiña/ co burriño polo rabo [82].
- No lugar de Santa Baia/ hai unha moza moi boa;/ déixase querer de todos,/ casar non quere por agora [83].
- No lugar de Santa Baia/ todas mozas baillan ben,/ por eso en todo Lubeira/ non as pode ver ninguén [84].
- No lugarciño das Quintas/ amores hei de tomar,/ á entrada ou á saída/ ou no medio do lugar [85].
- No medio de Santa Baia/ hai unha fonte que cría/ bos mozos e boas mozas,/ boas caras de alegría [86].
- Nosa Señora do Viso/ que tan alta se foi pór:/ dalle o aire, dalle o vento,/ dalle a raciña do sol [87].
- Nosa Señora do Viso/ quixo ser miña madriña/ e díxolle a miña nai/ que boa comadre tiña [88].
- O abade de Lubeira/ ten a cabeza pelada/ que lla pelaron os mozos/ do lugar de Santa Baia' [89].
- O cura de Lubeira/ non ten capa nin mantelo;/ viva o cura de San Xes/ que o ten de terciopelo [90].
- O entroido é moi goloso/ porque lle gusta o touciño;/ de Zabariz foi contente,/ que lle untaron o fuciño [91].
- O lugar de Cabaleiros/ é un lugar moi sombrizo;/ prenden os amores nil/ coma o salgueiro no río [92].
- O lugar de Santa Baia/ ó lonxe parece vila/ se non foran os piñeiros/ que ten no lado de riba [93].
- O lugar de Vileriño,/ lugar de moito fanango;/ eu, por embourarme nil,/ a Vileriño vou tanto [94].
- O lugar de Zabariz/ é un lugar moi sombrizo;/ prenden os amores nil/ como o salgueiro no río [95].
- O lugarciño da Canle/ non é lugar nin aldeia:/ é o toco da raposa/ onde se o lobo paseia [96].
- O lugarciño das Quintas/ parez unha sepultura,/ en cambio o de Santa Baia/ parez unha escoltura [97].
- O lugarciño das Quintas/ todo nil é porcaría,/ en cambio o de Santa Baia/ todo nin é gallardía [93].
- O lugarciño dos Chaus/ heino de fundir a tiros:/ as balas han de ser ouro/ i as municiós de sospiros [98].
- O meu amor é larpeiro/ e comeume a nata toda;/ Nosa Señora do Viso,/ Nosa Señora mo tolla [99].
- O pandeiro toca ben,/ as ferriñas danlle o son;/ os mociños, os que o tocan,/ iles de Lubeira son [100].
- O que queira boas mozas/ véñaas buscar a Lubeira,/ o que queira pernas tortas/ vaia ao lugar de Nogueira [101].
- O San Lorenzo nas Quintas/ i a Santa Eufemia en Parada;/ as mociñas de Facós/ son as da chave dourada [102].
- Ó subila i ó baixala/ a costiña do Penedo,/ ó subila i ó baixala/ perdín a cinta do pelo [103].
- Os mociños de Facós/ védelos acolá vén:/ relúmbranlle máis os mocos/ que as calugas que iles ten [104].
- Os mociños de Gaiás/ andan todos de corbata,/ que a gañaron onte a noite/ a conta do riquitraca [105].
- Os mociños de Gaiás/ védelos acolá van:/ os pequenos antre os grandes/ levan o paso do can [106].
- Os soldados vanse, vanse,/ polo Codesal arriba;/ choran as mozas das Quintas,/ choran que parten a vida [107].
- Para estar quentes, Facós,/ pra cheos de merda, as Quintas,/ i o lugar de Santa Baia/ pra recoller boas pistas [108].
- Para pantrigo, Castilla,/ para buen vino, el Ribeiro,/ para rapazas bonitas/ viva Facós, que es mi pueblo [109].
- Pasei por San Xes cantando,/ pra me ver saíche á porta,/ figuécheste a distraída,/ nena da cara de troita [110].
- Paxaro que vas voando/ por riba do Rebolar,/ dille ás mociñas que veñan/ pousarse eiquí, á Molar [111].
- Pensei coa risa toupar/ na festa de Vileriño/ ao ver aquelas mociñas/ todas borrachas de viño [112].
- Ponde leña nise lume/ anque sea de cerdeira,/ que lles quero ve-la cara/ ás mociñas de Lobeira [113].
- Por ir ao baille/ da Ramallosa,/ por ir ao baille/ perdín a moza [114].
- Pra cantar benhe, Facós,/ e pra beillar ben, A Vila,/ e pra mozas casadeiras/ ide aos lugares de riba [115].
- Quen me dera en Lubeira,/ quen en Lubeira me dera,/ que me dera en Lubeira,/ Lubeiriña, miña terra [116].
- Quen me dera en Lubeira,/ quen en Lubeira me dera,/ que me dera en Lubeira,/ que estaba na miña terra [116].
- Santa Baia é boa terra/ i a Vila pinta colores;/ Vileriño tras do Viso,/ Dios me retire os amores [117].
- Santa Baia, Santa Baia,/ Santa Baia é bo lugare;/ niste lugar hai boas mozas,/ todas saben traballare [118].
- Santa Baia, vaia, vaia,/ e Meás é baselisco;/ os mociños de Facós/ son os que poñen o risco [119].
- Santa Comba dá boas mozas,/ hainas en Grou pimpineiras,/ en Lubeira cubizosas/ i en Rubiás camanduleiras [120].
- Santa María de Entrimo,/ Santa Marta de Lubeira,/ a muller que come a nata/ non pode te-la manteiga [121].
- Santa Marta de Lubeira,/ Santa María de Entrimo,/ a muller que come a nata/ten a marca no fuciño [118].
- Se che perguntan de onde es/ contéstalle en alta voz:/ Somos os mozos de Grou,/ solo temos medo a Dios [122].
- Se tu viras o que eu vin/ na feira de Monterroso:/ o abade de Lubeira/ dacabalo dun raposo [123].
- Son do Picouto, Picouto,/ son da María Luísa,/ son del pueblo de Facós,/ son de la flor de Galicia [124].
- Subindo a chaira do Viso/ Lubeira parece ben;/ vale máis a mocidade/ que canto Lubeira ten [125].
- Teño un amor na ribeira,/ en Cenderiz teño tres,/ outro teño eiquí en Lubeira,/ que non fas falta xa o ves [126].
- Tes unha cara noxenta,/ un has pernas que dá risa;/ xa se ve que es das Quintas,/ que non tes pra unha camisa [127].
- Todo polo río arriba,/ polo río arriba hai toxos;/ no lugar de Baldemir/ no’hai onde pousa-los ollos [128].
- Torneiros é pintasilvo,/ Sabariz, pinta colores,/ e Baldemir, pano fino/ do que gastan os señores [129].
- Tu fuches a Vileriño,/ fuches e non viches nada,/ non viches danza-la lúa/ nunha manta colorada [130].
- Un día fun a Vileriño/ cunha camisa emprestada;/ pedinlle amor a unha nena/ i ela deume unha patada [131].
- Virxe do Viso querida,/ solo che quero pedir/ salú pra toda a parroquia/ i un bo mociño pra min [132].
- Viva Calvos e Corvelle,/ viva Parada i a Fraga,/ viva Quintas de Lubeira,/ mozas, as de Santa Baia [133].
- Viva Lubeiriña, viva,/ con todos seus arredores;/ terra de moitas castañas,/ vivan os apañadores [134].
- Viva Lubeiriña, viva,/ viva Lubeira coma antes;/ cría mozas coma rosas/ e mozos coma xigantes [134].
- Xa che me doi a cabeza,/ xa che me doi a moleira/ de cargar feixes de leña/ no montiño de Lubeira [135].
- Xa fun ó matacarqueixas,/ xa caín no reboliña,/ os mociños de Facós/ ten a marca no fuciño [136].
- Zabariz e mais Torneiros/ xogaban ó carnaval/ sendo lugares veciños/ é cousa moi natural [137].
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Lobeira.
-
Amencer en Lobeira.
-
Cámara Agraria Local.
-
Centro de Interpretación de Etnografía do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
-
Centro de saúde.
-
Placa altimétrica na casa do concello.
-
Estrada Bande-Entrimo no lugar da Vila.
-
Cruceiro con peto.
-
Detalle cruceiro.
-
Bandeira de Lobeira, Ourense.[138]
Parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Lobeira
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Lobeira vexa: Lugares de Lobeira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada XXVI. Ed. El Progreso. 2003. pp. 105–109. ISBN 84 87804-23-3.
- ↑ "O libro da nosa Historia". Páxina oficial do Concello de Lobeira. Consultado o 13/03/2021.
- ↑ Otero Pedrayo, Ramón (1954). Guía de Galicia. Galaxia. p. 113.
- ↑ Moliner Prada, Antonio (2006). "Respuestas ante una invasión". Revista de Historia Militar: 53. ISSN 0482-5748.
- ↑ Barreiro Fernández, X.R (1982). Historia política Galicia Contemporánea (ss. XIX. - XX.). Gamma. p. 84.
- ↑ "Patrimonio - Arquitectura relixiosa". Concello de Lobeira. Consultado o 13/03/2021.
- ↑ "Iglesia de San Xés". Terra de Celanova - Serra do Xurés. Consultado o 13/03/2021.
- ↑ 8,0 8,1 "Santuario de Nosa Señora Do Viso". Terra de Celanova e Serra do Xurés. Consultado o 13/03/2021.
- ↑ "Capela das Quintas". Patrimonio Galego. Consultado o 13/03/2021.
- ↑ "Peto de ánimas da Vila". Patrimonio Galego. 26/06/2018. Consultado o 13/03/2021.
- ↑ Moure, Xabier. "Petroglifos de Galicia". O noso patrimonio. Consultado o 13/03/2021.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 36. No orixinal: bermella, todolos, de ela.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 39). Facós é un lugar da parroquia e concello de Lobeira. Ademais da Virxe do Viso, en Redondela, hai moitos outros lugares con este nome. As cantigas que recolle Xaquín Lorenzo na Limia Baixa refírense á ermida de Nosa Señora do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ 14,0 14,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 46.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 46). Os meados son as madeixas de liño fiado que, unha vez lavadas, dispóñense ó sol nun tendel de meados.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 51). A Vila é un lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 52). A Vila, As Quintas e Santa Baia son lugares da parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 52. No orixinal: e máis.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 29). Santa Baia é lugar de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 30. No orixinal: Corbelle. Santiago de Calvos e Santa María de Corvelle, parroquias do concello de Bande; Taboazas é lugar da parroquia de Santa Eufemia de Parada, concello de Lobeira; San Bartolomeu da Fraga, parroquia do concello de Lobeira; As Quintas, lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira, do mesmo concello; Parada, parroquia do mesmo concello.
- ↑ 21,0 21,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 30.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 31. O Toural é un barrio do lugar da Vila, parroquia de San Vicente de Lobeira, onde se celebraba a feira do gando, e de aó o seu nome.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 33). A ermida de Nosa Señora do Viso levántase na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 35. No orixinal: Valdemir. Baldemir é lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 35. Co nome de Cortiñal coñécese unhas carballeiras por riba de Meás, lugar de San Vicente de Lobeira, Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 41.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 44. Hai dous lugares chamados As Quintas ós que pode referirise esta cantiga: un pertence á parroquia de San Vicente de Lobeira (Lobeira) e outro a San Mamede de Grou, en Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 44. No orixinal: Áquile. Hai unha parroquia chamada Santa Cruz de Grou, en Lobeira; outra, San Mamede de Grou, en Lobios; e unha terceira, San Martiño de Grou, compartida polos dous concellos.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 47. No orixinal: e máis.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48. No orixinal: Corbelle. Santa María de Corvelle é unha parroquia do concello de Bande; Facós é un lugar da parroquia de Lobeira no concello de Lobeira. Ambos lugares están próximos pero non lindeiros.
- ↑ 31,0 31,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48). Gaiás é un lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48. No orixinal: caidas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48. No orixinal: sí, dánlle.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48. No orixinal: hastra.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 52. No orixinal: Valdemir. A Canle, Baldemir e Torneiros son lugares da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira; Santa Cruz de Grou é outra parroquia do mesmo concello.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 52. No orixinal: Valdemir.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 53. Souto e Nogueira son lugares da parroquia de Monte Longo, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 56. Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 57.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 62. As Forcadas, lugar da parroquia de Santa Comba, concello de Bande.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 69. As Quintas é lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira, no concello de Lobeira, e Xaquín Lorenzo di que é o mesmo que este lugar de San Lorenzo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 72. No orixinal: cantén. Vileriño será localismo por Vilariño, que en Ourense pode ser lugar da parroquia de San Xoán de Randín, no concello de Calvos de Randín; lugar da parroquia de Santa Cristina de Monte Longo, en Lobeira; ou San Xes de Vilariño, parroquia do mesmo concello. Recarei é lugar da parroquia e concello de Bande.
- ↑ 44,0 44,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 71.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 72). Chaos é lugar da parroquia de Santa Comba, no concello de Lobeira; Facós é lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira, do mesmo concello.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 74. Facós, A Vila e Santa Baia son tres lugares de San Vicente de Lobeira, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 74). Facós, A Vila e As Quintas son tres lugares de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 74.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 74. Quintela pode ser lugar das parroquias de Santa Comba ou do Ribeiro, no concello de Bande; Santa Baia é lugar de San Vicente de Lobeira, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 75). Santa Cristina de Monte Longo é unha parroquia do concello de Lobeira, e Souto e Nogueira son dous lugares da mesma parroquia.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 78.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 81. No orixinal: de unha. Hai unha Santa Comba en Bande e outra en Lobeira. Non sabemos a cal das dúas se referirá a cantiga.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 81. No orixinal: de unha.Ten que referirise a Sabariz, lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 81. No orixinal: de unha, és.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 83. San Xes de Vilariño é parroquia do concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 85). Botar a vaia é botar un desafío. As Quintas será o lugar da parroquia e concello de Lobeira, aínda que hai máis; Santa Eufemia de Parada é unha parroquia do mesmo concello; Requeixo pode ser lugar de San Mamede de Grou ou de Araúxo, dúas parroquias do concello de Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 87). No se pode saber a que Grou se refire: en Lobeira hai dúas parroquias con ese nome (San Martiño de Grou e Santa Cruz de Grou) e outras dúas en Lobios (San Martiño de Grou e San Mamede de Grou.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 87. A Vila é lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 88. Gaiás é un lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, e Facós da parroquia de San Vicente de Lobeira, ambas do mesmo concello de Lobeira. Xaquín Lorenzo engade que entre estas dúas aldeas só hai un regato que non precisa ponte para cruzalo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 88.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 88. Rubiás é lugar da parroquia de Cadós, no concello de Bande. Xaquín Lorenzo engade que non hai río nin regato entre as dúas localidades.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 88. No orixinal: Lovios. Xaquín Lorenzo explica que son as festas de Lobios (aínda que a parroquia está baixo a advocación de San Miguel) e de Parada (do Monte), esta no concello de Lobeira. As festas son o 17 de agosto e o 16 de xullo, respectivamente.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 89. No orixinal: de ela. Refírese á parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 90. Refírese á festa de San Miguel que se celebra no lugar de Gaiás (Santa Cruz de Grou, Lobeira) o 29 de setembro, aínda que Xaquín Lorenzo di en nota a rodapé que se fai o 29 de xullo.
- ↑ 65,0 65,1 65,2 65,3 65,4 65,5 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 91.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 91. No orixinal: se noa ten.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 91. No orixinal: saida.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 92. No orixinal: dia, íl. San Bartolomeu da Fraga é unha parroquia do concello de Lobeira, que celebra a festa o 24 de agosto.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 103. No orixinal: subila. Nosa Señora do Viso é unha ermida no monte do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira. “Bemposta” non se recolle nos dicionarios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 103.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 104. No orixinal: basoira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 104. No orixinal: mandóu, cinguilo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 104.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 105. No orixinal: nonos, volveréi.
- ↑ 75,0 75,1 75,2 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 107.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108. Pode tratarse da Vila, lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira, ou da Vila, lugar da parroquia de San Martiño de Araúxo (concello de Lobios); Xaquín Lorenzo non se decanta por ningún dos dous lugares.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 107. No orixinal: so, quedóu, de unha. Alcúmase de toupello a persoa excesivamente pequena, grosa e fea.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108. No orixinal: nono. Na Galicia tradicional, o carro representaba un signo externo de riqueza, que reflictía tanto a posesión de gando para tirar del como de colleitas, leña, pedra, etc en cantidade tal como para necesitar un carro propio para o seu transporte. Aplicábase á riqueza persoal de quen se gababa de ter carro, así como á riqueza en gando e colleitas dunha determinada aldea: a falla de gado non permite xunguir o carro pra levar e traguer as cousas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108. No orixinal: avelairas. Xaquín Lorenzo engade que, a pesar do que di a cantiga, Lobeira si que é terra de abelairas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. No orixinal: salida. Fradalvite é un lugar da parroquia de San Trocado de Santa Comba, no concello de Lobeira, parroquia dividida polo límite de dous concellos (Lobeira e Bande). Non obstante, Xaquín Lorenzo di que é “lugar da parroquia de San Martiño de Grou” (px. 289).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. No orixinal: nono.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. Santa Baia é lugar de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. No orixinal: todas-as, nonas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. Hai dous lugares chamados As Quintas ós que pode referirise esta cantiga: un pertence á parroquia de San Vicente de Lobeira (Lobeira) e outro a San Mamede de Grou (Lobios).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 113. No orixinal: dálle. Nosa Señora do Viso é unha ermida no monte do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 113.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 114. Santa Baia é lugar de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 116. Refírese á parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 117. Ten que referirise a Sabariz, lugar da parroquia de San Xes de Vilariño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119. Cabaleiros é o único lugar da parroquia de San Martiño de Grou, no concello de Lobeira. Porén, Xaquín Lorenzo afirma que é o nome que recibe a terra onde asenta a parroquia, formada polos lugares de Valdoi, Paraño, Mosteiro e Valoiro. Hoxe os tres primeiros lugares xa non existen (na Limia Baixa) e O Valoiro é lugar da parroquia de San Martiño de Grou de Lobios.
- ↑ 93,0 93,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119. Fanango non se recolle nos dicionarios, pode ser erro por fandango que, entre outros significados, é "Desarreglo, confusión y desorden en las cosas: esta casa anda feita un fandango" (Eladio Rodríguez). San Xes de Vilariño é parroquia do concello de Lobeira, pero a cantiga tamén podería referirise ó lugar de Vilariño, en Santa Cristina de Monte Longo (Lobeira) ou ó Vilariño de San Xoán de Randín (Calvos de Randín).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119. Sabariz, lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119. A Canle é lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119). As Quintas e Santa Baia son dous lugares da parroquia de San Vicente de Lobeira (Lobeira).
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119. Chaos é lugar da parroquia de San Trocado de Santa Comba, no concello de Lobeira; Xaquín Lorenzo di que tamén pode referirse a un lugar chamado Chaus da Limia, en San Trocado de Santa Comba, parroquia do concello de Bande. Este segundo non consta no Nomenclátor.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 120). A ermida de Nosa Señora do Viso levántase na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 122.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 123. No orixinal: veñas. Nogueira é lugar da parroquia de Monte Longo, no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 124. As Quintas é lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira (Lobeira); Santa Eufemia de Parada é parroquia do concello de Lobeira; e Facós é un lugar da parroquia e concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 127. A costa do Penedo está moi próxima a Facós.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 125. No orixinal: ven.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 125. Gaiás é un lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou no concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 125.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 126. Xaquín Lorenzo supón, pola mención ás Quintas, que ese Codesal se debe referir a un lugar da mesma parroquia de San Vicente de Lobeira, pero hoxe o Nomenclátor non recolle ningún lugar co nome de Codesal nin na parroquia nin no concello nin na provincia.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 128.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 128. Cantiga castelán na que a única tradución foi a introdución de topónimos locais.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 130. No orixinal: paséi, saiche, distraida. San Xes de Vilariño, parroquia do concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 131. Xaquín Lorenzo explica que Rebolar era un terreo na serra do Leboreiro, próximo á parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira; engade que A Molar era un lugar da mesma parroquia, pero hoxe non aparece no Nomenclátor.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 133. San Xes de Vilariño é parroquia do concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 134. No orixinal: vela.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 134). Pode referirse a unha Ramallosa da Limia que era un anaco de monte preto de San Bartolomeu da Fraga (parroquia do concello de Lobeira), onde xa Xaquín Lorenzo só sitúa as ruínas de vellas cabanas de pastores. Supón máis probable que se trate dunha cantiga importada.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 135). Facós e A Vila son lugares de San Vicente de Lobeira.
- ↑ 116,0 116,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 137.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141). Santa Baia e A Vila son dous lugares da parroquia de San Vicente de Lobeira; Vilariño, lugar da parroquia de Santa Cristina de Monte Longo (Lobeira
- ↑ 118,0 118,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141. Houbo un xogo do varapau, de orixe portuguesa pero moi practicado na Limia, que consistía nunha especie de esgrima con paus. Se alguén quería desafiar a outro, facía unha raia no chan e se o outro se atrevía a pisala, comenzaba a loita; iso era pór o risco, e considerábase sinal de valentía. Santa Baia, Meás e Facós son lugares da parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141. San Trocado de Santa Comba é parroquia do concello de Bande; Lubeira enténdese que é a parroquia de San Vicente de Lobeira; Rubiás é lugar da parroquia de Cadós, en Bande; Grou, sen advocación, enténdese que é San Mamede de Grou, parroquia do concello de Lobios, pero tamén existe unha Santa Cruz de Grou, parroquia de Lobeira, e un San Martiño de Grou, parroquia compartida polos concellos de Lobeira e Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141. No orixinal: tela.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 142. Grou, sen advocación, enténdese que é San Mamede de Grou, parroquia do concello de Lobios, pero tamén existe unha Santa Cruz de Grou, parroquia de Lobeira, e un San Martiño de Grou, parroquia compartida polos concellos de Lobeira e Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 147. No orixinal: vín, de un.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 148. O Picouto é un monte da serra do Leboreiro, entre A Fraga (parroquia do concello de Lobeira) e Senderiz (lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, do mesmo concello.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 148. A ermida da Nosa Señora do Viso está no monte do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 151). Senderiz é lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, do concello de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 154. No orixinal: és. As Quintas, lugar de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 155. No orixinal: rio, Valdemir, pousalos. Baldemir é lugar de San Xes de Vilariño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 156. No orixinal: Valdemir. Torneiros, Sabariz e Baldemir son lugares de San Xes de Vilariño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 157. No orixinal: danzala.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 158. No orixinal: dia, pedínlle.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 162. A ermida de Nosa Señora do Viso levántase na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 162. No orixinal: Corbelle. Santiago de Calvos e Santa María de Corvelle son parroquias do concello de Bande; Santa Eufemia de Parada e San Bartolomeu da Fraga son parroquias do concello de Lobeira; As Quintas e Santa Baia, dous lugares da parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ 134,0 134,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 162.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 163.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 164.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 165. Sabariz, lugar da parroquia de San Xes de Vilariño, no concello de Lobeira. Torneiros do Val era lugar da parroquia de Manín, no concello de Lobios.
- ↑ Concello de Lobeira, Bandeira.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lobeira |
Este artigo sobre concellos de Galicia é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |