O muíño na cultura popular galega
Aparencia
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- A mazorca, no muíño; e no bolso, o diñeiriño.
- A muller e o muíño, queren uso contino [1].
- Ábrete, fol, pola boca, pra que en vez dunha maquía dúas che colla [2].
- Ábrete, saco; unha maquía me debes, e dúas che agarro [2].
- Andando gana a acea, e non estando queda [3].
- Andando gaña o muíño, que parando está perdido.
- As que ó muíño van, se son bonitas logo as moerán [4].
- Auga pasada non abala muíño [5].
- Auga pasada non moe muiño [5][6].
- Auga que pasou non move rodicio [5].
- Cada cal quer levala auga ó seu muíño [5].
- Cada muíño quer a súa auga [4].
- Cada un quer levala auga ó seu muiño, e deixar en seco o do veciño [5].
- Cada un tira da auga pro seu muíño, inda que deixe seco o do veciño [4].
- Cando a acea está parada, non dá proveito nin gana nada.
- Cando vaias a misa i ó muíño non chames polo veciño.
- Coa moa parada non gana o muiñeiro [7].
- Con auga pasada non anda a moa [5].
- Con auga pasada non moe o muíño [4].
- Con quen ten muíño que coidar non te poñas a enredar [4].
- En saco de liño non lévela fariña ó muíño [8].
- Máis que muíño en espera val sobro na moega [4][9].
- Mentras que a moa do muiño vai e vén, Dios dá seu ben [4].
- Máis vale acea parada que muiñeiro amigo.
- Moa parada non gana maquía [7].
- Muíño parado non gana maquía [4].
- Na acea, primeiro moe o que primeiro chega.
- Nin muíño sin rodicio, nin home sin oficio [4].
- Non creas ó que vén da acea, senón ó que volve a ela.
- Non fíes en maquía de muiñeiro, nin creas en comida de despenseiro [10].
- Non vai por ese camiño a i-auga ó muíño [5].
- O abade i o veciño moen nun mesmo muíño [11].
- O ano que non hai pan, ou muiñeiro ou hortelán [12].
- O cura, o sancristan, o barbeiro e o veciño, todos moen nun muíño [4].
- O muiñeiro maquieiro cóidase o amo do rueiro [10].
- O muiñeiro, que oe e ve, non pode ser paroleiro [10].
- O muíño treina, treina; a iauga faino treinar [4][13].
- O que está na acea moe, e non o que vai e non volve.
- O que pode, vai ó muiño e moe [4].
- O que rico quer ser, catro cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.
- O que rico quer ser, istas cousas ha de ter: cabras, ovellas, abellas e muíño onde moer.
- O tolo ao monte i o cordo ao muíño.
- Onde canta un crego, moe un muíño e ornea un burro, nunca faltará un duro.
- Pra muiñeiro, forneiro e hortelán, non hai ano sin pan [12].
- Quen o sábado vai ó muiño, pouca folga ten o domingo [14].
- Se o muíño non anda, a maquía non se gana [4].
- Us nacen pra moer, e outros pra ser moídos [11].
- Vale máis gran de sobra na moega que muíño de espera.
- Xa que a i-auga non vai ó muíño, vaia o muíño á i-auga [5].
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Á porta daquil muíño/ púxenme a consideirar/ as voltas que dá o rudicio/ i aínda as que ten que dar [15].
- Ao muíño do meu amo/ eu ben lle sei o tempero:/ cando está alto, baixalo,/ e cando está baixo, erguelo [16].
- As garelas [17] de Betanzos/ cando van para o muíño/ levan un gato esfolado/ para comer no camiño.
- As mozas que baillan ben/ baillan todas no muíño;/ eu, como non sei beillar,/ guicho por un buratiño [18].
- Chora, meu meniño, chora,/ ¿quen vos ha de dar a teta/ se túa nai vai no muíño/ e teu pai na leña seca?
- Con me casar como quixen,/ e ter o ceio na casa,/ no hai noite que non me acorde/ das noites de muiñada.
- Esta noite no muíño/ ha de haber o que ha de haber,/ as telliñas do tellado/ han de ir ó río a beber [19][20].
- Eu non quero ser muiñeiro nin varrer o tremiñado, porque din que no outro mundo piden contas do roubado [21].
- Fun esta noite ó muíño/ cun fato de nenas novas,/ elas todas en camisa,/ eu no medio con cirolas.
- Fun ó muíño de baixo/ e voltei polo de riba;/ o de baixo tiña ferrollo/ i o de riba caravilla [22].
- Fun ó muíño con Paula,/ fun ó muíño con ela,/ ela durmeu nos meus brazos/ eu dormín nos brazos dela [23].
- Funche esta noite ó muíño,/ nunca che eu alí chegara,/ doume un abrazo unha moza/ e eu fuxín por mor da fada.
- Irei contigo ó muíño,/ farei o que ti me mandes,/ pero contigo non quedo,/ Pepa Rosa, non te canses.
- Meu filliño pequerrecho,/ tesouro da túa naiciña,/ durme, que inda hei de ir ó muíño/ buscar pró pan a fariña [24].
- Meu meniño, durme, durme,/ que teño que ir ó muíño,/ teño que ir pola fariña/ para fague-lo panciño [25].
- Miña meniña pequena,/ quen te ha de arrolar,/ tía nai vai no muíño/ e teu pai vai traballar [26].
- Miña Virxiña do Viso/ sete anos foi muiñeira,/ tiña a palanquiña de ouro/ i a vasoira de oliveira [27].
- Non chores meu irmauciño/ que a naíña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e non nos ha de tardar [28].
- Non chores meu pequeniño/ que a naiciña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e teu pai foille asubiar [29].
- Nunca vin ponte sin río/ nin muíño sin rodicio,/ nunca vin moza bonita/ que tivese moito xuicio.
- O crego foi ó muíño/ co cenico na cabeza,/ escorréronlle as chinelas,/ alá vai de cu na presa [30].
- O crego foi ó muíño/ e caeu da ponte en baixo;/ acodir ó crego, nenas,/ que vai polo río abaixo.
- O crego foi ó muíño,/ meteu a cabeza dentro;/ sacou fariña na croa/ para face-lo formento.
- O crego foi ó muíño,/ meteu a cabeza dentro,/ trouxo fariña na croa/ para facer o formento [31].
- O muíño no’é muíño,/ que é a capela dos ratos/ onde se daban os bicos/ e se daban os abrazos [32].
- O muíño rola, rola,/ i a auga faino rolare;/ as nenas do muiñeiro/ teñen ganas de casare [33].
- O muíño troula, troula,/ a iauga faino troular,/ a filla do muiñeiro/ rabea por se casar [34].
- Santa Xusta de Moraña/ foi tres anos muiñeira,/ tiña a escoba de palma,/ trabadoiras de oliveira [35][36].
- Santa Xusta de Moraña/ tres anos foi muiñeira/ tiña a basoira de palma/ e a escoba de oliveira [35].
- Se o crego vai no muíño/ e leva un fol e trai outro/ ¿qué ten que ver coa criada/ nin se ela pareu hai pouco?
- Señor Alcalde Maior/ poña xustiza nos ratos,/ que fun á noite ó muíño/ e rilláronme os zapatos [37].
- Teño muíño e moe fariña,/ teño forno e coce pan,/ teño unha muller bonita,/ xa estou feito un capitán [38].
- Unha noite no muíño/ outra na pedra do lar;/ esta vida, queridiña,/ eu non cha podo levar [39].
- Unha noite no muíño,/ unha noite non é nada,/ unha semaniña enteira/ esa si que é muiñada! [40][41].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
- ↑ 2,0 2,1 Eladio Rodríguez González, s. v. muiñeiro.
- ↑ Acea é un muíño de auga, sexa no río ou de mareas.
- ↑ 4,00 4,01 4,02 4,03 4,04 4,05 4,06 4,07 4,08 4,09 4,10 4,11 4,12 Eladio Rodríguez González, s. v. muíño.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
- ↑ Real Academia Galega 1913, s. v. auga.
- ↑ 7,0 7,1 Eladio Rodríguez González, s. v. moa.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. fariña.
- ↑ A moega é a peza que vai sobre a moa do muíño, en forma de pirámide truncada e invertida, de madeira, na que se bota o gran para que vaia caendo na quenlla.
- ↑ 10,0 10,1 10,2 Eladio Rodríguez González, s. v. maquía.
- ↑ 11,0 11,1 Eladio Rodríguez González, s. v. moer.
- ↑ 12,0 12,1 Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
- ↑ Treinar significa trepidar, tremer, unha máquina; o muíño neste caso.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. sábado.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 43. No orixinal: de aquil, muiño, ainda.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 254. No orixinal: muiño. Localizada na Reigosa, pero Xocas non identifica este lugar.
- ↑ Aplícase o alcume de garelas ás mozas desvergonzadas e atrevidas, pero tamén ás naturais de Betanzos, en xeral.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 49. No orixinal: muiño.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 157.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 77. No orixinal: muiño.
- ↑ O tremiñado é o piso do muíño ou do piorno.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 85. No orixinal: muiño.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 174.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: tua.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: muiño, faguelo.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 199.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 104. No orixinal: basoira. Refírense á ermida de Nosa Señora do Viso, na parroquia de San Vicente de Lobeira.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: muiño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: muiño. Irlle a asubiar a alguén ten a intención de darlle ánimos cando anda de noite polos camiños.
- ↑ O cenico é un saquete ou bolsa grande, segundo Rivas Quintas. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No orixinal: ao moíño, escorréronll’as.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 195. No texto: No orixinal: ô muiño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 121. No orixinal: muiño, no-é.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 121. No orixinal: muiño.
- ↑ Fermín Bouza-Brey, en Nós 90, 15.06.1931, 108. No texto: muiño, i-auga.
- ↑ 35,0 35,1 Fermín Bouza Brey 1929, 184.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 244.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 145.
- ↑ Fermín Bouza-Brey, en Nós 96, 15.12.1931, 236. No orixinal: muiño.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 159. No orixinal: muiño.
- ↑ Fermín Bouza-Brey 1929, 175. No orixinal: muiño, si.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 159. No orixinal: muiño, sí.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro Ramón Piñeiro 2008, nº 4, xullo 1943.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- BOUZA BREY, Fermín (colector): "Novas cántigas e triadas da parroquia de Paradela, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.