O tabaco na cultura popular galega
Aparencia
A seguir recóllese a pegada do hábito de fumar tabaco na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
Refraneiro
[editar | editar a fonte]
- Despois de almorzar non te poñas a fumar, e despois de xantar déitate a descansar.
- Home morto, non fuma.
- Home que non troula, nin fuma, nin xoga, nin bebe, nin bica, nin cuspe no curro, máis ca home é burro.
- Muller, viño e tabaco, poñen ó home fraco.
- Non fumes en pipa nin bebas viño porque os dous xuntos fan mal camiño.
- O que non fuma nin bebe viño, lévallo o demo por outro camiño.
- O que non fuma nin toma tabaco, lévallo o diaño por outro buraco.
- O tabaco e o viño hai algúns que os regalan ó seu veciño.
- Quen sen tasa bebe e fuma, nunca fará fortuna.
- Tabaco, muller e viño, millor pra min que pró meu veciño.
- Tabaco, viño e muller, botan ó home a perder.
- Tabaco, viño e muller, botan un home a perder.
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Adios, ‘paloma hermosa’,/ quen te pudera levar/ no bolsillo do chileque/ como o papel de fumar [1].
- As mociñas de Requeixo/ quen che mas dera levar/ no bolsillo do chileque/ como o papel de fumar [2].
- Catro cartos para pan,/ tres e medio para viño,/ un carto para tabaco,/ alá vai un realiño.
- Cun anaco de pitillo,/ unha copa de augardente/ i o brazo dunha nena/ xa marcha un home contente [3].
- Dame un bico, Mariquiña,/ que che hei de dar un pataco./ Non quero bicos dos homes/ que me cheiran a tabaco’' [4].
- Dámo, queridiña, dámo,/ dámo que non é pecado,/ un tizonciño de lume/ para encender o cigarro.
- Mala varredoira veña/ pola folla do tabaco;/ mala morte mate ós homes,/ que non queden senón catro [5].
- Mala varredoira veña/ polo vicio do tabaco,/ mala morte mate ós homes,/ que non deixan nin un coarto [5].
- Maruxiña, dáme un bico/ que che hei dar un pataco./ Non quero bicos de home/ que me cheiran a tabaco.
- Nunca lle digas á moza/ que é máis que todas bonita,/ que lle entra cobiza doutros/ e quedas fumando en pipa.
- Os mociños que hai agora/ son un fato de ladróns,/ que para fumar tabaco/ empeñan os pantalóns [6].
- Pra leva-los reises/ traguemos un saco,/ diánno-los cartos/ pra mercar tabaco [7].
- Quixen facer un cigarro/ por non perde-lo costume,/ e arreparei que non tiña/ tabaco, papel nin lume [8].
- Se se che apaga o cigarro/ non o volvas acender;/ se unha moza te deixou/ non a volvas pretender [9].
- Señor San Roque de Lobios,/ estanqueiro do tabaco,/ dígame, señor San Roque,/ quen o meteu niste trato? [10].
- Teño tres cartos e medio/ metidos nun tabaqueiro;/ cásate comigo, nena,/ que teño moito diñeiro [11].
- Véndeme os bois e véndeme as vacas/ e non me vendas o pote das papas./ Véndeme as cuncas e mais o cunqueiro/ e non me vendas o meu tabaqueiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 31.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 48. Requeixo é lugar de San Mamede de Grou, unha parroquia do concello de Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 66 ¿Erro por abrazo?
- ↑ Álvaro das Casas, 216. No texto: ch-hei.
- ↑ 5,0 5,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 92. No orixinal: barredoira.
- ↑ Álvaro das Casas, 192.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 136. No orixinal: levalos, diannolos.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 139. No orixinal: perdelo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 147. No orixinal: nono, nona.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 145. No orixinal: Lovios, queno.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 151.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.