Os nabos na cultura popular galega
Os nabos son un dos cultivos máis populares en Galicia polas condicións climáticas axeitadas para o seu crecemento [1], o que explica a súa presenza na cultura popular galega: no léxico xerado ó seu redor, no refraneiro e no cantigueiro.
O nabo seméntase entre xullo e agosto -tempo que xa recomendaba o refraneiro-, en secaño ou regadío, nas mesmas leiras que o millo, o centeo ou o trigo, e xusto cando se colleitan estes, previo arado e estercado; a semente chámase nabiña. Cómese, toda a planta, durante os meses de novembro a maio, tanto para alimento da xente como para o gando. As nabizas ou os grelos úsanse para facer o caldo, ou ben se cocen con patacas e lacón. A raíz, o nabo propiamente dito, empregábase en cachos para facer o caldo aínda que o máis usual é darllo ós porcos ou a outro gando, cocidos con fariña.
Crenzas e supersticións
[editar | editar a fonte]No Salnés crese que o día de entroido se debe quentar o forno, cocer o pan e botar as cinzas na terra para ter unha boa colleita de nabos [2].
Léxico
[editar | editar a fonte]A nabiza ou rabiza é o primeiro gromo do nabo, as primeiras follas, tenras, que algúns rexeitan por ser doces. Logo produce o bertón ou xeno, que son as follas xa meirandes [3]. Finalmente, o grelo, cimo ou cimón é a verdura xa no final do ciclo, antes de botar a flor, agrelar ou grelar; o grelo cóllese xusto antes de florecer, que é cando máis amarga e dise que é o mellor momento, coincidindo do entroido, en febreiro [4].
Xogos infantís
[editar | editar a fonte]En Galicia xogábase ao arríncate-nabo ou arrinca nabos. A Real Academia Galega no seu Diccionario gallego-castellano de 1913-1928 di que é un xogo de mozos que consiste en sentar todos no chan, e entre as pernas de cada un, senta o que lle segue, ao que o anterior suxeita fortemente cos brazos polo van. Só un xogador queda en pé, e este puxa polo primeiro que está sentado intentando erguelo, cousa difícil, porque o suxeita o anterior, e a este o outro, e así os demais, e, ou se erguen todos ou ningún, rodando, regularmente, polo chan. O que puxa acompaña o esforzo con estas verbas: Arríncate, nabo! [5].
Locucións
[editar | editar a fonte]- Levar un nabo: levar un chasco, unha decepción.
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- As rabizas piden unto e os grelos lacón ó punto [6].
- As rabizas queren unto, aceite e allos, todo xunto [6]
- Cada cousa no seu tempo, e os nabos no advento [7][8].
- Caldo de nabos, non o tires, que dun día para outro sirve [8].
- Cando é bo ano é ano de nabos [9].
- Cando pasan nabos, mercalos [8].
- De tal terra, tales nabos.
- Dende as cereixas ós nabos, ben estamos; dos nabos ás cereixas, todas son queixas [10].
- Día de Santiago á mañá, nabiños a semear.
- Febreiro, bertoeiro[11].
- Habendo neboeira o día de San Pedro Fiel, castañas furadas e nabos ruís[12].
- Nabo, nabiza e grelo, trindade do galego.
- Nabos e coles, comer de señores [8].
- Nabos e fidalgos, raros [8][13].
- Néboa no san Pedro Cid, castañas furadas e nabos ruís[14].
- O bo nabal comeza por Santiago e acaba con Nadal.
- O que non ten que facer seus nabos sacha [15].
- O sol na eira, e a auga na nabeira [16].
- Os nabos e os peixes no tempo da xiada crecen [8].
- Pola Santa Mariña sementa a nabiña; a vella que o decía ben o sabía, que xa sementada a tiña [17].
- Polo Pilar, nabos á terra e viño a envasar [18].
- Polo Pilar, os nabos na terra ' o viño a envasar [19].
- Polo Santiago seméntase o nabo.
- Polo tempo de tódolos Santos mira os nabos; se fosen bos, di que son malos [8].
- Por san Vicente pon os nabos da semente.
- Por santa Mariña sementa a nabiña.
- Pra coller moitos nabos, por Santiago sementalos.
- Quen non ten que faguer sacha os nabos[20]
- Quen queira nabos, vaia arrincalos [8].
- Se chove o día de san Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruís.
- Se hai neboeiro día San Pedro Fiz, castañas furadas e nabos ruíns.
- Se o mes de agosto vén craro, bo magosto e bo nabo; se vén nubrado, poucas castañas e nabos furados [21].
- Se queres ter bos nabos, en San Xoán tes que sementalos [8].
- Sol na cibdá, auga no nabal [16].
- Tal é a terra, tales nabos leva [22].
- Viña, pereira e nabal, maos son de gardar [23].
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Adios, Torneiros do Val,/ despedida de Galicia;/ xa que rilláste-lo nabo/ rillai tamén a nabiza [24].
- Asubírame a unha cerdeira/ e farteime de pexegos bravos/ e veu o dono do cabaceiro/ vaite de aí que me arríca-los nabos [25].
- Entrei nun nabal alleo,/ agarrei un nabo, metino no seo,/ anque me ceiben os cas ó rabo/ léveme o demo si ceibo o nabo; pro si polo nabo ha de vir a guerra/ que quede o nabo chantado na terra [26].
- Eu de onde estou ben vexo/ as rabizas en Teaio,/ tamén vexo os meus amores/ na arrechán de Araño [27].
- Miña nai deume unha tunda/ con troncho dunha nabiza;/ miña nai, teña vergoña,/ que vén xente da misa [28].
- Miña nai ten unto vello/ da cocha que ha de matar,/ mandóume coller rabizas/ ¡e o nabal por sementar! [29].
- No nabal do meu sogro/ acitáronme os cas/ e saíu a miña sogra/ cunha chanca na mau;/ coa chanquiña na mau/ i o zapato no pé;/ ela a min tenme rabia,/ eu ben sei por qué é [30].
- Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ non quero ter man da cabra/ e que outros mamen o leite [31].
- Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ hasta me fai mal o leite [32].
- Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ tamén me fai mal o leite [31].
- Non quero verzas con unto/ nin nabizas con touciño;/ pra min non hai cousa boa,/ tamén me fai mal o viño [31].
- Se me hei de casar contigo,/ válante cinco mil diablos;/ pra atender á paridura/ cómpreme un nabal de nabos [33].
- Pra nabos n’hai coma Lugo,/ pra canteiros, Pontevedra,/ pra rapaciñas bonitas/ hai que vir á nosa terra [34].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Eladio Rodríguez, s. v. nabo; "O nabo, tanto a raíz como as follas, é un alimento usado en Galicia desde sempre" (La Voz de Galicia, 3.03.1984.
- ↑ Asociación cultural Andarela (ed.). "O entroido". Arquivado dende o orixinal (html) o 05/03/2016. Consultado o 26/01/2011.
- ↑ Nótese que tamén se chaman así os brotes tenros da col ou da verza.
- ↑ La Voz de Galicia, 3.03.1984.
- ↑ Real Academia Galega (1913-1928): Diccionario gallego-castellano a través de Dicionario de dicionarios
- ↑ 6,0 6,1 O libro do porco, 35.
- ↑ O Advento é o primeiro período do ano litúrxico cristián, de preparación para o nacemento de Cristo. Celébrase os catro domingos inmediatamente anteriores ó Nadal.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 Eladio Rodríguez González, s. v. nabo.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. cereixa.
- ↑ Chámanse bertós ás follas novas que botan os nabos, despois das nabizas e antes dos grelos.
- ↑ San Pedro Fiel é unha aglutinación de San Pedro in Vincula e de San Fins, que se celebran conxuntamente o 1º de agosto.
- ↑ Marcial Valladares Núñez.
- ↑ Ver nota a Habendo neboeirao día de San Pedro Fiel.... Rivas Quintas:123; no orixinal: niebla.
- ↑ Marcial Valladares, s. v. sachar.
- ↑ 16,0 16,1 Eladio Rodríguez González, s. v. sol.
- ↑ Santa Mariña celébrase o 18 de xullo. Eladio Rodríguez González, s. v. Santa Mariña.
- ↑ A Virxe do Pilar celébrase o 12 de outubro.
- ↑ Refraneiro do viño, 54.
- ↑ Juan Sobreira:Vegetables.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. agosto.
- ↑ Juan Sobreira: Papeletas. No orixinal: Tal he a terra.
- ↑ Refraneiro do viño, 46.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 31. No orixinal: rillastelo. Torneiros (do Val) é lugar da parroquia de Santa María de Río Caldo, no concello de Lobios, último lugar de Portela do Home camiño de Portugal; de aí que o chamen despedida de Galicia.
- ↑ Juan Sobreira: Papeletas, s. v. cabaceiro. No orixinal: Asubiram'a unha cerdeyra/ e farteyme de pexegos brabos/ e veo o dono do Cabaceyro/ vayte d'ahí que m'arrica los nabos.
- ↑ Corme, 480. No orixinal: os cás o rabo.
- ↑ Teaio é lugar da parroquia de San Xoán de Laíño, en Dodro pero estremeira coa de Santa Baia do Araño, en Rianxo. Fermín Bouza-Brey, 202. No orixinal: Teayo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 99. No orixinal: de unha, ven.
- ↑ O libro do porco 46.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 109. No orixinal: cás.
- ↑ 31,0 31,1 31,2 O libro do porco, 47. No orixinal: berzas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 111. No orixinal: berzas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 143.
- ↑ Corme, 502.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Xosé María: O libro do porco. Colección O Moucho 26. Edicións Castrelos, Vigo 1972.
- ANÓNIMO: Refraneiro do viño. 505 sentenzas recollidas do pobo, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo 1968.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: "Etnografía. Cultura material", en Ramón Otero Pedrayo (dir.): Historia de Galiza II, 1962 (reed. Akal 1979).
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- RAMÓN FERNÁNDEZ-OXEA, Xosé: "Cancionero y refranero de Corme", en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares. Tomo VII, cuaderno 3º, 1951, px. 457-507.
- REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- SOBREIRA, Juan: Vegetables de Galicia e Justificativos de la nomenclatura botánica gallega (1790), ed. de J. L. Pensado Tomé, Galaxia, Vigo, 1974.
- SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.
- VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.