Francisco de Paula de Borbón
Francisco de Paula Antonio de Borbón e Borbón-Parma, nado en Aranjuez o 10 de marzo de 1794 e finado en Madrid o 13 de agosto de 1865, Infante de España, foi o menor dos fillos do rei de España, Carlos IV e María Luísa de Parma. Foi investido cabaleiro do Vélaro de Ouro en 1794.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Coa cidade ocupada polos franceses e os reis e familia real camiño de Baiona, a primeira hora do 2 de maio, saíu o mozo infante de Palacio, transportado en coche. Un cerralleiro, José Blas Molina, penetrou entón no edificio e saíu a un dos seus balcóns gritando á multitude de desocupados e curiosos que observaban o acto:
Traizón! Quitáronnos ao noso rei e queren levarse a todas as persoas reais! Morte aos franceses!
De tal modo, Francisco de Paula serviu de detonante e coartada do soado Levantamento do 2 de maio. En calquera caso, o infante acompañou aos seus pais, Carlos IV e María Luísa, no seu exilio en Francia e Roma.
En 1815, os diplomáticos representantes en Europa das Provincias Unidas do Río da Prata proxectaron coroalo como rei dun hipotético Reino Unido do Río da Prata, Perú e Chile, co posible apoio de Carlos IV.[1] O plan non pasou dun proxecto, e nunca foi seriamente tratado no Río da Prata, pese a que os dous diplomáticos que idearon o proxecto foron personaxes tan influentes como Manuel Belgrano e Bernardino Rivadavia.[2][3]
Afeccionado ás artes e decidido protector delas, foi membro honorario e meritorio da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (1816) e deixou pintados varios cadros de valía. Foi tamén protector da Sociedade Económica de Amigos do País de Madrid, presidente da Masonería española como Gran Mestre do Gran Oriente Nacional de España e Irmán Maior da Real Maestranza de Cabalería de Zaragoza (1819-1865).
Familia
[editar | editar a fonte]Matrimonios e descendencia
[editar | editar a fonte]
O 12 de xuño de 1819, casou coa súa sobriña, a princesa napolitana, Luisa Carlota de Borbón-Dúas Sicilias, filla do rei Francisco I e da súa irmá María Isabel de Borbón, do matrimonio naceron:
- Francisco de Asís Luís de Borbón (1820-1821), infante de España, primeiro duque de Cádiz.
- Isabel Fernanda de Borbón (1821-1897), infanta de España; casada co conde Ignacio Gurowski. Deixou descendencia.
- Francisco de Asís de Borbón (1822-1902), infante de España, segundo duque de Cádiz. Rei consorte de España polo seu matrimonio coa súa curmá Isabel II.
- Enrique de Borbón (1823-1870), infante de España, Duque de Sevilla, morto en duelo co duque de Montpensier.
- Luisa Teresa de Borbón (1824-1900), infanta de España, casada con José María Osorio de Moscoso e Carvajal, Duque de Sessa. Tivo descendencia.
- Eduardo Felipe de Borbón (1826-1830), infante de España.
- Josefina Fernanda de Borbón (1827?1900), infanta de España ata o seu matrimonio morganático e en segredo con José Güell e Renté. Tivo descendencia.
- María Teresa de Borbón (1828-1829), infanta de España.
- Fernando María de Borbón (1832-1854), infante de España.
- María Cristina de Borbón (1833-1902), infanta de España, casada co infante Sebastián Gabriel de Borbón. Tivo cinco fillos, pero ningún recibiu o trato de infante de España.
- Amalia Filipina de Borbón (1834-1905), infanta de España, casada co Príncipe Adalberto de Baviera.
En 1851 casou en segundas nupcias con Teresa Arredondo, Duquesa de San Ricardo, de quen houbo un único fillo:
- Ricardo María de Arredondo (1852-1872), Duque de San Ricardo. Non puido ostentar o apelido Borbón nin o título de infante de España.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ http://argentinahistorica.com.ar/intro_archivo.php?tema=7&titulo=42&subtitulo=&doc=217
- ↑ http://www.estudioshistoricos.org/edicion_3/walter-rela.pdf
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2014. Consultado o 17 de xuño de 2014.