Saltar ao contido

Fukuoka SoftBank Hawks

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Fukuoka SoftBank Hawks
Fundado en 1938
En Fukuoka desde 1989
Insignia
Liga
Liga Nippon Professional Baseball
DivisiónPacific League (1950–presente)
Liga anteriorJapan Baseball League (1935–1949)
Imaxe do equipo
Cores          Amarelo, negro
Datos do equipo
AnteriorNankai (1938–1944)
Kinki Nippon (1944–1945)
Great Ring (1946–1947)
Nankai Hawks (1947–1988)
Fukuoka Daiei Hawks (1989–2004)
AlcumesTaka (鷹, aguias)
EstadioFukuoka Dome
Estadios antigosSakai Ōhama Kyūjō (1938)
Nakamozu Kyūjō (1939–1947)
Estadio Koshien (1948–1949)
Osaka Stadium (1950–1988)
Heiwadai Yakyūjō (1989–1992)
MascotaHarry Hawk e a familia Hawk
DonoSoftBank
AdestradorSugihiko Mikasa
Títulos
Nippon S. (11)1959, 1964, 1999, 2003, 2011, 2014, 2015, 2017, 2018, 2019, 2020
Pacific L. (19)1951, 1952, 1953, 1955, 1959, 1961, 1964, 1965, 1966, 1973, 1999, 2000, 2003, 2010, 2011, 2014, 2015, 2017, 2020

Os Fukuoka SoftBank Hawks (福岡ソフトバンクホークス Fukuoka Sofutobanku Hōkusu?) son un equipo profesional xaponés de béisbol con sede en Fukuoka, Prefectura de Fukuoka (Kyūshū). O club compite na Nippon Professional Baseball (NPB) como membro da Pacific League. O equipo durante décadas tivo a súa sede en Osaca, levando o nome de Nankai Hawks. En 1988, Daiei, unha empresa de supermercados, comprou o club á empresa ferroviaria Nankai e trasladou a sede a Fukuoka, cidade que carecía de equipo de bésibol profesional desde a saída dos Lions en 1979. O 28 de xaneiro de 2005 o equipo mudou de novo de donos ao ser adquirido pola empresa de telecomunicacións SoftBank. Os Hawks son o terceiro equipo con máis trofeos das Series do Xapón tras os Yomiuri Giants e os Saitama Seibu Lions. O campo onde xogan os seus partidos como local desde 1993 é o Fukuoka Dome, recinto con capacidade para 38.561 espectadores.

Nankai Hawks

[editar | editar a fonte]

Cando se uniu á Liga de Béisbol do Xapón (JBL) en 1938, o nome orixinal da franquía era Nankai. O nome procedia da empresa propietaria do equipo a Compañía de Ferrocarrís Eléctricos Nankai. O 31 de maio de 1944 o nome do equipo mudouse a Kinki Nippon debido a un patrocinio parcial da Empresa Ferroviaría Kinki Nippon. Despois da pausa de 1945 da JBL debido á Gran do Pacífico, en 1946 o nome do equipo cambiouse a Kinki Great Ring. Ese mesmo ano o gañaron o seu primeiro título da JBL. A pesar de todas as mudanzas de nome nos inicios do club, a Nankai (dunha forma ou outra) mantivo sempre a propiedade da franquía. Foi, porén, en 1947 cando o equipo adopta o seu actual alcume, pasando a chamarse o equipo Nankai Hawks (南海ホークス Nankai Hōkusu?). Despois da creación da Nippon Professional Baseball (NPB) en 1950, baixo a dirección de Kazuto Tsuruoka, os Hawks convertéronse durante dúas décadas nunha máis exitosas da Liga do Pacífico. En total gañaron dez títulos de Liga e dous das Series do Xapón (1959 ante Yomiuri Giants e 1964 ante Hanshin Tigers).

En 1964, os Hawks enviaron á súa promesa Masanori Murakami e a outros dous prometedores xogadores ao equipo de single-A de Fresno dos San Francisco Giants como "estudantes de intercambio" de béisbol. O 1 de setembro dese ano, Murakami converteuse no primeiro xogador xaponés en xogar na Major League Baseball (MLB) cando apareceu no montículo para os Xigantes de San Francisco.[1] As disputas sobre os dereitos do seu contrato levaron eventualmente á sinatura en 1967 do acordo entre Estados Unidos e o Xapón sobre o Contrato de Xogadores Xaponeses. Murakami regresou aos Hawks en 1966, xogando para eles até 1974. Contribuíu ao campionato da liga de 1973 (aínda que finalmente perderon as Series do Xapón ante os Yomiuri Giants). Entre 1978 e 1988 o equipo atravesou momentos difíciles, sendo o seu mellor posto o cuarto lugar entre seis equipos. Isto levou á diminución da súa base de seareiros, o que levou a menores asistencias ao estadio e menores ingresos.

Esta mudanza nas condicións económicas da franquía levou á Nankai a cuestionar o valor de manter a propiedade do equipo, mesmo despois de considerar o valor que o equipo representou durante anos como ferramenta publicitaria. A xunta directiva e o liderado sindical da compañía meteron presión a Den Kawakatsu, o entón presidente de Nankai Railway e propietario principal do equipo, para que vendese o equipo, algo que rexeitou. Con todo, Kawakatsu, o máis fervente partidario de que a Nankai mantivese aos Hawks en propiedade, morreu a comezos da temporada de 1988. Así, o equipo foi vendido á Corporación Daiei para converterse nos Fukuoka Daiei Hawks (福岡ダイエーホークス Fukuoka Daiē Hōkusu?). Entre os xogadores máis destacados da era Nankai están Katsuya Nomura, Mutsuo Minagawa, Hiromitsu Kadota e Chusuke Kizuka.

Daiei Hawks

[editar | editar a fonte]
Nobuhiko Matsunaka.

Despois de que a franquía fose adquirida pola cadea de grandes almacéns Daiei, os Hawks conseguiron máis fondos e unha nova sede en Fukuoka, capital da prefectura homónima na illa de Kyūshū. Desde a saída dos Crown Lighter Lions (hoxe Saitama Seibu Lions) en 1978, a cidade non contara con ningún equipo profesional. Porén, a pesar dos esforzos dos novos propietarios, os Hawks aínda seguiron a ocupar até 1997 os últimos lugares da Liga do Pacífico. Para solucionalo, baixo o mando do presidente Ryuzo Setoyama, comezaron unha nova estratexia de recrutar e desenvolver xogadores moi novos en lugar de asinar axentes libres. Un dos movementos máis destacábeis de Setoyama foi a contratación de Sadaharu Oh como adestrador en 1995, cargo mantivo até 2008 cando foi nomeado director xeral do equipo. Oh substituíu a Rikuo Nemoto, o cal fora nomeado xerente xeral até o seu seu falecemento en 1999. Por outra banda, Akira Ishikawa, un ex xogador pouco coñecido, foi o encargado de procurar novos talentos para o equipo, entre os que destacaron Kenji Johjima, Kazumi Saitoh, Nobuhiko Matsunaka, Tadahito Iguchi, Munenori Kawasaki e Hiroki Kokubo.

Para complementar a chegada das novas promesas, tamén se fichou algún xogador sen equipo, a maioría deles estrelas dos Seibu Lions que dominaron os anos 1980. Entre eles destacaban o infielder Hiromichi Ishige, o popular outfielder (e a posteriori adestrador dos Hawks entre 2008 e 2014) Koji Akiyama, e o "as" zurdo Kimiyasu Kudō. O conxunto destes movementos, xunto con algún despedimento impopular, axudaron aos Hawks a ser gradualmente un equipo competitivo, chegando o seu momento en 1999. Esa temporada os Hawks chegaron ás súas primeiras Series do Xapón desde o traslado a Fukuoka (a última vez fora en 1973). Nelas, derrotaron aos Chunichi Dragons en cinco xogos, conseguindo así o seu primeiro campionato desde 1964. Entre as chaves da vitoria estiveron os lanzamentos de Kudō no primeiro partido (xogou o partido completo e conseguiu 13 strikeouts), e a actuación de Akiyama, nomeado MVP das series. Ao ano seguinte os Hawks chegaron de novo as Series do Xapón, mais esta vez saíron derrotados ante os Yomiuri Giants en seis xogos.

No ano 2001, o estadounidense Karl "Tuffy" Rhodes dos Kintetsu Buffaloes conseguiu igualar os 55 home runs de Sadaharu Oh con varios partidos por disputarse. Os Buffaloes xogaban contra os Hawks, adestrados polo propio Oh, nunha serie de fin de semana. Durante todos os partidos Rhodes foi enviado á primeira base por bolas (sen permitirlle así batear). Oh negou a súa implicación e finalmente o adestrador asistente Yoshiharu Wakana recoñeceu que fora orde súa. Wakana declarou que "sería desagradábel que un estranxeiro rompese o récord de Oh". O comisionado da liga Hiromori Kawashima denunciou que o comportamento dos Hawks fora "antideportivo". Posteriormente, o pitcher Keisaburo Tanoue declarou que se sentiu moi mal pola situación e que el quería ter lanzado normalmente.[2] Ao ano seguinte deuse unha situación semellante co venezolano Alex Cabrera. Esta vez Oh deu ordes de lanzar normalmente, máis a maioría dos seus pitchers ignoraron a orde. A nivel de franquía, a pesar das dificulatades económicas que atravesaba a comezos de século Daiei, o equipo continuou a ser competitivo. No ano 2003 gañaron as súas segundas Series do Xapón en cinco anos tras derrotar aos Hanshin Tigers en sete xogos.

SoftBank Hawks

[editar | editar a fonte]
Seiichi Uchikawa.

Os problemas económicos de Daiei forzaban á empresa a ter que vender a súa participación do 60% na franquía. Informes do ano 2003 suxerían á compañía a venda do equipo e do Fukuoka Dome. Con todo, Daiei tentou manter a propiedade da franquía negociando cos seus principais prestamistas, incluíndo o UFL Bank. Finalmente, non foi posíbel e o club foi vendido en xaneiro de 2005 á compañía de novas tecnoloxías SoftBank. A pesar da chegada do novo novo, o equipo seguiu coa súa xeira gañadora. De feito, após a venda, os Hawks eran un dos equipo máis ricos do Xapón. Ademais, conseguiron manter o núcleo de xogadores dos últimos anos da era Daiei. Destcaba neste equipo especialmente a rotación de pitchers con Saitoh, Tsuyoshi Wada, Nagisa Arakaki e Toshiya Sugiuchi. Ese mesmo ano 2005, o equipo acabou na primeira posición da Liga do Pacífico. Con todo, non conseguiron chegar ás Series do Xapón tras perder nas Climax Series ante os que posteriormente se alzarían co título, os Chiba Lotte Marines. En 2006 o equipo volveu optar polo título, mais outra vez os Hakws perderían nos playoffs ante o futuro campión, esta vez os Hokkaido Nippon Ham Fighters. Cómpre destacar que nesta última temporada o adestrador Oh non puido exercer a súa labor durante a maior parte da temporada debido a unha enfermidade.

No ano 2007 os Hawks, inconsistentes e cheos de mancados, finalizaron en terceiro lugar da liga para posteriormente perder nos playoffs ante os Marines. En 2008, aínda afectados polas lesións e cun moi mal final mes de temporada, o equipo acabou en último lugar. Este resultado representaba a peor clasificación da franquía desde 1996. Tras finalizar a temporada Oh anunciou a súa dimisión e foi substituído polo ex xogador e ídolo dos seareiros locais Koji Akiyama. En 2009 o equipo regresou aos playoffs da man de xogadores como o pitcher títular D J. Houlton, o outfielder Yuya Hasegawa, o novato do ano Tadashi Settsu e outra boa temporada do as Sugiuchi. Con todo, perden de novo na primeira rolda, esta vez ante os Tohoku Rakuten Golden Eagles. A situación mellorou ao ano seguinte, e os Hawks conseguen por primeira vez en sete anos o título da Liga do Pacífico. Porén, o destino sería o mesmo que nas temporadas anteriores, unha derrota nos playoffs ante os Marines a pesar de que chegaron a ter unha vantaxe de 3–1.

En 2011 os Hawks repetiron título da Liga do Pacífico cun notábel dominio en todos os aspectos do xogo. A ofensiva foi reforzada coa fichaxe do outfielder dos Yokohama BayStars Seiichi Uchikawa, que acabou a temporada liderando a liga en bateo. En cando aos pitchers, destacou o labor de Toshiya Sugiuchi, Tsuyoshi Wada e D.J. Houlton. Nos playoffs conseguiron eliminar sen ceder ningunha derrota os Saitama Seibu Lions e clasificarse ás Series do Xapón. Nelas, repetiuse a final de 1999 ao enfrontarse os Hawks aos Chunichi Dragons. A eliminatoria chegou aos sete xogos, máis finalmente os de Fukuoka conseguiron gañar no partido decisivo por 3−0, conseguindo así o seu primeiro título desde precisamente 1999. Nas temporadas 2012 e 2013 os Hawks non consegtuen repetir a fazaña, de feito, na 2013 o equipo non consegue clasficarse aos playoffs o finalizar en cuarto lugar. Con todo, o equipo refaise, e desde 2014 até 2018 conseguen catro títulos das Series do Xapón en cinco anos. Destacan desta etapa xogadores como o outfielder Yuki Yanagita (MVP da Liga do Pacífico de 2015), o pitcher Dennis Sarfate (MVP da Liga do Pacífico de 2017), o catcher Takuya Kai e os infielders Nobuhiro Matsuda, Kenta Imamiya e Dae-ho Lee.

Ao longo dos anos o equipo tivo diferentes nomes:[3]

  • Nankai (1938−1944)
  • Kinki Nippon (1944−1945)
  • Kinki Great Ring (1946−1947)
  • Nankai Hawks (1947−1988)
  • Fukuoka Daiei Hawks (1989−2004)
  • Fukuoka SoftBank Hawks (2005−presente)
Artigo principal: Fukuoka Dome.
O Fukuoka Dome.

Actualmente, os Fukuoka SoftBank Hawks xogan os seus encontros como local no Fukuoka Yahuoku! Dome. O estadio, que posúe a cúpula xeodésica máis grande do mundo (216 metros de diámetro),[4] ten capacidade para 40.178 espectadores. Con todo, ao longo dos anos os Hawks teñen utilizado os seguintes estadios:

Estadio Localización Prefectura Capacidade Período
Sakai Ōhama Kyūjō Sakai Osaca Osaca 1938
Nakamozu Kyūjō Sakai Osaca Osaca 1939 1947
Estadio Koshien Nishinomiya Hyōgo Hyōgo 50.000 1948 1949
Osaka Stadium Osaca Osaca Osaca 31.379 1950 1988
Heiwadai Yakyūjō Fukuoka Fukuoka Fukuoka 34.000 1989 1992
Fukuoka Dome Fukuoka Fukuoka Fukuoka 40.178 1993

Xogadores

[editar | editar a fonte]

Dorsais honrados

[editar | editar a fonte]
Hiroki Kokubo.

Os Yokohama DeNA BayStars non teñen retirado ningún dorsal, mais honran o 9 de Hiroki Kokubo, o 15 de Masao Fujii, o 30 de Kazuto Tsuruoka e o 89 de Sadaharu Oh. Este último ía ser retirado, porén, o propio Oh deixou claro que prefería darlle o seu número ao seu sucesor que retiralo. Con todo, o adestrador que o substituíu, Koji Akiyama, non quixo levar o dorsal para homenaxear a Oh, escollendo no seu lugar o 81. Alén dos tres dorsais, e de forma non oficial, o Hawks homenaxean o 90 de Yasutake Kageura, unha personaxe do manga "Abu-san", cuxa historia trascorre nos Nankai Hawks. É o único número adicado a unha personaxe de ficción da NPB. Tamén entrou en consideración o dorsal 52 de Munenori Kawasaki.

Xogador Posición Período
9 Hiroki Kokubo Primeira base 1994–2003, 2007–2012
15 Masao Fujii Pitcher 1995-2000
30 Kazuto Tsuruoka Adestrador 1946-1968
89 Sadaharu Oh Adestrador 1995–2008
90 Yasutake Kageura Personaxe do manga Abu-san

Xogadores MLB

[editar | editar a fonte]
País Xogador Posición Temporadas no equipo
Xapón Munenori Kawasaki Shortstop 2001–2011, 2017
Xapón Masanori Murakami Pitcher 1963, 1966−1974
Xapón Tadahito Iguchi Segunda base 1997–2004
Xapón Kenji Johjima Catcher 1995–2005

O Hawks teñen o maior número de mascotas da NPB: a Familia Hawk. Desde 1992 os membros da familia son:

  • Harry Hawk, unha aguia amarela que leva o dorsal 100. É a principal mascota do club e o irmán máis novo de Homer Hawk, a anterior mascota principal.
  • Honey Hawk, unha aguia de cor rosa. É a moza de Harry e a xefa do equipo de baile do equipo, os Honeys.
  • Herculy Hawk, unha aguia de cor laranxa que leva o dorsal 200. Herculy é compañeiro de equipo de Harry é o seu eterno rival desde os seus días na Universidade Hawk.
  • Honky Hawk, unha aguia de mediana idade que ama o béisbol. É o tío de Harry e o alcalde de Hawks Town.
  • Helen Hawk, unha aguia de mediana idade. Cando estaba no instituto fuxiu con Honky e agora están casados.
  • Hack Hawk. é o sobriño de Harry e o maior dos irmáns Hawk. Leva camisolas con raias vermella e unha gorra da mesma cor.
  • Rick Hawk é o sobriño de Harry e o medio dos irmáns Hawk. Leva lentes, camisolas con raias azuis e unha gorra da mesma cor.
  • Rick Hawk é o sobriño de Harry e o pequeno dos irmáns Hawk. Leva camisolas con raias verdes e unha gorra da mesma cor.
  1. Kleinberg, Alexander (24 de decembro de 2001). "Where have you gone, Masanori Murakami?". Major League Baseball. Arquivado dende o orixinal o 18 de agosto de 2002. Consultado o 9 de amio de 2019. 
  2. Whiting, Robert (31 de outubro de 2008). "Equaling Oh's HR record proved difficult". Japan Times. 
  3. "Fukuoka SoftBank Hawks". NPB.jp. 
  4. Glancey, Jonathan (21 de outubro de 2014). "The story of Buckminster Fuller’s radical geodesic dome". BBC. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]