Funambulismo
O funambulismo é a arte de camiñar ao longo dun delgado arame, corda ou outra superficie similar cunha mínima superficie de apoio, practicado desde a antigüidade clásica polos funámbulos[1] (do latín funambulus, de funis -corda-, e ambulare -andar-).[2]
Dise que os equilibristas realizaban actuacións espontáneas no alto das rúas de Roma e mesmo no Coliseo. Os romanos chamaban a estes artístas funambula, e hoxe funámbulo é o vocábulo que se emprega para designar os equilibristas e camiñantes sobre a corda frouxa. Antigas pinturas de xeso, enterradas durante 1700 anos baixo a cinza volcánica que sepultou a antiga cidade de Pompeii, representan o que parecen pequenos demos camiñando sobre o que sen dúbida son cordas frouxas tendidas sobre armazóns en forma de A, unha estrutura que os funámbulos continúan a empregar hoxe en día. Este descubrimento amplía o rexistro escrito (ou pintado) do funambulismo ata o ano 79.
A corda frouxa non é só un deporte antigo, senón tamén mundial. Os historiadores non poden precisar desde cando existe a tradición coreana do jultagi, mais é posible que comezase xa no ano 57 a.C. O jultagi, considerado hoxe parte do patrimonio cultural coreano, é unha forma única de funambulismo en que os artistas combinan a acrobacia coa música e a actuación.
Historia
[editar | editar a fonte]A tradición acrobática está presente en moitas culturas e hai evidencia de que as primeiras tradicións se orixinaron hai varios miles de anos. Por exemplo, a civilizacón minoica cara ao ano 2000 a.C. contén descricións de fazañas acrobáticas sobre os lombos de touros.
Coñecidos entre os gregos como schoinobates (σχοινοβάτης, danzantes na corda), ao parecer foron introducidos en Roma. Terencio fai mención dun funámbulo que distraera o seu público durante a primeira representación da súa comedia A sogra (Hecyra, 165 a.C.). Pola súa banda, Marco Aurelio conta nas súas Meditacións que estando el e Lucio Vero presenciando os xogos organizados para celebrar os seus triunfos e que logo de que caese un dos funámbulos cando estaba a danzar, o propio Marco Aurelio mandou que se tendesen colchóns debaixo da corda e este xesto de prudencia puido ser a orixe do costume de poñer debaixo dela unha rede.[3]
As cortes tribas da Europa medieval adoitaban contar con espectáculos acrobáticos nos seus entretementos, en que se incluían malabares.
Na China, as acrobacias formaban parte da cultura da dinastía Han. Entón, as acrobacias facían parte das festas e festivais.[4] Contra a época da dinastía Tang as acrobacias tiñan o mesmo desenvolvemento que en Europa durante a idade media; desenvolvíanse na exposición do patio desde o século VII ata o século X.[5] A acrobacia continuou a facer parte importante da tradición chinesa ata a actualidade.
Biomecánica
[editar | editar a fonte]Os acróbatas manteñen o equilibro posicionando o seu centro de masa directamente sobre a súa base de apoio, é dicir, desprazando a maior parte do seu peso sobre as súas pernas, brazos ou calquera parte do corpo que estean a utilizar para sosterse. Cando están no chan cos pés un a carón do outro, a base de apoio é ampla na dirección lateral, mais estreita na dirección saxital (de atrás cara a diante). No caso dos camiñantes sobre a corda frouxa, os seus pés están paralelos entre eles, un pé colocado diante do outro mentres están sobre o cable. Por tanto, o bambeo dun camiñante sobre a corda frouxa é de lado a lado, o seu apoio lateral reduciuse drasticamente. En ambos os casos, xa sexa de lado a lado ou en paralelo, o nocello é o punto de pivote.
Un camiñante de arame pode utilizar unha pértega para equilibrarse ou pode estricar os brazos perpendicularmente ao seu tronco a modo de pértega. Esta técnica ofrece varias vantaxes: distribúe a masa lonxe do punto de pivote, aumentando así o momento de inercia. Isto reduce a aceleración angular, polo que se require unha maior torsión para facer xirar o artista sobre o cable. O resultado é unha menor inclinación. Ademais, o executante tamén pode corrixir o bambeo xirando o poste. Isto crea un par de torsión igual e oposto no corpo.
Os bailaríns sobre a corda frouxa adoitan levar zapatillas moi finas e flexibles, con sola de coiro ou de gamuza, para protexer os pés de abrasións e mancaduras, mais permitindo que o pé se curve arredor do cable. Aínda que é moi pouco frecuente na práctica, os funámbulos afeccionados ou inexpertos adoitan camiñar descalzos para poder agarrar o cable entre a deda gorda e a segunda. Isto fais adoito cando se emprega unha corda, xa que as fibras máis suaves e sedosas son menos molestas para o pé nu ca o cable trenzado, máis duro e abrasivo.
Funámbulos célebres
[editar | editar a fonte]- Robert Cadman, funámbulo británico do século XVIII.
- O canadense Jay Cochrane estableceu múltiples marcas, incluído a Gran Camiñata Chinesa[6] na gorxa de Qutang.
- Pablo Fanque, funámbulo británico do século XIX, máis coñecido por ser o primeiro propietario negro dun circo en Gran Bretaña e porque é mencionado na canción de the Beatles "Being for the Benefit of Mr. Kite!".
- Henri L'Estrange, australiano do século XIX, primeira persoa en cruzar o porto de Sydney e pioneiro dos globos aerostáticos.
- Elvira Madigan, funambulista dinamarquesa do século XIX.
- Stephen Peer, tras varios cruces con éxito, faleceu ao caer nas cataratas do Niágara en 1887.
- Philippe Petit, francés, célebre polo seu paseo entre as torres do World Trade Center en Nova York en 1974.
- Maria Spelterini, italiana, primeira muller en cruzar as cataratas do Niágara.
- The Flying Wallendas foron coñecidos polas súas pirámides de sete e oito persoas. Entre os seus membros están o fundador Karl Wallenda, que faleceu o 22 de marzo de 1978 con 73 anos ao intentar cruzar entre as dúas torres do Condado Plaza Hotel en San Xoán, Porto Rico, e Nik Wallenda, bisneto de Karl.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para funámbulo, funámbula.
- ↑ Diccionario Enciclopédico Abreviado Espasa-Calpe, tomo IV. Madrid, 1957.
- ↑ Louis Moreri: El gran diccionario histórico, Louis Moreri. Editor Frères de Tournes 1753. Traducido por José Miravel y Casadevante. Fuente: Universidad Complutense de Madrid.
- ↑ "redpanda2000". Arquivado dende o orixinal o 14 de enero de 2018. Consultado o 18. 05. 2016.
- ↑ Pasadena.edu
- ↑ Blumenfeld, Jeff (2013). You Want To Go Where?: How to Get Someone to Pay for the Trip of Your Dreams. Skyhorse Publishing, Inc. ISBN 978-1626369658 – vía Google Books.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gisela y Dietmar Winkler (ed.): Gente entre el cielo y la tierra. De las vidas de famosos artistas de la cuerda floja. Henschel Verlag, Berlín 1988, ISBN 3-362-00260-9.