Funicular de Artxanda
O funicular de Artxanda (en éuscaro Artxandako funikularra) é un transporte público que comunica a cidade de Bilbao co cume do monte Artxanda en Biscaia (Euskadi).
O acceso desde Bilbao sitúase na praza do Funicular adxacente á rúa Castaños, no barrio homónimo, próxima ao paseo Campo Volantín, entre o Concello de Bilbao e a ponte de La Salve. A poucos metros atópase o Zubizuri, ponte de Santiago Calatrava.
Historia
[editar | editar a fonte]Foi construído pola empresa suíza Von Roll a partir dunha iniciativa do donostiarra Evaristo San Martín.[1]
Realizou a primeira viaxe o 7 de outubro de 1915, operado por unha empresa privada. Ao crebar esta, o goberno municipal fíxose cargo del en 1939. En 1983 foi totalmente reformado e actualmente está xestionado polo Concello de Bilbao.[2]
Construíuse para poder acceder ao casino do monte Artxanda. Durante o asedio de Bilbao na Guerra civil española as vías e a estación superior foron bombardeadas. O servizo quedou interrompido até 1938.
Renovación integral
[editar | editar a fonte]En marzo de 2023 informouse o proxecto de renovación do funicular. Unha vez instaladas 220 placas fotovoltaicas na cuberta da pista de patinaxe, situada á beira da estación superior, presentouse o deseño da devandita estación. Contaría, entre outros, cunha maior accesibilidade, a instalación de portas canceladoras e salas de agarda. As obras, que incluirían un miradoiro a Bilbao, comezarán en outono e prevese que conclúan xa en 2024. Así mesmo, expúxose a renovación integral dos vagóns para facelos máis accesíbeis e que conten con maior capacidade e luminosidade.[3]
Datos técnicos
[editar | editar a fonte]- Percorrido: 770,34 metros
- Desnivel: 226,49 metros
- Pendente máxima: 44,98 %
- Capacidade: 70 persoas por vehículo
- Duración da viaxe: 3 minutos
- Velocidade máxima: 5 m/s (18 km/h)
O funicular consta dun cable de 4 cm de diámetro formado por fíos de aceiro. Ao longo da vía están dispostas unhas poleas forradas con goma para evitar o rozamento do cable e o seu desgaste. Ambos coches están unidos a través do cable e empréganse como contrapeso mutuo, xunto cun motor de 300 kW. Conta cun freo principal e outro operacional, que se suman aos dos coches e a un automatismo PLC que xestiona todas as funcións do funicular.[4]
O cable de aceiro é revisado anualmente por persoal externo especializado para controlar o seu estado e recomendar a súa substitución se for preciso. Este ten unha vida útil de entre 15 e 25 anos. De xeito adicional, todos os días realízase unha viaxe de proba previa á súa apertura, sen pasaxeiros.[4]
Ver tamén
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Serrano, Juan A. (2006). Montes de Bilbao (en castelán). Bilbao: Sua. p. 59. ISBN 9788482162270.
- ↑ Iturralde, Mikel (7 de outubro de 2015). "En el 'funi' al cielo de Bilbao". El Correo (en castelán). Consultado o 5 de setembro de 2023.
- ↑ Montero, Félix (31 de marzo de 2023). "El funicular de Artxanda se renueva: 220 placas solares, vagones más grandes y una nueva estación". El Correo (en castelán). Consultado o 5 de setembro de 2023.
- ↑ 4,0 4,1 "Características técnicas". Funicular de Artxanda (en castelán).