Saltar ao contido

Fuste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
  • Este artigo trata do elemento arquitectónico, para o recipiente véxase barril.
Columna de Traxano
Fustes dos piares compostos da nave da Catedral de Santiago de Compostela

O fuste ou cana é a parte da columna que se atopa entre o capitel e a base.

Corresponde ao corpo principal ou básico das columnas utilizadas en moitos dos edificios desde a época exipcia ata o neoclásico do século XIX. O seu deseño pode ser desde o simplemente liso, é dicir sen ningunha decoración, pasando polo estriado ou raiado no sentido vertical do fuste, este estriado chegouse a facer fino resaltándoo en lombo curvo ou ben acanalado, con amosegas nos extremos de cada raiadura para esvaer a súa forma coa do basamento ou co capitel.

Os fustes chegaron a contar con decorados vexetais ao seu derredor, para facelos máis vistosos.

Normalmente os fustes construíanse en forma de seccións encostadas no sentido vertical, ao facelo os gregos chegaron a facelos bombeados na parte central coa finalidade de que a visual en perspectiva non os fixese parecer desproporcionados, ou ben son cilíndricos con maior grosor na súa parte inferior, grosor que vai diminuíndo conforme crece ou se alonga.

O fuste de maior decoración é o denominado como "salomónico" por ter un deseño torto ou helicoidal, con decorado en follas de parra e acios de uvas, e é propio do barroco.

Tamén se teñen os fustes simulados acaroados ás fachadas dos templos católicos, como os estípites, que teñen forma de pirámide truncada pero co lado máis angosto na parte inferior.