Saltar ao contido

Galotxa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Herrera restando nunha partida de galotxa en Beniparrell.

A galotxa é unha modalidade de pelota valenciana que se xoga sempre na rúa, ben sexa natural ou artificial. É practicada maioritariamente nas comarcas da Horta de Valencia, na Marina Alta e na Baixa, na Ribera Alta e Baixa, e na Foia de Bunyol.

Na evolución das diversas modalidades a galotxa sería a precursora inmediata da escala i corda (corda no centro do rectángulo de xogo, comezo coa ferida e soamente pode pegar un bote a pelota), pero sen a escaleira nin as llotgetes (nas rúas naturais tampouco están as galerías). De feito, tanto o terreo de xogo (a rúa) coma o xeito de ferir (sacar) son iguais que nas llargues á perxa, da cal podería derivarse.

Conta só con xogadores afeccionados, aínda que moitos pelotaris profesionais de escala i corda iniciáronse na galotxa, como é o caso de Álvaro, Dani ou Voro. Entre os anos 1990 e 1993 houbo unha competición de galotxa para xogadores profesionais denominada Campionato Profesional de Galotxa.

Carrer de la Pilota en Calp

As partidas de galotxa xóganse no carrer. Este carrer ha de ser recto e chan, duns 50 m de longo e 7 m de amplitude. Mais estas non son máis que unhas guías, e normalmente cada vila escolle unha rúa que se adapte máis ao seu estilo de xogo.

Así mesmo, e tendo en conta a dominación das rúas polos coches e as molestias ao peón, algúns concellos construíron uns recintos chamados carrers artificials (rúas artificiais) para a práctica da galotxa. Estes carrers simulan as xanelas, os balcóns, os farois, as beirarrúas (e incluso as tapas da rede de sumidoiros) típicas dunha rúa, mais coa vantaxe dun terreo de xogo máis regular, e sen ter que interromper a partida por un vehículo que quere entrar no garaxe, ou da señora maior que volve de mercar cargada con bolsas. Entre outros, hai carrers artificials en Albuixec, Benidorm, Beniparrell, Calp, Foios, L'Eliana, Meliana, Montserrat, Torrent, e Xirivella.

No centro, e a unha alzada de 1,80 m, colócase unha corda de falta que divide a cancha en dúas metades, a do traure (saque) e a do rest (resto). Contando dende esta corda 15 pasos cara ao rest pendúrase outra corda, a corda de galotxa. E dous metros dende a corda de falta cara ao traure, pegado á parede esquerda debúxase un rectángulo denominado dau. Tanto o dau como a corda de galotxa son só necesarios na sacada de cada quinze, e son ignorados no resto de situacións de xogo.

O público sitúase nos fondo da rúa, nas beirarrúas, ou baixo a corda de galotxa. No caso das rúas artificiais hai unhas galerías con chanzos, que limitan o fondo da cancha.

Regulamento

[editar | editar a fonte]
Partida de galotxa na rúa

As partidas de galotxa son xogadas por equipos de tres membros cada un, vestidos de vermello uns e de azul os outros (o vermello é a cor dos favoritos ou supostamente máis fortes), que xogarán a pasarse unha pelota de vaqueta sobre a corda central.

Gaña o equipo que chega a 70 tantos, contados de 5 en 5. Cada tanto consta de catro partes: quinze, trenta, val e joc. O empate a quince denomínase quinzens, e o empate a trinta chámase a dos.

Cada quinze empeza coa ferida (a sacada): Dende detrás da corda de falta un xogador denominado feridor tira a pelota (sen golpeala) ao campo do rest, para que a sacada sexa boa a pelota debe pasar sobre a corda de galotxa e caer no dau. Entón ambos os equipos deberán devolverse a pelota no aire ou ao primeiro bote en terra golpeándoa unha soa vez por equipo e coa man. O quinze gáñase cando o outro equipo non é capaz de volvela por riba da corda de falta.

Tamén, gáñase un quinze cando o outro equipo comete falta:

  • Se a pelota da dous botes en terra.
  • Se a pelota non pasa por riba da corda de falta ou a toca.
  • Se dous membros do equipo golpean a pelota e o fan con outra parte do corpo que non sexa a man.

Competicións

[editar | editar a fonte]

Profesionais

  • Campionat Professional de Galotxa (1990-1993)
  • Trofeu Moscatell

Afeccionados

  • Campionat Autonòmic Interpobles
  • Supercopa de Galotxa
  • Trofeu el Corte Inglés
  • Copa Generalitat de Galotxa

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]