Geuzen
Os Geuzen (en neerlandés: geuzen, pronunciado [ˈɣøzən][1], en francés: les Gueux, en inglés: the Beggars, os mendigos), tamén chamados Mendigos do Mar, foi un nome asumido pola confederación de nobres holandeses calvinistas e outros descontentos, que a partir de 1566 se opuxeron ao goberno da monarquía ibérica nos Países Baixos.
Historia
[editar | editar a fonte]Foron orixinalmente un grupo de nobres das Dezasete Provincias que en 1566 se queixaron da política, a Inquisición e a falta de liberdade relixiosa baixo o reinado de Filipe II xunto á gobernadora Margarida de Parma. Para tranquilizar o ansioso gobernador ante un centenar de nobres, un dos seus conselleiros de Estado diría en francés: "N'ayez pas peur Madame, ce ne sont que des gueux" (Non teña medo, Señora, son só uns mendigos).
En 1569 Guillerme I de Orange, que non se colocara abertamente á fronte do partido revolta, emitiu patentes de corsario a varios barcos tripulados por criminais de diversas nacionalidades. Estes violentos corsarios baixo unha sucesión de líderes atrevidos e impulsivos, o máis coñecido deles Guillerme II de la Marck, foron chamados os Mendigos do Mar. Inicialmente contentáronse con saquear por mar e terra, e levar o seu botín a portos ingleses onde podían reequiparse e abastecerse.
Porén, en 1572, a raíña Isabel I de Inglaterra negouse bruscamente a admitir aos mendigos do mar nos seus portos. Non tendo máis refuxio, realizaron un ataque desesperado contra Brielle, que tomaron por sorpresa ante a ausencia da gornición hispánica o 1 de abril de 1572. Animados por este sorprendente éxito, navegaron até Vlissingen, que tamén foi tomada nun ataque rápido. A toma destas dúas cidades supuxo un xiro, permitindo unha revolta xeral dos Países Baixos, e considérase o verdadeiro comezo da independencia holandesa.
En 1573 os Geuzen derrotaron a unha frota hispana baixo o mando do almirante Bossu fóra do porto de Hoorn, no golfo de Zuiderzee. Mesturados coa poboación nativa, rapidamente estimularon rebelións contra o "duque de ferro" cidade tras cidade e estenderon a resistencia cara ao sur.
Algúns dos antepasados dos grandes heroes navais holandeses comezaron as súas carreiras navais como Geuzen, tal foi o caso de Evert Heindricxzen, o avó de Cornelis Evertsen. Entregáronse moitas 'medallas de Geuzen'.
Termo
[editar | editar a fonte]A palabra gueux ou mendigo foi neerlandarizada cara a geus [ɣøs], en plural geuzen. A pesar de ser a versión máis popular, a historicidade da anécdota na orixe da palabra non está confirmada por todos os historiadores.[2] O que si é certo é que posteriormente o termo xeneralizouse para referirse a grupos de rebeldes armados contra o réxime español.
Watergeuzen e Bosgeuzen
[editar | editar a fonte]Fálase de Watergeuzen (mendigos ou esmoleiros do mar) para designar aos que atacaron a Armada española e de Bosgeuzen (esmoleiros do bosque) para guerrilleiros no continente.
Uso na actualidade
[editar | editar a fonte]A palabra geuzennaam ou nome de mendigo úsase cando un grupo ou minoría discriminado usa o mesmo alcume que outros lle dan como título de honra, como fixeron os nobres do século XVI. Isto desactiva a súa natureza insultante. En neerlandés de Bélxica tamén recibiu o significado de non-católico.[3]
Estudantes holandeses lembran o evento coa rima:
"Op 1 april verloor Alva zijn bril"
significando "O 1º de abril, Alva perdeu as súas gafas", facendo un xogo entre bril, 'lentes' en holandés, e o nome da cidade, Brielle ou Den Briel.[5]
April verloor é o nome en neerlandés para o April Fools' Day, ou día das bromas ou mentiras (en galego, o 1º de abril van os burros onde non debían ir)[4][5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Forvoteam, Het. "Uitspraken voor geuzen". Forvo.com (en neerlandés). Consultado o 2022-04-29.
- ↑ Anton van der Lem, «“N'ayez pas peur Madame, ce ne sont que des gueux”», De Tachtigjarige Oorlog, Leiden, Universitat de Leiden, 2010 (en català: La Guerra dels Huitanta Anys)
- ↑ Guido Geerts et alii, «Geus», Groot Woordenboek der Nederlandse Taal, tom 3, Utrecht-Antwerpen, Van Dale Lexicografie, 1999, pàgina 1111, ISBN 9066484241
- ↑ Diario, Nós (2022-04-01). "1 de abril: por que van os burros onde non deben ir?". Nós Diario. Consultado o 2022-04-29.
- ↑ "CEP Sequelo". www.edu.xunta.gal. Consultado o 2022-04-29.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Geuzen |