Glenn B. Smedley
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de xullo de 1902 Sangamon, Illinois. |
Morte | 31 de decembro de 1987 (85 anos) Colorado Springs, Colorado. |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Actividade | |
Ocupación | Enxeñeiro eléctrido. Autor e coleccionista numismático. |
Familia | |
Cónxuxe | Florence Smedley. |
Glenn B. Smedley, nado no condado de Sangamon, Illinois o 13 de xullo de 1902 e finado en Colorado Springs, Colorado, o 31 de decembro de 1987, foi un numismático estadounidense.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Glenn Smedley naceu en 1902 no condado de Sangamon, en Illinois. Desenvolveu a súa carreira profesional en Chicago, como enxeñeiro eléctrico na compañía Commonwealth Edison, ata a súa xubilación en 1964.[1] En 1977 trasladouse a Colorado Springs, no estado de Colorado.[2][3]
Á marxe da súa dedicación profesional, Smedley dedicou os seus esforzos á numismática, un ámbito no que se introduciu como coleccionista de moedas estadounidenses na década de 1930 e de billetes a partir de 1950.[1] Durante décadas estivo moi vinculado á American Numismatic Association (ANA), de cuxa xunta directiva formou parte entre 1953 e 1957, e novamente de 1967 a 1973, e co cargo de vicepresidente primeiro no período 1957-1959.[1] Tamén dirixiu a publicación desta entidade, The Numismatist, primeiro como editor adxunto (1959-1966) e finalmente como editor principal durante un breve período (abril de 1966 a febreiro de 1967), posto no que foi substituído por Edward Rochette. Nesta publicación foi autor dunha boa cantidade de artigos, e mantivo unha popular columna de aparición mensual baixo o título de "Numismatic Vignettes", entre 1960 e 1985.[2] Outros artigos seus apareceron tamén noutras publicacións numismáticas, como Numismatic Scrapbook Magazine ou Essay-Proof Journal.[3]
Entre outras entidades do ámbito asociativo, Smedley foi o fundador da Society of Paper Money Collectors a principios da década de 1960, na que ocupou diversos cargos, entre eles a presidencia entre 1969 e 1971.[1][4] Foi presidente do Chicago Coin Club en 1960,[5] formou parte da xunta directiva da Central States Numismatic Society,[2] e foi membro da California State Numismatic Society. Fóra dos Estados Unidos, pertenceu tamén á Real Asociación Numismática do Canadá e foi vicepresidente honorario da Asociación Numismática de Australia Meridional.[3]
Como coleccionista, Smedley centrou o seu interese no papel moeda, sinaladamente os antigos billetes de banco de Illinois, e tamén coleccionou viñetas, probas de ensaio, gravados, e obras e obxectos relacionados co artista Victor David Brenner, sobre o que tamén publicou varios artigos.[2] O catálogo de Smedley que recolle as medallas creadas por Brenner, publicado nos números de xullo e agosto de 1983 de The Numismatist —con suplementos en decembro de 1984 e abril de 1987—, considérase o traballo de referencia sobre o tema.[1][3]
O derradeiro día de 1987, Glenn B. Smedley faleceu en Colorado Springs,[2] como consecuencia dun enfisema.[3]
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- 1953: Medalla ao Mérito da American Numismatic Association.[2][6]
- 1955: Medalla ao Mérito do Chicago Coin Club.[5]
- 1960: Premio Farran Zerbe Memorial, da American Numismatic Association.[2][6]
- 1980: Premio Clemy, do Literary Numismatic Guild.[7]
- 1982: Incluído no Salón da Fama da American Numismatic Association.[2][8]
- 2014: Incluído no Salón da Fama da Society of Paper Money Collectors.[2][9]
- 2019: Incluído no Salón da Fama do Chicago Coin Club.[2][5][10]
Premio Glenn Smedley Memorial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Premio Glenn Smedley Memorial.
A American Numismatic Association instituíu ademais o premio Glenn Smedley Memorial, en recoñecemento aos servizos prestados por el á institución ao longo de varias décadas.[11]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Smedley, Glenn B. (1902-1987)". Coins Weekly (coinsweekly.com).
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Smith, P. (2012).
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 "Obituaries: Glenn B. Smedley". En The Numismatist. Vol. 101. Nº 2. Febreiro de 1988. Páxinas 344-345.
- ↑ "Glenn Smedley". Society of Paper Money Collectors (SPMC.org).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Glenn Smedley Honored by Chicago Coin Club". En Numismatic News. 4 de agosto de 2019.
- ↑ 6,0 6,1 "American Numismatic Association Past Award Recipients". American Numismatic Association (Money.org).
- ↑ "The Clemy Award". Numismatic Literary Guild (NLGonline.org).
- ↑ "Past Hall of Fame inductees by year". American Numismatic Association.
- ↑ "Hall of Fame". Society of Paper Money Collectors (SPMC.org).
- ↑ "Chicago Coin Club Inducts Glenn B. Smedley Into Hall of Fame". En Coin Week (Coinweek.com). 30 de xullo de 2019.
- ↑ "Awards Categories". American Numismatic Association (Money.org).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Smith, P. (2012). "Smedley, Glenn B.". En American Numismatic Biographies. Páxina 390.