Saltar ao contido

Gloster Meteor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gloster Meteor
RDAF Gloster Meteor
Tipocaza
FabricanteGloster Aircraft Company
Armstrong-Whitworth
Deseñado porGeorge Carter
Primeiro voo5 de marzo de 1943
Introducido27 de xullo de 1944
Principais usuariosRoyal Air Force
Real Forza Aérea de Australia
Forza Aérea de Bélxica
Forza Aérea Arxentina
Produción1943 - 1955
Unidades construídas3 947
Pilotos australianos e cazas Meteor en Korea no 1954
Motor Rolls Royce Derwent

O Gloster Meteor converteuse no primeiro reactor operacional da Royal Air Force (RAF) cando en xullo de 1944, entrou en servizo no Escuadrón 616; realizara con anterioridade o seu primeiro voo o 5 de marzo do 1943. Ó Meteor I con motores Welland seguiuno o Meteor III, con turbinas Derwent, e ámbolos dous tiveron unha actuación relevante ó longo da segunda guerra mundial, sobre todo contra as bombas voantes V-1. O F.Mk 4 tiña motores máis potentes e formou a espiña dorsal do Mando de Caza a finais dos anos corenta. A partir do 1950, o F.Mk 4 foi substituído polo moi mellorado F.Mk 8, con motores repotenciados e unha fuselaxe alongada que lle daba unha maior cabida de carburante e un mellor goberno a alta velocidade. Asemade instalouse unha nova cola e un asento exectábel. O derradeiro escuadrón de primeira liña foi disolto en abril do 1957, pero os Meteor serviron como remolcadores de brancos e avións estafeta ata o ano 1982. Entre os anos 1950 e 1955 o F.Mk 8 foi a espiña dorsal do Mando de Caza da RAF, equipando a 19 escuadróns regulares e 10 auxiliares.

Nos anos 50 Meteor foise volvendo obsoleto xa que moitas nacións introduciron cazas a reacción, moitos deles novos avións que adoptaran as ás en frecha en vez da á recta convencional do Meteor. NO servizo da RAF o Meteor foi substituído por novos modelos como o Hawker Hunter e o Gloster Javelin. En 2018 dous Meteor, G-JSMA e G-JWMA, permanecían en servizo activo coa compañía Martin-Baker como bancos de probas para asentos exectables. Outro avión está en condicións de voo no Reino Unido e outro máis en Australia.

O Gloster Meteor serviu de base para a creación do Armstrong Whitworth Meteor.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O desenvolvemento do Gloster Meteor impulsado por un motor turborreactor foi unha colaboración entre Gloster Aircraft Company e a firma de Frank Whittle, Power Jets Ltd. Whittle formou Power Jets Ltd en marzo de 1936 para desenvolver as súas ideas sobre propulsión de chorro, sendo o propio Whittle o enxeñeiro xefe da compañía.[1] Durante varios anos, atraer patrocinadores financeiros e empresas de aviación preparadas para asumir as ideas radicais de Whittle foi difícil; en 1931 Armstrong-Siddeley avaliara e rexeitara a proposta de Whittle, atopando que era tecnicamente sólida mais nos límites da capacidade da enxeñaría. Asegurar o financiamento foi un problema persistentemente preocupante durante o desenvolvemento inicial do motor. O primeiro prototipo de reactor de Whittle, o Power Jets WU, comezou a realizar probas a principios de 1937. Pouco despois, tanto Sir Henry Tizard, presidente do Comité de Investigación Aeronáutica, e o Ministerio do Aire apoiaron o proxecto.[2]

O 28 de abril de 1939, Whittle realizou unha visita ás instalacións de Gloster Aircraft Company, onde coñeceu a varias figuras clave, como George Carter, o deseñador xefe de Gloster.[3] Carter interesouse moito no proxecto de Whittle, particularmente cando viu o motor operativo Power Jets W.1; Carter fixo rapidamente varias propostas aproximadas de deseños de avións impulsados polo motor. Independentemente, Whittle tamén realizara varias propostas para un bombardeiro a reacción de grande altitude; tras o comezo da segunda guerra mundial e a batalla de Francia xurdiu unha maior énfase nacional nos cazas.[4] Power Jets e Gloster asociáronse rapidamente a mediados de 1939.[5]

A pesar das continuas loitas internas entre Power Jets e varios dos seus accionistas, o Ministerio do Aire contratou a Gloster a finais de 1939 para fabricar o prototipo dun avión impulsado por un dos novos motores turborreactor de Whittle.[6] A proba de concepto monomotor Gloster E28/39, o primeiro avión a reacción británico, realizou o seu voo de estrea o 15 de maio de 1941, voado polo piloto de probas xefe de Gloster, o tenente de voo Philip "Gerry" Sayer.[7][8] O éxito do E.28/39 demostrou a viabilidade da propulsión a reacción, e Gloster seguiu adiante con deseños para un caza de produción.[9] Debido ao limitado pulo dos primeiros motores a reacción decidiuse que o posterior avión de produción estaría equipado con dous turborreactores.[10]

En 1940, para unha "carga militar" de 680 kg, a Royal Aircraft Establishment (RAE) aconsellara que se comezara a traballar nun avión de 3 900 kg en total, cun pulo estático de 14 kN, cun deseño de 5 000 kg para os agardados, máis potentes, deseños de motor W.2 e axial. Os cálculos de George Carter baseados nos traballos da RAE e nas súas propias investigacións eran que un avión de 3 900 a 4 100 kg con dúas ou catro canóns de 20 mm e seis metralladoras podería ter unha velocidade máxima de 644-694 km/h a nivel do mar e de 720-760 km/h a 9 100 m. En xaneiro de 1941 Lord Beaverbrook solicitou a Gloster que o caza a reacción bimotor era de vital importancia, e que a compañía tiña que deixar de traballar no desenvolvemento do seu caza nocturno F.9/37 para a Especificación F.18/40.[11]

Prototipos

[editar | editar a fonte]

En agosto de 1940 Carter presentou as propostas iniciais de Gloster para un caza reactor bimotor cun tren de aterraxe en triciclo.[12] O 7 de febreiro de 1941 Gloster recibiu un pedido por 12 prototipos (despois reducido a 8) baixo a Especificación F9/40.[13] O 21 de xuño de 1941 publicouse unha carta de intencións para a produción de 300 dos novos cazas que inicialmente ían ser chamados Thunderbolt; para evitar a confusión co Republic P-47 Thunderbolt da USAAF, que foran enviado co mesmo nome á RAF en 1944, o avión recibiu o nome de Meteor.[14][15][16] Durante o desenvolvemento segredo da aeronave os empregados e oficiais usaron o nome en código de Rampage para referirse ao Meteor, ao igual que se fixo co de Havilland Vampire no que se usaba o nome en código de Spider Crab. As localizacións das probas e outra información clave do proxecto tamén se mantivo en segredo.[17]

Aínda que as probas de rodaxe realizáronse en 1942, non foi ata o seguinte ano cando voou debido a atrasos na produción e aprobación do motor Power Jets W.2 que levaría o Meteor.[7][18] O 26 de novembro de 1942 ordenouse parar a produción do Meteor debido a atrasos do subcontratista Rover, que estaba loitando por fabricar os motores W.2 a tempo;[19] mostrouse un interese considerable na proposta do Gloster E.1/44 para un caza monomotor, chamado de forma non oficial Ace.[20] Gloster continuou o traballo de desenvolvemento do Meteor e a orde de deter a produción foi anulada en favor da construción de seis (despois aumentado a oito) prototipos F9/40 xuntos con tres prototipos E.1/44.[21] A resposabilidades de Rover no desenvolvemento e produción do motor W.2B foron transferidas a Rolls-Royce ese ano.[22]

O 5 de marzo de 1943 o quinto prototipo, número de serie DG206, impulsado por dous motores de substitución de Havilland Halford H.1 debido aos problemas dos previstos W.2, converteuse no primeiro Meteor en voar en RAF Cranwell, pilotado por Michael Daunt.[7] Nese primeiro voo descubriuse un movemento de guiñada incontrolable que levou a un redeseñado temón máis grande; porén, non se atribuíron dificultades á innovadora propulsión turborreactor. Só dous prototipos voaron con motores de Havilland debido á súa baixa resistencia en voo.[23] Antes de que o primeiro prototipo realizase o seu voo de estrea, a RAF realizou un pedido estendido por 100 avións de produción.[24]

O primeiro avión co motor de Whittle, o DG205/G,[25] voou o 12 de xuño de 1943 (despois esnafrouse nunha engalaxe o 27 de abril de 1944) e foi seguido polo DG202/G o 24 de xullo. O DG202/G foi despois usado para probas de manexo en cuberta no portaavións HMS Pretoria Castle.[26][27] O DG203/G realizou o seu primeiro voo o 9 de novembro de 1943, converténdose despois nun avión de instrución en terra. O DG204/G, impulsado por motores Metrovick F.2, voou por vez primeira o 13 de novembro de 1943. Este prototipo perdeuse nun accidente o 4 de xaneiro de 1944; crese que a causa foi un fallo do compresor do motor debido a un exceso de velocidade.[28] O DG208/G fixo a súa estrea o 20 de xaneiro de 1944, momento no que xa se superaran a meirande parte dos problemas de deseño e o deseño de produción fora aprobado. O DG209/G usouse como banco de probas de motores por Rolls-Royce, voando por primeira vez o 18 de abril de 1944. O DG207/G tería que ser a base para o Meteor F.2 con motores de Havilland, pero non voou ata o 24 de xullo de 1945, momento no que o Meteor 3 estaba sendo producido a grande escala e a atención de de Havilland redireccionouse ao próximo de Havilland Vampire; polo tanto o F.2 foi cancelado.[29]

Especificacións

[editar | editar a fonte]
  • Tipo: caza diúrno monopraza Gloster Meteor F.Mk 8
  • Construtor: Gloster Aircraft Company
  • Ano: 1944
  • Principal usuario: Royal Air Force
  • Envergadura: 11,32 m.
  • Lonxitude: 13,58 m.
  • Altura: 3,96 m.
  • Área alar: 32,52 m².
  • Peso baleiro: 4.846 Kg.
  • Peso cargado: 7.121 Kg.
  • Planta motriz: 2 Rolls-Royce Derwent 8 de 3.600 libras de pulo unitario.
  • Armamento: 4 canóns de 20 mm a proa e foguetes ou tanques lanzábeis subalaes.
  • Velocidade máxima: 590 millas/h
  • Alcance operacional: 980 millas
  1. Pavelec 2007, pp. 45-46
  2. Pavelec 2007, pp. 48-50
  3. Golley e Gunston 2010, p. 139
  4. Golley e Gunston 2010, pp. 156, 165
  5. Golley e Gunston 2010, p. 127
  6. Pavelec 2007, pp. 168-169
  7. 7,0 7,1 7,2 Mason 1992, p. 339
  8. Boyne 2002, p. 261
  9. Boyne 2002, pp. 261-262
  10. Spick 2002, pp. 169-170
  11. Buttler 2004, p. 193
  12. Shacklady 1962, p. 10
  13. James 1971, pp. 245-248
  14. James 1971, p. 247
  15. Goulding 1986, p. 144
  16. Shacklady 1962, p. 13
  17. Shacklady 1962, p. 25
  18. Butler e Buttler 2006, pp. 11-12
  19. Shacklady 1962, p. 40
  20. Shacklady 1962, pp. 17-19
  21. Shacklady 1962, p. 19
  22. Shacklady 1962, p. 41
  23. Butler e Buttler 2006, p. 12
  24. Boyne 2002, p. 262
  25. Shacklady 1962, p. 23
  26. James 1971, p. 249
  27. Butler e Buttler 2006, p. 16
  28. Butler e Buttler 2006, pp. 16-17
  29. Goulding 1986, pp. 148-149

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Boyne, Walter J. Air Warfare: an International Encyclopedia: M-Z. Santa Barbara, California: ABC-CLIO, 2002. ISBN 1-57607-345-9.
  • Butler, Phil e Tony Buttler. Gloster Meteor: Britain's Celebrated First-Generation Jet. Hersham, Surrey, UK: Midland Publishing, 2006. ISBN 1-85780-230-6.
  • Buttler, Tony. Secret Projects: British Fighters and Bombers 1935 -1950 (British Secret Projects 3). Leicester, UK: Midland Publishing, 2004. ISBN 1-85780-179-2.
  • Golley, John e Bill Gunston. Jet. Eloy Gutierrez, 2010. ISBN 1-907472-00-2.
  • Goulding, James. Interceptor: RAF Single Seat Multi-Gun Fighters. London: Ian Allan, 1986. ISBN 0-7110-1583-X.
  • James, Derek N. Gloster Aircraft since 1917. London: Putnam, 1971. ISBN 0-370-00084-6.
  • Mason, Francis K. The British Fighter Since 1912. Annapolis, Maryland: Naval Institute Press. 1992. ISBN 1-55750-082-7.
  • Pavelec, Sterling Michael. The Jet Race and the Second World War. Westport, Connecticut: Greenwood Publishing, 2007. ISBN 0-275-99355-8.
  • Shacklady, Edward. The Gloster Meteor. London: Macdonald & Co. (Publishers) Ltd., 1962.
  • Spick, Mike. The Illustrated Directory of Fighters. Minneapolis, Minnesota: Zenith Imprint, 2002. ISBN 0-7603-1343-1.