Golfiño riscado
Golfiño riscado Stenella coeruleoalba | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||
Pouco preocupante | |||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Stenella coeruleoalba (Meyen), 1833 [1] | |||||||||||||||||||||||||||
Distribución de Stenella coeruleoalba
| |||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||
|
O golfiño riscado, Stenella coeruleoalba (Meyen, 1833) é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos.
Foi amplamente estudado xa que se atopa en augas de zonas temperadas e tropicais de todo o mundo.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]É unha das cinco especies do xénero Stenella, que foi descrita en 1833 polo botánico, zoólogo e médico alemán Franz Meyen, que a designou como Delphinus caeruleoalbus, en Nova Acta Acad. Caes. Nat. Curios., 16 (2): 609, pl. 43.[2]
Posteriormente foi reclasificada dentro do xénero Stenella, que fora creado en 1866 por John Edward Gray.
O nome específico tirouno Meyen da aglutinación dos adxectivos latinos cæruleus, -a, -um "de cor azul escura" e albus, -a, -um "branco, branca", que responde a unha das súas principais características físicas.
Nome galego
[editar | editar a fonte]Na bibliografía dispoñíbel, o nome golfiño riscado aparece por primeira vez na provisional Lista patrón de vertebrados de Galicia publicada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) no Tomo I da Xeografía de Galicia dirixida por Pérez Alberti (onde aparece a especie citada polo sinónimo antigo Stenella euphrosyne).[3]
Este nome é unha adaptación do nome común portugués, golfinho-riscado (outro é golfinho-listrado), á súa vez adaptado do inglés striped dolphin, como tamén se fixo noutros idiomas europeos:
- Castelán: delfín listado.
- Catalán: dofí ratllat.
- Italiano: stenella striata.[4]
Outros idiomas prefiriron adaptar o nome específico:
- Alemán: Blau-Weiße Delfin (tamén Streifendelfin "delfín raiado")
- Francés: dauphin bleu et blanc
Pese a provisinonalidade da proposta da SGHN, o nome golfiño riscado parece que callou, xa que tamén é que lle dan a esta especie Lahuerta e Vázquez no seu Vocabulario multilingüe,[5] e máis Díaz d'a Silva e Cartelle na Guía de mamíferos de Galica.[6] (E tamén é o que se lle dá actualmente neste artigo —o inicial foi golfiño listado— e co que aparece na Lista dos mamíferos de Galicia da Galipedia).
Descrición
[editar | editar a fonte]O golfiño riscado ten un tamaño e forma semellantes a varios outros golfiños do mesmo xénero que habitan nas mesmas augas (Stenella attenuata, Stenella frontalis, Stenella clymene). Con todo, a súa coloración fainos doados de distinguir no mar.
É un delfínido de pequeno tamaño: os adultos poden medir entre 1,80 e 2,65 m de lonxitude, e alcanzar pesos de entre os 110 e os 170 kg. Os machos son lixeiramente maiores que as femias.[6]
O corpo é esvelto, coa cabeza co perfil do melón pronunciado e a fronte lixeiramente en declive. O bico, de cor escura cunha estreita banda abrancazada entre as mandíbulas, é prominente, aínda que curto e groso, cunha dobra ben marcada que o separa da fronte. Os dentes (en número de 78 a máis de 100 en cada hemimandíbula) son pequenos (de até 3 mm de diámetro) e de forma cónica.[6][7]
A aleta dorsal é alta (en relación co tamaño do corpo), de cor escura, e falciforme, co bordo posterior que pode ser moi cóncavo, situada no centro do lombo. As aletas pectorais son pequenas e estreitas, rematadas en punta, e de cor escura, que destaca coa cor abrancazada da zona onde están inseridas. O pedúnculo caudal é relativamente estreito, e de cor gris clara (variábel segundo os individuos) e a aleta caudal é pequena, de cor gris clara e cos bordos posteriores cóncavos, separados por unha pequena fendedura no centro.[6][7]
A parte superior do corpo é azul escura, gris azulada ou apardazada, e a inferior branca ou lixeiramente rosada. Os flancos son de cor gris azulada, que vai esvaecendo cara ao pedúnculo caudal, cunha banda dixitiforme até debaixo da aleta caudal, cunha banda fina, máis escura, que vai desde a a parte inferior do pedúnculo caudal até ao ollo, que é perfectamente identificábel cando o animal se ve no mar; tamén presenta unha estreita banda escura detrás do ollo, paralela á anterior, até a parte superior das aletas pectorais. Ao redor do ollo ten un anteface negro que se prolonga até a base do bico.[6][7]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Distribución
[editar | editar a fonte]De distribución basicamente tropical e subtropical, tamén se pode ver en augas temperadas cálidas. A súa área de dispersión é ampla, pero parece ser descontinua, existindo zonas case baleiras ou de poboación pouco densa, o que suxire que hai diversas poboacións xeograficamente illadas ou case illadas. Normalmente nada en augas afastadas das costas, e só se aproxima a estas se a profundidade é elevada. Encóntrase no océano Atlántico, desde o sur de Suecia e Noruega, as illas Británicas (incluíndo o mar Mediterráneo) até o norte do Canadá, polo norte, e até o norte da Patagonia a Suráfrica, polo sur, en todo o océano Índico, e no Pacífico, desde o Xapón até o norte de Nova Zelandia, polo leste, até California e o Perú, polo oeste.[7]
Coñécense e están ben estudadas migracións estacionais fronte as costas do Xapón: en inverno aparece no mar da China oriental e en verán en augas abertas do Pacífico norte. Descoñécense migracións noutras partes do planeta, aínda que é posíbel que poida desprazarse estacionalmente cos correntes oceánicas nalgunhas zonas.[7]
A súa presenza en augas próximas a Galicia é escasa.[6]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Moi activo na superficie, este golfiño é unha especie gregaria que viaxa en grupos de entre 30 e 500 individuos (excepcionalmente, até 3 000). Salta con frecuencia, ás veces a alturas de até 7 m, e é capaz de realizar acrobacias moi chamativas, como saltos cara a atrás e xiros da cola. Cando nada a gran velocidade, até un terzo dos membros do grupo pode estar sobre a superficie nun momento determinado. As inmersións duran entre 5 e 10 min e, cando come, somérxese até unha profundidade mínima de 200 m. Nalgunhas zonas segue as ondas creadas polos barcos (sobre todo no Atlántico e no Mediterráneo), pero noutras é pouco habitual que se aproxime ás embarcacións. Normalmente asóciase co golfiño común e, no Pacífico oriental, co atún de aleta amarela. Recentemente téñense rexistrados varamentos en masa.[7]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Alcanzan a madurez sexual, as femias, entre os 3 e os 10 anos, cando miden uns 2 m de longo, e os machos entre os 7 e os 12 anos, cando alcanzan de 1,95 a 2,10 m de lonxitude. A xestaciuón dura uns 11 ou 12 meses, e o período de partos é desde finais do verán até o outono. As femias preñan c ada 3 ou 4 anos. As crías cando nacen miden ao redo de 1 m.[6]
Alimentación
[editar | editar a fonte]Aliméntanse de cefalópodos, pequenos peixes peláxicos e diversos crustáceos.[7]
Estado actual
[editar | editar a fonte]En 2008, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualificou a situaciòn da especie como "LC" (pouco preocupante).[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Stenella coeruleoalba (Meyen, 1833) no ITIS.
- ↑ Wilson, D. E. & Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.) Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
- ↑ Pérez Alberti A. (1982), p. 209.
- ↑ En italiano resérvase o nome delfino unicamente para as dúas especies do xénero Delphinus.
- ↑ Lahuerta e Vázquez (2000), p. 317.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), pp. 112-113.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 Carwardine, M. (1995), pp. 178-179.
- ↑ Hammond, P. S., Bearzi, G., Bjørge, A., Forney, K., Karczmarski, L., Kasuya, T., Perrin, W. F., Scott, M. D., Wang, J. Y., Wells, R. S. & Wilson, B. (2008). Stenella coeruleoalba na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Golfiño riscado |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Golfiño riscado |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carwardine, Mark (1995): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1037-3.
- Díaz d'a Silva, Juan I. e Yosi Cartelle (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7.
- Duguy, R. e Robineau, D. (1987): Guía de los mamíferos marinos de Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0811-5.
- Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Mead, J. G. e Brownell, R. L., Jr. (2005): "Order Cetacea en: Wilson, D. E. e Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3rd ed.) Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-8221-0.
- Pérez Alberti, Augusto (dir.) (1982): Xeografía de Galicia. Tomo I. O medio. A Coruña: Edicións Sálvora. ISBN 84-85779-12-6.
- Perrin, William F.; Bernd Wursig e J. G.M. Thewissen (Eds.) (2008): Encyclopedia of Marine Mammals, Second Edition. Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9.
- Rice, Dale W. (1998): Marine mammals of the world: systematics and distribution. Society of Marine Mammalogy / Special Publication Number 4. ISBN 978-1-891276-03-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Stenella coeruleoalba en ADW (en inglés)