Gonzalo Gurriarán
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 25 de abril de 1904 O Barco de Valdeorras, España |
Morte | 16 de xuño de 1975 (71 anos) Igualada, España |
Causa da morte | morte accidental, accidente de tráfico |
Actividade | |
Ocupación | médico |
Familia | |
Fillos | Ricardo Gurriarán |
Gonzalo Gurriarán Gurriarán, nado no Barco de Valdeorras o 25 de abril de 1904 e finado en Igualada o 16 de xuño de 1975[1], foi un médico galego.
Traxectoria
Estudou Medicina en Salamanca e na Universidade Central de Madrid. Viviu na Residencia de Estudiantes mentres facía a carreira, o doutoramento e completaba o servizo militar, e alí coñeceu a Federico García Lorca e Juan Negrín, cos que estableceu unha amizade duradeira. Realizou varias estadías de investigación no estranxeiro, sobre todo en Estrasburgo, e defendeu a súa tese de doutoramento, titulada Estudios experimentales sobre la obtención de la úlcera crónica gastroduodenal. En 1932 a Academia Nacional de Medicina concédelle o premio bianual de investigación Rodríguez Abaytua, que tamén recibiu en 1934. En 1935 integrouse no equipo do doutor Negrín. En 1936 foi nomeado Xefe Provincial de Sanidade de Madrid.
A sublevación do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno no Barco. Estivo agochado un tempo e despois serviu como médico na fronte de Madrid nas tropas de Franco. Ao rematar a guerra abríronlle un expediente de depuración, e non puido exercer a profesión na sanidade pública ata 1948, cando obtivo unha praza de médico en Sobradelo de Valdeorras. Despois abriu unha clínica cirúrxica no Barco.
En 1944 creou o Club Peña Trevinca - Montañeiros de Galicia, que servía tamén para protexer as súas visitas á montaña da constante vixilancia da Garda Civil e dos falanxistas. Impulsou a construción do refuxio de Fonte da Cova, dotou o local social do Barco dunha biblioteca con libros de montañismo, xeoloxía, flora, historia e xeografía de Galicia e promoveu actividades relacionadas coa reforestación da serra e a sensibilización sobre a masa arbórea en extinción. Dirixiu a primeira e única selección galega de esquí, que debutou na serra de Guadarrama.
Morreu en Igualada vítima dun accidente de tráfico durante unha viaxe en xuño de 1975.
Notas
- ↑ La Voz de Galicia, 12-6-1976, p. 17.
Véxase tamén
Bibliografía
- Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2007). Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975). Instituto de Estudios Valdeorreses.