Gonzalo Mella
Nome orixinal | Gonzalo Mella Liñares |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 18 de decembro de 1967 (56 anos) Rarís, España |
Altura | 1,74 m. |
Actividade | |
Ocupación | futbolista |
Deporte | fútbol |
Posición de xogo | Dianteiro |
Familia | |
Fillos | David Mella Boullón |
Pai | José Mella Pascual |
Gonzalo Mella Liñares, nado en Rarís, Teo, o 18 de decembro de 1967, é un exfutbolista galego, que xogaba de dianteiro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como futbolista
[editar | editar a fonte]Naceu en Rarís, sendo un dos dous fillos do aviador José Mella Pascual e de Nélida Liñares.[1] Formouse como futbolista no Calo, pasando en 1985 ao Deportivo da Coruña Xuvenil, co que non chegou a xogar a tempada completa, pois foi subido ao Fabril.[2] No verán de 1986, con 16 anos, Eusebio Ríos chamouno para realizar a pretempada co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, disputando varios amigables e recibindo as súas primeiras convocatorias para partidos de liga.[3] Con todo, unha lesión de pube cortou a súa progresión. Recuperado, regresou ao Fabril, e o 25 de outubro de 1987 debutou en partido oficial co Deportivo da man do adestrador Luis Rodríguez Vaz, nun encontro da Segunda División ante o Granada no que tamén se estrearon co equipo os fabrilistas Busto e José Ramón. Xogou cinco xornadas consecutivas como titular e a continuación volveu ao Fabril, ata que en febreiro de 1988 sufriu unha grave lesión nun partido ante o Portonovo, con fractura de peroné e fisura de xeonllo.[4] Trala recuperación volveu ás filas do filial, e en decembro dese mesmo ano saíu cedido ao Racing de Ferrol, da Segunda División B, debutando cun gol contra o As Pontes.
Na tempada 1989/90 formou parte do primeiro equipo do Deportivo, con Arsenio Iglesias como adestrador, co que xogou 18 partidos, todos como suplente. Marcou un gol, nunha vitoria por 2-0 en Riazor ante o Betis, cuxa portería defendía o campión mundial Nery Pumpido.[5] Deixou o club ao remate da tempada e asinou co Compostela, de Segunda B. A pesar de marcar dous goles nos seus dous primeiros partidos, custoulle entrar no once titular de Castro Santos e non chegou a ter demasiada continuidade, polo que ao remate da tempada, despois de lograr o ascenso a Segunda División, decidiu deixar o equipo.[6] A continuación fichou polo Bergantiños, co que xogou durante catro tempadas en Terceira División, ata a súa retirada en 1995.
Como preparador físico
[editar | editar a fonte]Despois de colgar as botas continuou vencellado ao mundo do fútbol e xa no ano da súa retirada pasou a traballar como preparador físico do Vista Alegre, filial do Compostela. En 1999 foi elixido por José María Caneda para exercer esa mesma función no primeiro equipo, da Segunda División.[7]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]É pai de David Mella, futbolista do R. C. Deportivo.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pesar por la muerte de José Mella Pascual, uno de los grandes de la aviación en Galicia". El Correo Gallego (en castelán). 6 de xaneiro de 2018. Consultado o 16 de maio de 2022.
- ↑ "Mella: «Tengo ciertas esperanzas de jugar en Las Palmas, pero no me hago demasiadas ilusiones»". La Voz de Galicia. 29 de novembro de 1989. p. 52.
- ↑ "Esta tarde, a las 8, en Riazor, un Deportivo-Bübao Ath. esperado con gran ilusión por los aficionados". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de setembro de 1986. p. 34.
- ↑ "El deportivista Mella resultó gravemente lesionado cuando jugaba con el Fabril en Portonovo". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de febreiro de 1988. p. 58.
- ↑ "Gonzalo e David Mella: pasado, presente e futuro no Deportivo". Televisión de Galicia. 25 de maio de 2023. Consultado o 26 de maio de 2023.
- ↑ "Qué grande eres, Compostela". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xuño de 1991.
- ↑ "Gonzalo Mella, nuevo responsable". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de marzo de 1999. p. 53.
- ↑ "El cadete David Mella, convocado por la selección española sub-16" (en castelán). 11 de maio de 2021. Consultado o 16 de maio de 2022.