Saltar ao contido

Gonzalo das Penas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaGonzalo das Penas
Biografía
Nacementoséculo XV Editar o valor en Wikidata
Morte1475 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónsacerdote católico Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaOrde de San Bieito Editar o valor en Wikidata
Cabeceira románica da igrexa do Mosteiro de Aciveiro do que foi abade.

Gonzalo das Penas, tamén coñecido como Gonzalo de Aciveiro[1], finado en Aciveiro en 1475, foi un relixioso galego e abade do Mosteiro de Santa María de Aciveiro.

Descoñecese a data precisa do seu nacemento, podendo situarse a principios do século XV, segundo uns autores en Amarante, outros din que en Penas (Monterroso) e outros falan dalgún lugar do actual termo municipal de Forcarei.

Sendo moi novo ingresaría no mosteiro do que chegou a ser nomeado abade cara ao ano 1429 ou 1430. Desde ese momento iniciou unha importante tarefa restauradora ata conseguir converter a súa comunidade nunha das mais observantes da regra de San Bernaldo en Galicia, aumentando deste xeito o seu prestixio e número de relixiosos.

Seguindo a Antonio López Ferreiro sería o abade que obtivo o establecemento en Aciveiro do Colexio de Teoloxía Moral.

No ámbito económico conseguiu aumentar considerablemente os beneficios do mosteiro, realizando numerosos foros e provisións de beneficios. Asemade, iniciou un importante plan de construcións que non se chegaron a levar a cabo. Tamén realizou numerosas obras civís na Terra de Montes, como a construción e mellora de camiños, pontes (como a do lugar de Andán que cruza o río Lérez), muíños, fraguas de ferrería...

Acudiu aos Concilios Composteláns XXXVIII, XXXIX, XL e XLI no que debeu ter un papel bastante activo.

Morreu cara ao ano 1475, e foi enterrado na igrexa monacal nun sepulcro hoxe en día desaparecido.

Un tema non exento de polémica é se o Gonzalo venerado na vila portuguesa de Amarante é o mesmo que o de Aciveiro.

Tras a súa morte o pobo encheu a súa vida con numerosas lendas, entre elas a lenda da Pomba ou a do Oso de Oseira, esta última ilustrada pola prosa de Ramón Cabanillas.

A lenda do Oso de Oseira

[editar | editar a fonte]

Nos tempos da Santa Irmandade, cando Bernal Yáñez de Moscoso tiña preso a Alonso II de Fonseca e as correrías dos Osorio, Lemos e Lanzós eran continuas, nun día de principios de outono San Gonzalo chegaba en visita de amizade ao Mosteiro de Oseira, e sobre o seu ombreiro levaba unha pomba branca. No monte, ao redor do mosteiro, as mesnadas de Afonso de Lanzós agardaban unha oportunidade para franquear as portas do edificio.

Ao chegar á porta o frade petou nela, pero os monxes do interior non lle abriron collidos polo medo. Ante este feito San Gonzalo bicou á pomba e esta entrou voando no edificio. Ao pouco tempo a porta abriuse aparecendo un branco frade que lle permitiu o acceso ao santo, pero cando os guerreiros trataron de aproveitar a ocasión para entrar tras del atopáronse cun oso pardo xigante abravado en pé e en posición atacante que os puxo en fuga.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  1. "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2024-01-05.