Guerra dos Trinta Anos
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Guerra dos Trinta Anos | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Mapa de Europa en 1648 trala Paz de Westfalia. As rexións en gris representan aos pequenos estados alemáns incluídos no Sacro Imperio Romano Xermánico. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Estados Anti-Habsburgo e Aliados: Imperio sueco (desde 1630) Apoiados por: |
Estados dos Habsburgo e Aliados: Imperio español
Ducado de Baviera (ata 1623) Apoiados por: |
A guerra dos Trinta Anos foi unha guerra europea librada principalmente na Europa central entre os anos 1618 e 1648. Aínda que inicialmente se tratou dun conflito relixioso entre católicos e protestantes, o motivo central foi a disputa entre as potencias europeas por conseguiren unha situación de equilibrio ou ben, no caso doutras, por conseguiren unha situación de hexemonía (neste caso a casa dos Habsburgo en España e a casa de Austria, que eran católicos). A guerra dos Trinta Anos acabou coa paz de Westfalia e a paz dos Pireneos. Con todo, tamén pode describirse non como unha soa guerra, senón dunha longa serie de conflitos desenvolvidos principalmente en Europa central.
Esta guerra pódese dividir en 4 etapas :
- A revolta de Bohemia.
- A intervención danesa.
- A intervención sueca.
- A intervención francesa.
Orixes da guerra
[editar | editar a fonte]A mediados do século XVI, un acordo asinado por Carlos I de España e V de Alemaña e os príncipes luteranos en 1555, confirmara o resultado da primeira Dieta de Espira e en realidade fixera acrecentar co tempo os odios entre católicos e luteranos. Nesa acordo, coñecido como a Paz de Augsburgo, establecérase que: os príncipes alemáns (ao redor de 360 deles), podían elixir a relixión (luteranismo ou catolicismo) nos seus reinos de acordo coa súa conciencia. Era o principio de cuius regio eius religio. Os luteranos que vivisen nun estado eclesiástico (baixo o control dun bispo), podían continuar sendo luteranos. Os luteranos podían manter o territorio que capturaran á Igrexa católica desde a Paz de Passau (1552). Os líderes eclesiásticos da Igrexa Católica (bispos), que se convertesen ao luteranismo tiñan que entregar a súa diocese. En definitiva, recoñecíase o luteranismo en igualdade co catolicismo dentro do Imperio, decretaba a liberdade relixiosa dos príncipes, que non dos súbditos. Porén deixaba fóra o calvinismo convertido en factor de inestabilidade ao ser declarado como relixión oficial por varias cidades imperiais e estenderse por Bohemia e Hungría.
Nos comezos do século XVI incrementáronse as tensións entre as nacións de Europa. Ao emperador interesábanlle os territorios dos principados alemáns, Francia desexaba substituír a hexemonía dos Habsburgo, e Dinamarca e Suecia buscaban intereses económicos.
Durante a segunda metade do século XVI as tensións relixiosas tamén se fixeron máis intensas. A paz de Augsburgo tivo as súas consecuencias ao longo da segunda metade do século XVI, xa que os bispos se negaban a abandonar os seus bispados como dicía a paz de Augsburgo que tiñan que facer. As tensións e os resentimentos entre católicos e protestantes aumentaran dende o tratado, e en moitos lugares de Alemaña destruíanse igrexas protestantes e había limitacións e obstáculos ao culto protestante. O diminuíren as tensións non axudaron o calvinismo que se estendeu por toda Alemaña.
Os Habsburgo desexaban incrementar os seus territorios e a súa influencia anexionando territorios ao seu imperio a cambio da liberdade relixiosa, aínda que os emperadores eran católicos. Ante a pasividade do emperador ante os protestantes os católicos da zona protagonizaron revoltas contra os protestantes como a que se fixo na cidade alemá de Donauwouth en 1606. No ano 1608 fúndase a Liga da Unión Evanxélica ou liga protestante onde se agrupaban os luteranos e os calvinistas. Os católicos formaron a Liga Católica nese mesmo ano para defenderen os seus intereses.
A revolta de Bohemia
[editar | editar a fonte]En 1618 proclámase emperador a Fernando II. Este emperador era un católico acérrimo, o que amolou a Bohemia, na súa maioría protestante. Fernando II enviou dous conselleiros a Bohemia para que preparasen a súa chegada pero estes foron defenestrados, aínda que os conselleiros non sufriron danos ao caeren nun monte de esterco. Comezou a revolta de Bohemia que axiña se estendeu a outros lugares (Silesia, Moravia e Lusacia), os que pediron axuda á Liga Protestante e o Emperador Fernando II pediulle axuda ao seu sobriño e xenro Filipe III.
A revolta comezou favorablemente para os Bohemios xa que a nobreza austríaca era protestante. Pero logo cambiaron de opinión e apoiaron o emperador. A primeira derrota protestante foi na batalla do Sablat en xuño de 1619. A costa desta derrota o reino de Savoia deixa de apoiar os protestantes, e pese á derrota os protestantes seguen en guerra cunha forza efectiva. Os estados de Austria setentrional e meridional asinan unha alianza cos Bohemios a comezos de agosto, e o día 22 Fernando II foi deposto oficialmente como rei de Bohemia, e substituído polo Elector Palatino Frederico V.
Os españois enviaron un exército dende Bruxelas so as ordes de Ambrosio Spinola para daren apoio ao emperador, e o embaixador español en Viena, Íñigo Oñate, convenceu a Saxonia protestante para intervir contra Bohemia a cambio de ofrecerlles o control sobre Lusacia. Os saxóns invaden Bohemia e o exército imperial no oeste evitou que as forzas da Liga Protestante puidesen prestar auxilio. Oñate conspirou para transferir o título electoral do Palatinado ao duque de Baviera a cambio do seu apoio á Liga Católica.
So o mando do xeneral Tilly, o exército da Liga Católica pacificou a Austria Alta, mentres que as forzas do emperador pacificaban a Austria meridional. Unha vez unidos os dous exércitos, desprazáronse cara ao norte, dentro de Bohemia. Fernando II derrotou definitivamente a Frederico V na batalla da Montaña Branca preto de Praga, en 1620. Bohemia permanecería en mans dos Habsburgo durante case 300 anos. Esta derrota provocou a disolución da Liga Protestante, Frederico foi exiliado e gaña as simpatías das provincias unidas Suecia e Dinamarca.
A intervención danesa (1625-1629)
[editar | editar a fonte]O período dinamarqués comezou cando o rei Cristián IV de Dinamarca de fe luterana sentiu que o seu reino protestante se atopaba ameazado. Axudou os alemáns liderando un exército contra o Sacro Imperio. Cristián IV sacara abundante proveito das súas políticas no norte de Alemaña (Hamburgo fora forzada a aceptar o protectorado dinamarqués en 1621, e en 1623 o herdeiro de Dinamarca foi nomeado bispo de Bremen-Verden). Cristián IV desenvolveuse francamente ben como administrador e conseguiu para o seu reino un nivel de estabilidade e riqueza descoñecido en Europa, o único pais que se asemellaba era Baviera[Cómpre referencia].
Cristián invadiu Alemaña co seu exército de 20.000 mercenarios, pagado case completamente coa súa fortuna persoal. Para enfrontarse a esta forza, Fernando II utilizou a axuda militar de Albrecht von Wallenstein, un nobre bohemio. Wallenstein prometeu a Fernando II un exército de entre 30.000 e 100.000 soldados a cambio do dereito a saquear os territorios tomados. Cristián, que descoñecía a existencia de Wallenstein efectuou a invasión, foi forzado a retirarse antes de que o seu exército fose aniquilado polo exército de Wallenstein e de Tilly. A sorte de Cristián empeorou aínda máis cando tódolos aliados cos que contaba se viron forzados a abandonaren. Tanto Inglaterra como Francia atopábanse en guerras civís. Suecia encontrábase en guerra con Polonia, e nin Brandeburgo nin Saxonia tiñan intencións de faceren nada que alterase a tenue paz na Alemaña oriental. Wallenstein derrotou o exército de Mansfeld na batalla da ponte de Dessau (1626) e o xeneral Tilly derrotou os daneses na batalla de Lutter (1626). Mansfeld morreu uns meses despois dunha enfermidade, exhausto e avergoñado pola batalla que lle costara a metade do seu exército. O exército de Wallenstein marchou cara ao norte, ocupando Mecklemburgo, Pomerania e finalmente a propia Jutlandia. No entanto, foi incapaz de tomar a capital danesa da illa de Seeland sen unha frota. Daquela optou por sitiar Stralsund, o único porto belixerante do Báltico. Por isto chegouse finalmente ao tratado de Lübeck (1629), polo que Cristián IV renunciou ao seu apoio aos protestantes alemáns para poder manter o control sobre Dinamarca.
A Guerra dos Trinta Anos debería ter finalizado co período danés, mais a Liga Católica convenceu a Fernando II de que tentase recuperar as posesións luteranas que, en aplicación dos acordos da Paz de Augsburgo, pertencían por lei ás igrexas católicas. Estas posesións estaban descritas no Edicto de Restitución de 1629, e incluían dous arcebispados, dezaseis bispados e centos de mosterios.
O panorama para os protestantes era desolador. Os nobres e os campesiños preferían abandonaren as súas terras en Bohemia e Austria antes que convertérense ao catolicismo. Mansfeld e Gabriel Bethlen, os primeiros oficiais da causa protestante, morreron no mesmo ano.
A intervención sueca (1630-1635)
[editar | editar a fonte]Gustavo II Adolfo, como previamente fixera Cristián IV, acudiu en axuda dos luteranos alemáns para previr unha posible agresión católica ao seu país e para obter influencia económica nos Estados alemáns sitos ao redor do mar Báltico. Tamén, como Cristián IV, Gustavo II Adolfo foi subvencionado por Richelieu, o primeiro ministro do rei Lois XIII de Francia, e polas Provincias Unidas. Dende 1630 ata 1634 fixo retroceder as forzas católicas recuperou unha gran parte das terras protestantes ocupadas, tomando Pomerania e invadindo Magdeburgo.
Fernando II dependía da Liga Católica, xa que cesara a Albrecht von Wallenstein. Na batalla de Breitenfeld, Gustavo II Adolfo derrotou a Liga Católica comandada polo xeneral Tilly. Un ano despois encontráronse de novo, e esta vez o xeneral Tilly resultou morto no río Lech (1632) mentres ofrecía resistencia á invasión sueca. Isto obrigou a Fernando II a volver chamar a Wallenstein. Wallenstein e Gustavo II Adolfo de Suecia loitaron na batalla de Lützen, en 1632, onde os suecos saíron vitoriosos, pero coa perda do seu rei en Leipzig. Finalmente, en 1634 os suecos e os seus aliados protestantes alemáns, foron derrotados na batalla de Nördlingen. En 1635 asinase a Paz de Praga:
- O exército do emperador e os exércitos dos Estados alemáns ficaron unidos como único exército do Sacro Imperio Romano.
- Prohibiu que os príncipes alemáns establecesen alianzas entre eles.
- Legalizouse o calvinismo.
- Resolveu as cuestións relixiosas da Guerra dos Trinta anos.
Este tratado, así e todo, non lles gustou aos franceses, xa que os Habsburgo continuaban sendo moi poderosos. Os franceses entón desencadearon o derradeiro período da Guerra dos Trinta Anos, chamado o Período Francés.
A intervención francesa (1636-1648)
[editar | editar a fonte]Francia, aínda que era un país católico, rivalizaba co Sacro Imperio Romano Xermánico e con España. O Cardeal Richelieu, primeiro ministro de Lois XIII, pensou que os Habsburgo aínda eran demasiado poderosos, xa que mantiñan no seu poder varios territorios na fronteira leste de Francia e tiñan influencia nas Provincias Unidas. Por iso malia que o Cardeal Richelieu era un importante católico, uniuse aos protestantes xunto cos holandeses e cos suecos.
España, contrataca, destruíndo as provincias francesas da Champaña e máis da Borgoña, e incluso ameazou París na campaña de Francia de 1636. O xeneral imperial Johan von Werth e o comandante español, o cardeal-infante Fernando, levaron a cabo campañas exitosas. Finalmente Bernardo de Saxonia-Weimar derrotou os imperiais e chegou a ameazar a permanencia das tropas do imperio en chan francés na batalla de Compiegne. Seguiron moitas batallas, mais ningún bando obtivo nelas vantaxes claras.
No ano 1642, o Cardeal Richelieu morreu. Un ano despois seguiuno Lois XIII. Lois XIV sobe ao trono á tenra idade de 5 anos e o seu rexente, o Cardeal Mazarino, comezou a traballar para restaura-la paz.
No ano 1643 as tropas españolas de Filipe IV -quen facía fronte na península á rebelión da Cataluña- eran derrotadas na fortaleza de Rocroi.
En 1645, o mariscal sueco Lennart Torstensson derrotou a un exército imperial na batalla de Jankau, preto de Praga, e Lois II de Borbón, Príncipe de Condé, derrotou o exército bávaro na batalla de Nördlingen en 1645. O último comandante con talento dos católicos, o conde Franc von Mercy, morreu na batalla.
En 1647 Francia e Suecia invadiron Baviera e forzaron a Maximiliano I a asinar o 14 de marzo de 1647 a Tregua de Ulm e a renunciar a súa alianza co Sacro Imperio Romano, mais no outono rompeu a tregua e volveu cos imperiais. No ano 1648, os suecos e mailos franceses derrotaron o exército imperial nas batallas de Zusmarhausen e Lens. Unicamente os territorios da propia Austria permaneceron seguros nas mans dos Habsburgo.
A Paz de Westfalia
[editar | editar a fonte]O termo da Paz de Westfalia refírese aos dous tratados de paz de Osnabrück e Münster, asinado o 15 de maio e 24 de outubro de 1648, respectivamente, este último na Sala da Paz do concello de Münster, na rexión histórica de Westfalia, polo cal finalizou a Guerra dos Trinta Anos en Alemaña e a Guerra dos oitenta anos entre España e os Países Baixos.
A Paz de Westfalia deu lugar a partir dun primeiro congreso diplomático moderno e iniciou unha nova orde no centro de Europa baseada no concepto de soberanía nacional. Ata 1806, os regramentos pasaron a formar parte das leis constitucionais do Sacro Imperio Romano.
O Tratado dos Pireneos, asinado en 1659, puxo fin á guerra entre Francia e España.
Como consecuencia de senllos tratados, Francia atinxiu importantes vantaxes territoriais na Alsacia e na fronteira renana, Suecia quedou con Pomerania occidental e diversos enclaves alemáns no mar do Norte e no Báltico, converténdose en membro do Imperio. Brandeburgo expandiuse pola Pomerania oriental e anexionou algúns territorios na Alemaña occidental, mentres o duque de Baviera retiña o alto Palatinado e maila condición de elector. Pola súa banda, a independencia formal de Suíza foi acatada polo Imperio.
Esta institución foi a máis prexudicada, pois o recoñecemento da soberanía dos príncipes e mailas cidades, baleiraba de contido o título imperial. A consagración da liberdade relixiosa dos príncipes, que impuñan a súa fe nos seus Estados estendeuse ao calvinismo e puxo fin ao ciclo de guerras relixiosas.
Os Habsburgo vieneses, malia algunhas concesións, fortaleceron o control sobre as súas posesións patrimoniais, gobernadas dende Austria. A gran perdedora deste prolongado conflito foi Alemaña no seu conxunto, sometida a terribles devastacións durante tres décadas —especialmente en rexións como Renania, que perdeu dous terzos da súa poboación— e afectada polas perdas materiais que tardaron decenios en seren reparadas. Pola súa banda, Inglaterra e Holanda afianzáronse como potencias marítimas, condición que favorecería un gran desenvolvemento comercial e colonial futuro. Francia confirmouse como a nova potencia europea, aínda que tiña, polo momento, que finalizar o seu conflito con España.
As ideas centrais da paz de Westfalia foron:
- A Paz de Praga foi incorporada na Paz de Westfalia. Os calvinistas foron, recoñecidos internacionalmente, e o Edicto de Restitución foi de novo rescindido. A primeira Dieta de Speyer foi aceptada internacionalmente.
- Redistribucións territoriais: Francia obtivo o arcebispado de Metz, Tourdum e toda Alsacia agás Estrasburgo e Mulhouse. Tamén adquiriu voto na Dieta Imperial xermánica.
- Suecia obtivo a Pomerania occidental e os arcebispados de Bremen e Stettin. Tamén obtivo o control sobre a desembocadura do Oder, Elba e Weser. Ao igual que Francia, obtivo voto na Dieta Imperial xermánica.
- Baviera adquiriu voto no Consello Imperial de Electores.
- Brandeburgo (Prusia) obtivo a Pomerania oriental e mailo arcebispado de Magdeburgo.
- Suíza foi recoñecida como nación completamente independente.
- Provincias Unidas foi recoñecida como nación independente
- Aos estados alemáns (ao redor de 360), déuselles o dereito de exerceren a súa propia política exterior, pero non podían emprender guerras contra o emperador do Sacro Imperio Romano. O imperio, como totalidade, aínda podía emprender guerras e asinar tratados.
- Aboliuse a posibilidade de elección do emperador romano vivente imperatore (na vida do emperador reinante).
- Os Palatinados foron divididos entre o restablecido Elector Palatino Carlos Luís (fillo e herdeiro de Frederico V) e o Elector-Duque Maximiliano de Baviera ( o que significaba a división entre protestantes e católicos). Carlos Luis obtivo o Baixo Palatinado (Palatinado renano) e Maximiliano mantivo o Alto Palatinado.
As consecuencias
[editar | editar a fonte]• O resultado inmediato da guerra, que no entanto ía perdurar durante preto de dous séculos, foi a consagración dunha Alemaña dividida entre moitos territorios, todos os cales, a pesar da súa continuidade na pertenza ao imperio ata a formal disolución deste en 1806, tiñan soberanía de facto.
• A Guerra dos Trinta Anos reestruturou a distribución de poder previa. A decadencia de España fíxose claramente visible. Namentres España estivo ocupada con Francia durante o período francés, Portugal declarou a súa independencia. A familia Braganza alzouse coma a casa gobernante de Portugal.
• Francia foi vista a partir de agora como o poder dominante na Europa. Durante os últimos anos da Guerra dos Trinta Anos, Suecia viuse envolta nun conflito con Dinamarca, entre 1643 e 1645, denominado a Guerra Torstenson. O resultado favorable deste conflito e a súa conclusión da guerra en Europa por medio da Paz de Westfalia que axudou a establecer a Suecia posbélica como un gran poder na Europa.
Cronoloxía
[editar | editar a fonte]Interior
[editar | editar a fonte]- 1627: Asedio a la Rochelle.
- 1627: Toma de Québec.
- 1649: Decapitación de Carlos I de Inglaterra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Helmolt, Hans Ferdinand (1903). W. Heinemann, ed. The World's History: Western Europe to 1800 (en inglés). p. 573. ISBN 0-217-96566-0.
- ↑ En guerra con España 1625–30 (e con Francia 1627–29). Tamén loitaron seis mil ingleses ás ordes de Charles Morgan nas campañas dinamarquesas; procedían, en gran parte, da famosa brigada inglesa de catro rexementos con base na república holandesa.
- ↑ Aliñado coas potencias católicas no período 1643-1645.
- ↑ Escocia declarou a guerra e loitou contra España no período 1625–1630 e contra Francia en 1627–1629, levando o conflito maiormente ao mar. Ademais do envío de dous mil combatentes para a campaña contra Francia en 1627, corsarios escoceses acosaban aos buques de mercadorías franceses e capturaron e ocuparon as colonias francesas de Nova Scotia, Cabo Bretón e Quebec. O Consello Privado escocés amparaba tamén aos 13.700 soldados dinamarqueses que loitaron baixo a bandeira escocesa, quen foron inicialmente liderados polo católico Robert Maxwell, Earl de Nithsdale, e polo máis famoso Donald Mackay, Lord Reay. En 1630, oito mil británicos máis, a maioría escoceses, loitaron e Alemaña baixo o mando do marqués de Hamilton, James Hamilton, e foron chamados explicitamente o "exército británico", estando baixo a tutela dos Consellos Privados inglés e escocés para o servizo aliado en Suecia. Xuntaron unha cantidade estimada de 12.000 escoceses, xa no servizo en Suecia comandados polo xeneral Sir James Spens, Alexander Leslie, Patrick Ruthven e John Hepburn. Este último liderou unha brigada escocesa en Francia no período 1634-1636, despois do cal caeu baixo o control da familia Douglas. Durante a totalidade da guerra, os escoceses mantiveron unha brigada de tres rexementos en Holanda. O período 1625-1638 foi o de maior compromiso escocés coa alianza anti-Habsburgo
- ↑ Ágnes Várkonyi (1999). Age of the Reforms. Magyar Könyvklub. ISBN 963-547-070-3.
into line with army of Gabriel Bethlen in 1620
- ↑ Russia apoiou a Suecia contra Polonia-Lituania (Guerra de Smolensk)
- ↑ =Ervin Liptai (1985). Military history of Hungary. Zrínyi Military Publisher. ISBN 9633263379.
- ↑ Dinamarca loitou contra Suecia e Holanda na Guerra de Torstenson
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guerra dos Trinta Anos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Parker, Geoffrey (1988), La Guerra de los Treinta Años. Barcelona: Ed. Critica (1ª ed.). ISBN 8474233380
- Elliott, John.H (1991). El Conde Duque de Olivares. Barcelona: Ed. Crítica (6ª ed.) ISBN 9788474234398
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Proxecto "Paz de Westfalia" (contén entre outros o volume de ensaios da 26. exposición do Consello de Europa "1648: War and Peace in Europe", 1998/99) Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.
- "Mapa da Guerra" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 28 de xuño de 2013. Consultado o 09 de novembro de 2018.