Gumersindo Busto
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de xullo de 1872 Laraño, España |
Morte | 21 de xuño de 1937 (64 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Actividade | |
Ocupación | filántropo, bibliófilo |
Membro de | |
Gumersindo Busto Villanueva, nado en Laraño (Santiago de Compostela) o 11 de xullo de 1872 e finado en Buenos Aires o 21 de xuño de 1937, foi un filántropo galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Pasou a súa infancia en Laraño, onde viviu coa súa nai, María Manuela Busto Villanueva, e a súa tía Francisca. Ingresou no Seminario de Santiago onde permaneceu tres anos. Emigrou en 1887, instalouse en Montevideo, onde se empregou como telegrafista no Ferrocarril Central do Uruguai e máis tarde noutra empresas do sector. En 1890 trasladouse ao departamento de Tacuarembó para traballar como mestre. Despois empregouse nunha notaria, e en 1892 iniciou formación académica matriculándose en Dereito na Universidade de Montevideo. Neste ano trasladouse a Buenos Aires. Traballou nas liñas ferroviarias de Buenos Aires e Rosario. Continuou os estudos de Dereito que rematou en 1898 acadando o grao de escribán. Comezou a exercer o notariado como rexente do Rexistro de Contratos nº 125 e anos despois impartiu docencia no Instituto de Aspirantes ao Notariado.
En 1904 puxo en marcha un proxecto para a creación dunha Universidade Libre Hispanoamericana que se había instalar en Santiago de Compostela. As súas xestións e esforzos non encontraron os apoios necesarios e finalmente só se acadou un dos obxectivos do proxecto inicial: a creación dunha gran biblioteca de temática americanista que aportaría coñecementos sobre América aos estudantes de Galicia. A Biblioteca América, tras moitos avatares, foi inaugurada en xullo de 1926.
Entrou en contacto con personalidades e sociedades galegas ás que permaneceu ligado. En 1908 formou parte da Comisión Curros Enríquez, organizada polos académicos correspondentes da Real Academia Galega en Buenos Aires para render homenaxe ao literato galego. No Centro Gallego de Buenos Aires desempeñou o cargo de vicepresidente e membro do Consello de Apelacións, en decembro de 1910 participou na creación dunha primeira Federación de Sociedades Gallegas. Neste ano o Centro Gallego da Habana nomeouno socio de honra. En 1911 integrou o núcleo fundador da Unión Redencionista Gallega. Como membro da Unión Hispanoamericana pro Valle Miñor e da Sociedad Fomento de la Educación y Progreso de la Parroquia de las Heras, que chegou a presidir, desenvolveu unha importante campaña en beneficio do ensino e instrución en Galicia.
En 1909 viaxou a Galicia coa intención de asistir á Exposición Regional de Galicia de Santiago de Compostela no mes de xullo. Durante os trinta días que permaneceu no país asistiu á Exposición en calidade de delegado e participou no Congreso de Emigración organizado pola Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Visitou diferentes escolas promovidas pola Unión Hispanoamericana pro Valle Miñor. Observou a realidade cultural e educativa galega e as súas eivas, o que o levou a concienciarse da necesidade de obter recursos a prol do sistema educativo e desenvolvemento pedagóxico galego. Con tal fin promoveu novas iniciativas, entre elas a creación do Padroado da Universidade de Santiago de Compostela, que finalmente veu a luz en 1922, así como a creación dunha escola en Laraño. Formulou propostas e iniciativas que pretendían a promoción turística de Galicia en América para o que solicitou fotografías aos alcaldes dos concellos galegos e promoveu a elaboración dun inventario de sociedades galegas fundadas en América.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]- Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica, 1926.
- Doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela, 1934.
- Unha rúa de Santiago de Compostela leva o seu nome.
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou en Buenos Aires con Felisa Gallardeo o 11 de maio de 1896, tivo oito fillos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gumersindo Busto |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Busto, Gumersindo". Dicionario biográfico de Galicia 1. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 143.
- "Busto, Gumersindo". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 1999-2002. ISBN 84-7680-288-9.
- "Busto, Gumersindo". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Gumersindo Busto". Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega.
- "Gumersindo Busto". Álbum da Emigración do Consello da Cultura Galega.
- "A Biblioteca América: o legado cultural de Gumersindo Busto" Historias de ida e volta. Consello da Cultura Galega.