Gustave Chaix d'Est-Ange
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Jean Théophile Jules Gustave Chaix d'Est-Ange 23 de abril de 1863 París, Francia |
Morte | 18 de maio de 1923 (60 anos) París, Francia |
Actividade | |
Campo de traballo | Viticultura e xenealoxía |
Ocupación | xenealoxista |
Familia | |
Familia | Familia Chaix d'Est-Ange |
Pai | Gustave Gaspard Chaix d'Est-Ange |
Parentes | Emmanuel du Bourg de Bozas, fillo adoptivo |
Gustave Chaix d'Est-Ange, nado en París o 23 de abril de 1863 e finado na mesma localidade o 18 de maio de 1923, foi un propietario vitícola e xenealoxista francés.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Gustave naceu no VIII distrito da capital francesa no seo dunha familia acomodada, seu pai era Gustave Gaspard Chaix d'Est-Ange (1832-1887), conselleiro xeral do cantón de Pellegrue e deputado da Xironda, e súa nai Jeanne Cléophile Joséphine Sipière, filla do banqueiro Théophile Sipière (1809-1870) e de Julie Joséphine Archdeacon (1817-1902). Tiña unha irmá, Marie, que casou co barón Joseph du Teil[1]. Ao morrer seu pai en 1887 fíxose cargo da explotación dun viñedo que mercara seu avó en 1867, o Château Lascombes, que producía viño margaux e que fora segundo na clasificación oficial dos viños de Bordeos de 1855.
Casou o 14 de febreiro 1895 en Lamarque con Marie-Georgine de Fumel (1873-1963)[2]. Sen descendencia, o matrimouno anulouse eclesiasticamente. Tentou mellorar algo situación das súas propiedades, que levaban tempo en decadencia[3], así construíu un novo edificio en Lascombes e en 1919 comprou unha propiedade veciña á súa, o Château Marquis d'Alesme Becker, que fora terceiro gran cru margaux na clasificación de 1855, coa intención de unilas, o que non se realizou ao morrer poucos anos despois. Pouco antes da súa morte, adoptou o fillo dun dos curmáns de súa nai, Emmanuel, marqués de Bourg de Bozas (1894-1990), home da filla máis nova de Honoré d'Albert, duque de Luynes. O seu fillo adoptivo vendeu Château Marquis d'Alesme-Becker a unha empresa escocesa de Glasgow, e Château Lascombes pasou de man en man dende 1952 ata o ano 2011, cando a mercou por 200 millóns de euros a Mutualidade francesa de seguros de saúde (MACSF).
Xenealoxista
[editar | editar a fonte]Apaixonado pola historia das familias, a primeiros do século XX acometeu a publicación do Dictionnaire des familles françaises anciennes et notables, baseándose principalmente na súa biblioteca persoal, que contiña 6 000 volumes conservados no Château Lascombes, e nas súas investigacións na Biblioteca Nacional. Escrito con independencia das familias estudadas, o traballo incorporou tamén datos e informacións tiradas da súa correspondencia con numerosos eruditos. En vida, a partir de 1903 publicou 17 volumes, aproximadamente un por ano, cunha tiraxe de 200 exemplares. Postumamente publicáronse outros tres volumes, o último en 1929 que remata en Gaullier, e que representa aproximadamente o 42 % dos apelidos franceses. En 1983 reeditouno en once volumes a editorial Vendôme.
Brasón
[editar | editar a fonte]O escudo de armas que figura na entrada que na súa obra lle dedicou á súa propia famila consiste en campo de goles, un león rampante de ouro, coroado do mesmo. Así e todo, son as da familia de Chaix orixinaria de Sisteron na Provenza e que eran señores de Penne no século XVI. Non obstante, aínda que Gustave se consideraba relacionado con esta familia, o seu parentesco non é certo.
Legado
[editar | editar a fonte]A Académie des sciences morales et politiques outorgou anualmente entre 1998 e 2014 o premio Gustave Chaix d'Est-Ange para recompensar unha obra de historia documental vencellada directamente ao método que segue a École nationale des chartes[4].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jacques Nompar de Caumont duc de La Force (1973) Le Second ordre. Editions du Palais Royal, páxina 175
- ↑ Valynseele, Joseph (1980) Les maréchaux de Napoléon III: leur famille et leur descendance Ed. Laballery; páxina 218
- ↑ Clive Coates (1995) Grands Vins. The Finest Châteaux of Bordeaux and Their Wines; Orion Publishing Group, páxina 233
- ↑ Prix Gustave Chaix d’Est-Ange ASMP.