Saltar ao contido

Hórreo tipo Coristanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hórreos nas torres do Allo, Zas.

O hórreo tipo Coristanco é un tipo de hórreo galego que se presenta no norte da provincia da Coruña, dacabalo entre a comarca de Bergantiños e a de Terra de Soneira que abrangue parte dos concellos de Carballo, Coristanco, Zas, Ponteceso e Malpica de Bergantiños. Nela convive co hórreo mariñán e con tipoloxías de albanelería non tradicionais.[1]

Características

[editar | editar a fonte]
Hórreo nas torres do Allo, Zas.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

É ancho e baixo, de planta rectangular. A cámara vai, polo xeral, sostida sobre un celeiro de igual tamaño, pero abondan os que van sobre esteos, especialmente na zona de transición cara ao hórreo tipo Fisterra. Neste caso, para acadar a mesma altura que o celeiro, os postes plántanse sobre un zócolo de cantería. Os esteos son de sección estreita e normalmente circular. Cando hai celeiro unha cornixa continua fai de tornarratos, e cando hai esteos estes son individuais, circulares, finos e de cara superior convexa.

A cámara é totalmente de pedra, de paredes formadas por fieiras horizontais de perpiaños de pouca altura, entre as cales se intercalan forras que separan os perpiaños formando as fendas de ventilación. Na zona máis próxima ao tipo Finisterre, os perpiaños son menores e as fieiras resultan menos acentuadas. Todas as fieiras son de iguales dimensións.

O acceso é exterior, a través dunha porta situada no costal. Adoita haber escaleira de fábrica, salvo cando o hórreo vai sobre zócolo, que é de madeira.

O tellado é a dúas augas con beiril pouco prominente. Os penais forman pinches que recollen os faldróns da cuberta baixo sobrepenas. Non sempre hai elementos terminais.

Construción

[editar | editar a fonte]

A pedra empregada é o granito, única rocha que se atopa no subsolo na zona. As paredes de fábrica non van recebadas nin pintadas. A cuberta é de tella cerámica a dúas augas.

  1. Martínez Rodríguez, I. El hórreo gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1975. ISBN 84-85728-00-9.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]