HAL HF-24 Marut
HAL HF-24 Marut | |
---|---|
Tipo | cazabombardeiro |
Fabricante | Hindustan Aeronautics Limited |
Deseñado por | Kurt Tank |
Primeiro voo | 17 de xuño de 1961 |
Introducido | 1 de abril de 1967 |
Retirado | 1990 |
Principais usuarios | Forza Aérea da India |
Unidades construídas | 147 |
O HAL HF-24 Marut foi un cazabombardeiro indio dos anos 60 desenvolvido por Hindustan Aeronautics Limited (HAL), con Kurt Tank como xefe de deseño.É o primeiro reactor desenvollvido na India e o primeiro caza a reacción asiático (fóra de Rusia/Unión Soviética) en pasar a fase de probas e entrar exitosamente en produción e en servizo activo. O 17 de xuño de 1961 o tipo realizou o seu voo de estrea e o 1 de abril de 1967 o primeiro Marut de produción foi entregado oficialmente á Forza Aérea da India.
Aínda que o Marut fora concibido como un avión de combate supersónico, nunca chegou a superar Mach 1. Esta limitación debeuse principalmente ao motores usados, que á súa vez víranse limitados debido a varios factores políticos e económicos; múltiples intentos de desenvolver motores mellorados ou de obter plantas de potencia alternativas foron infructuosos. Criticouse bastante o custo e a falta de capacidades do Marut en comparación con avións contemporáneos.
Fabricáronse un total de 147 Maruts, a meirande parte para a Forza Aérea da India. Aínda que foi pensado como interceptor usouse principalmente para misións de ataque ao chan. Neste rol o Marut combateu durante a guerra indo-paquistaní de 1971, destacando a súa participación na batalla de Longewala. En 1982 o Marut estaba cada vez máis obsoleto, e foi retirado gradualmente durante os anos 80.
Deseño e desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Orixes
[editar | editar a fonte]Durante os anos 50 Hindustan Aircraft Limited (HAL) desenvolvera e fabricara varios tipos de avións de adestramento, como o HAL HT-2. Porén, elementos dentro da firma estaban ansiosos por expandirse cara ao entón novo mundo dos cazas supersónicos.[1] Sobre a mesma época o goberno indio estaba no proceso de formular un novo requisito para un avión de combate capaz de acadar Mach 2 para equipar a Forza Aérea da India (IAF).[2] Porén, como HAL carecía da experiencia necesaria para desenvolver e fabricar cazas de primeira liña, estaba claro que a orientación externa sería inestimable. Esta asistencia foi encarnada polo enxeñeiro aeronáutico alemán Kurt Tank, responsable do deseño do caza Focke-Wulf Fw 190 entre outros.
En 1956 HAL comezou formalmente a deseñar o seu proxecto de caza supersónico.[3][1] O goberno indio, liderado por Jawaharlal Nehru, autorizou o desenvolvemento do avión, afirmando que axudaría a desenvolver unha moderna industria aeronáutica na India.[4] A primeira fase do proxecto buscou desenvolver unha célula axeitada para voar a velocidades supersónicas, e que fose capaz de realizar con efectividade misións de combate como caza, mentres que a segunda fase buscou deseñar e proucir localmente un motor capaz de impulsar o avión.[3] Ao principio houbo unha adhesión explícita para satisfacer os requisitos da IAF para un cazabombardeiro capaz; atributos como unha configuración de dous motores e unha velocidade de Mach 1.4 a 1.5 foron rapidamente enfatizados.[3]
Durante o desenvlvemento HAL deseñou e construíu un planador a escala completa de dúas prazas de madeira para actuar como demostrador de voo. Designado HAL X-241, este replicaba ao avión de produción en termos de dimensións, configuración de control e seccións aerodinámicas. Os freos das rodas, freos aerodinámicos, flaps, e tren de aterraxe retráctil eran accionados usando gas comprimido, con suficiente gas almacenado a bordo para múltiples actuacións por voo.[5] O 3 de abril de 1959 o X-241 voou por vez primeira, sendo lanzado por un remolcador Douglas Dakota Mk.IV BJ 449. Realizáronse un total de 86 voos antes de que o X-241 sofrese bastantes danos como resultado dun accidente durante unha aterraxe, despois de que o tren do morro non se despregase.[5][6]
O 24 de xuño de 1961 o primeiro prototipo do Marut realizou o seu voo de estrea.[2][6] Estaba impulsado polos mesmos turborreactores Bristol Siddeley Orpheus 703 que impulsaban ao Folland Gnat, que tamén eran fabricados por HAL na época. O 1 de abril de 1967 entregouse o primeiro Marut de produción á IAF.[6] Aínda que inicialmente só serían unha medida provisional durante as probas, HAL decidiu impulsar aos Marut de produción cun par de Orpheus 703 sen poscombustión, significando que o avión non podería acadar velocidades supersónicas.[2] Aínda que orixinalmente fora concibido para operara a Mach 2, o Marut apenas era capaz de chegar a Mach 1 debido á falta de motores axeitados.[2][7]
A IAF era reticente a mercar un caza só marxinalmente superior á súa frota de Hawker Hunter de fabricación británica; porén, en 1961 o goberno indio decidiu mercar 16 Marut de pre-produción e 60 de produción.[6] Finalmente só 147 avións, incluídos 18 adestradores biprazas, dos 214 planeados foron completados.[2] Despois de que o goberno indio realizase as súas primeiras probas nucleares en Pokhran, a presión internacional evitou a importación de motores mellores, e por momentos incluso pezas de resposto para os motores Orpheus; esta situación foi unha das principais razóns da retirada prematura da aeronave. O Marut nunca desenvolveu todo o seu potencial debido á súa potencia insuficiente. O Marut "estaba tecnicamente obsoleto cando foi entregado por primeira vez en 1964".[2] Outros autores tamén comentaron a relativa obsolescencia do Marut cando comezou a producirse.[8]
Finalización e críticas
[editar | editar a fonte]O Marut foi descrito como "esencialmente un erro prolongado", e considerouse que a deficiencias do avión debéronse a míltiples factores.[9] Entre eles houbo dificultades experimentadas para asegurar un motor axeitado, o que foi principalmente un problema político; aínda que se estableceron con éxito acordos co Reino Unido e Bristol Siddeley para que HAL producise domesticamente o Orpheus, este só era axeitado como unha medida provisional xa que carecía de potencia para permitirlle ao Marut acadar velocidades supersónicas.[10] O goberno da India rexeitou unha proposta realizada por Rolls-Royce para finaciar un maior desenvolvemento do Orpheus, que se dirixiría especificamente a producir un motor máis axeitado para o Marut.[10][2]
A adopción doutros motores alternativos previstos que poderían proceder da Unión Soviética, Exipto, ou varios países europeos no chegou a nada.[2][11] O laboratorio indio Gas Turbine Research Establishment tamén realizou o seu propio programa de desenvolvemento para mellorar o Orpheus sen axuda externa, pasando a fase de probas con resultados favorables, pero o motor era incompatible co Marut.[12] Dado que as particularidades dunha certa fuselaxe dependen moito do motor usado, a incapacidade de mellorar a planta de potencia do Marut danou o seu rendemento. A pesar de experimentar con varios motores, o Marut nunca foi quen de acadar velocidades supersónicas, feito que foi visto como un gran fracaso. A IAF anticipara que o Marut estaría equipado cun motor considerablemente superior.[13][12]
O proxecto viuse negatiamente afectado pola falta de dirección e xestión do Ministerio de Defensa indio.[11] Alégase que a falta de coordinación entre militares, políticos e industria foi algo común durante toda a duración do programa, deixando moitos problemas en mans da industria sen orientación. Especificamente, o goberno nunca autorizou o desenvolvemento dun equipo de deseño de motores, nin houbo avaliacións da capacidade de HAL de realizar enxeñería inversa ou aplicar tecnoloxías doutros proxectos, como o traballo realizado para o Folland Gnat.[14] Afírmase que HAL loitou para convencer tanto á IAF como ao Ministerio de Defensa de que o deseño do Marut era aceptable; prestouse moita atención ao inaceptable alto nivel de resistencia que producía a fuselaxe, así como a insatisfacción coa velocidade do Marut e a súa manobrabilidade, ámbalas dúas por debaixo das especifiicacións da IAF no momento da súa introdución.[11]
Tank tivo unha grande influencia no proxecto, e en consecuencia tamén nos seus defectos. Mentres traballaba no Marut foi criticado por unha postura ríxida en aspectos do deseño,[15] e, polo xeral, tiña pouco interese en meter presión ao goberno indio para obter fondos para refinar o deseño. Porén, parece ser que elementos da IAF mantiveron unha actitude desdeñosa cara Tank e as súas habilidades, e apenas cordináronse con el sobre cuestións do avión, o que fixo aumentar os problemas de rendemento do aparello.[14] O nivel de transferencia tecnolóxica entre Alemaña e a India no proxecto tamén foi obxecto de críticas.[16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Satish 2015, p. 480
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Gupta 1997, p. 34
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Smith 1994, p. 160
- ↑ Rajagopalan 2014, p. 116
- ↑ 5,0 5,1 "The HF24 Glider Program - Gp Capt Kapil Bhargava". web.archive.org. 2015-04-07. Archived from the original on 07 de abril de 2015. Consultado o 2022-05-25.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 "Tejas is not India’s first indegenous fighter, that would be the HF-24 Marut". The Indian Express (en inglés). 2016-07-01. Consultado o 2022-05-26.
- ↑ "HF-24 Marut". man.fas.org. Consultado o 2022-05-26.
- ↑ Arnett 1997, pp. 120-121
- ↑ Smith 1994, pp. 160-162
- ↑ 10,0 10,1 Smith 1994, pp. 160-161
- ↑ 11,0 11,1 11,2 Smith 1994, p. 161
- ↑ 12,0 12,1 Arnett 1997, p. 120
- ↑ Thomas 2014, p. 260
- ↑ 14,0 14,1 Smith 1994, p. 162
- ↑ Smith 1994, pp. 160, 162
- ↑ Arnett 1997, pp. 119-120
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arnett, Eric H. Military Capacity and the Risk of War: China, India, Pakistan, and Iran. Oxford University Press, 1997. ISBN 0-19829-281-3.
- Gupta, Amit. Building an Arsenal: The Evolution of Regional Power Force Structures. Greenwood Publishing Group, 1997. ISBN 0-27595-787-X.
- Rajagopalan, Swarna. Security and South Asia: Ideas, Institutions and Initiatives. Routledge, 2014. ISBN 1-31780-948-3.
- Smith, Chris. India's Ad Hoc Arsenal: Direction Or Drift in Defence Policy? Oxford University Press, 1994. ISBN 0-19829-168-X.
- Thomas, Raju G.C. Indian Security Policy. Princeton University Press, 2014. ISBN 1-40085-819-4.