Habroscelimorpha dorsalis
Habroscelimorpha dorsalis | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Habroscelimorpha dorsalis dorsalis | |||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||
G4 | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Sinonimia[1] | |||||||||||||||||||
|
Habroscelimorpha dorsalis (antes chamado Cicindela dorsalis) é unha especie de escaravello da familia dos cicindélidos. Vive en América Central e América do Norte.[1][2][3][4]
Descrición
[editar | editar a fonte]A súa lonxitude corporal é de 13 a 15 mm. A cabeza e o tórax son de cor verde bronce, as patas son longas e delgadas e os élitros son brancos ou pardos claros con marcas cor bronce estreitas. A cabeza ten antenas longas, ollos compostos grandes e mandíbulas poderosas. O pronoto e os lados do abdome teñen pelos brancos.[5] A coloración clara proporciona camuflaxe cando o escaravello está sobre areas claras.[6] As larvas teñen corpos longos segmentados e grandes mandíbulas similares ás dos adultos.[5]
Habroscelimorpha dorsalis dorsalis é a subespecie máis grande.[7] [8] A subespecie atópase na costa noroeste dos Estados Unidos e vive en pequenos buratos na area. É moi susceptible á abundante actividade humana e á erosión das praias e en 1990 foi incluído na lista de especies ameazadas baixo a Lei de Especies Ameazadas dos Estados Unidos. É a única subespecie nesa lista.[9]
A larva da subespecie C. d. media é notable pola súa capacidade de choutar no aire, voltear o corpo nunha roda rotante e rodar pola area a alta velocidade usando o vento para impulsarse. Se o vento é forte dabondo, a larva pode percorrer ata 60 m desta maneira. Esta salientable capacidade puido ter evolucionado para axudar a que a larva escape dos predadores como a avespa tínida Methocha. A locomoción facéndose unha roda na natureza é extremadamente rara e soamente se observou nuns poucos animais en todo o mundo.[10]
Subespecies
[editar | editar a fonte]A especie ten o nome sinónimo de Cicindela dorsalis porque antes se clasificaba no xénero Cicindela e nalgunhas clasificacións aínda segue así. En 2012, o subxénero Habroscelimorpa de Cicindela foi reclasificado a nivel de xénero.
Estas catro subespecies pertencen á especie Habroscelimorpha dorsalis:
- Habroscelimorpha dorsalis dorsalis (Say, 1817)
- Habroscelimorpha dorsalis media (LeConte, 1856)
- Habroscelimorpha dorsalis saulcyi (Guérin-Méneville, 1840)
- Habroscelimorpha dorsalis venusta (LaFerte-Senectere, 1841)
Distribución e hábitat
[editar | editar a fonte]H. d. media encóntrase ao longo da costa sueste dos Estados Unidos, incluíndo Carolina do Sur. H. d. dorsalis atópase na costa noroeste. C. d. saulcyi e C. d. venusta nas costas de Florida, o golfo de México e México.[6] En xeral, C. dorsalis é máis abundante en praias anchas de area fina que están moi expostas á acción das mareas e relativamente non alteradas pola presenza humana. Para que os escaravellos se reproduzan as praias deben ser polo menos de 100 m de longo e 2 m de ancho, aínda que o ancho óptimo é de 5 a 8 m.[11] Prefire un clima cunha temperatura media que pase de 15 °C e totais de precipitacións de moderadas a áridas.[12]
Bioloxía
[editar | editar a fonte]O ciclo vital completo dura dous anos. Os adultos saen entre a metade de xuño e a metade de agosto, xeralmente chegando ao seu pico de abundancia a metade de xullo e declinando en setembro. Pasan o día buscando comida na zona intermareal cando o tempo é cálido e solleiro.[5] Aliméntanse de pequenos invertebrados como moscas, formigas e anfípodos, pero tamén comen prea de peixes e cangexos mortos.[13]
O apareamento ten lugar entre a metade de xullo e principios de agosto cando o tempo é cálido e húmido. As femias poñen os ovos na zona intermareal. Usan pelos sensitivos que teñen no abdome para determinar se o contido de humidade do solo é axeitado para a supervivencia das larvas e o seu desenvolvemento.[12] A oviposición ten lugar de noite. A femia usa o ovipositor para crear un buraco na area onde deposita os ovos individualmente.[14]
Os ovos fan eclosión a metade de agosto e as larvas cavan buratos verticais onde se aseguran usando os ganchos do seu abdome.[12] Son predadoras e depredan os insectos que pasan por alí e outros pequenos invertebrados. As larvas pasan por tres estadios ou ínstares antes de pupar. Xeralmente chegan ao segundo ínstar en setembro. A medida que se aproxima o inverno as larvas cavan novos buracos en zonas máis altas da praia para protexerse contra as tormentas e a actividade das ondas. Despois de pasaren o inverno, emerxen a finais de maio e xuño. Unha vez que chegan ao terceiro ínstar e pasan o inverno outra vez. A seguinte primavera pupan nos seus buracos e emerxen como adultos.[13]
Status
[editar | editar a fonte]A subespecie C. d. dorsalis sufriu un importante declive nos últimos 20 anos. Adoitaba encontrarse por toda a costa atlántica dos Estados Unidos desde Massachusetts a Virxinia. Hoxe só se encontra na baía de Chesapeake en Maryland, na illa Martha's Vineyard na costa de Massachusetts e en Virxinia.[5] Este declive foi causado pola destrución e a alteración das praias naturais que usaba o escaravello como hábitat por mor da actividade humana. Unha das maiores ameazas é o endurecemento da liña de costa pola colocación de proteccións rochosas (recubrimentos de rochas ou escolleiras, chamadas rip-rap en Noreamérica).[11] Outras ameazas son a polución e os pesticidas, así como o uso de vehículos todo terreo que esmagan os adultos e as larvas, e tamén danan os buracos en que se refuxian as lavas.[5] En 2009 o United States Fish and Wildlife Service recomendou que C. d. dorsalis se inclúa na lista de especies en perigo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Habroscelimorpha dorsalis Report". Integrated Taxonomic Information System. Consultado o 2019-09-23.
- ↑ "Habroscelimorpha dorsalis". GBIF. Consultado o 2019-09-23.
- ↑ "Habroscelimorpha dorsalis species Information". BugGuide.net. Consultado o 2019-09-23.
- ↑ Bousquet, Yves (2012). "Catalogue of Geadephaga (Coleoptera, Adephaga) of America, north of Mexico". ZooKeys (245): 1–1722. PMC 3577090. PMID 23431087. doi:10.3897/zookeys.245.3416.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Natural Heritage Endangered Species Program: Northeastern Beach Tiger Beetle
- ↑ 6,0 6,1 "White Beach Tiger Beetle" (PDF). DNR. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de decembro de 2015. Consultado o 22 de marzo de 2013.
- ↑ "Species Profile". ecos.fws.gov. Consultado o 2020-04-20.
- ↑ U.S. Fish and Wildlife Service, Virginia Field Office. (28 de agosto de 2019). 5-Year Review of the Northeastern Beach Tiger Beetle. Consultado o 17 de abril de 2020, de https://ecos.fws.gov/docs/five_year_review/doc6121.pdf
- ↑ U.S. Fish and Wildlife Service. (n.d.). Listed Animals. Consultado o 19 de abril de 2020, from https://ecos.fws.gov
- ↑ Wind-Powered Wheel Locomotion, Initiated by Leaping Somersaults, in Larvae of the Southeastern Beach Tiger Beetle (Cicindela dorsalis media)
- ↑ 11,0 11,1 USFWS. Cicindela dorsalis dorsalis Five-year Review.
- ↑ 12,0 12,1 12,2 Animal Diversity Web. Cicindela dorsalis (northeastern beach tiger beetle)
- ↑ 13,0 13,1 The State Of New Jersey. Northeastern Beach Tiger Beetle, Cicindela d. dorsalis
- ↑ Observations of Oviposition Behavior Among North American Tiger Beetle (Coleoptera: Carabidae: Cicindelinae) Species and Notes on Mass Rearing
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lobl, I.; Smetana, A., eds. (2017). Catalogue of Palaearctic Coleoptera, Volume 1: Archostemata - Myxophaga - Adephaga. Apollo Books. ISBN 978-90-04-33029-0.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Habroscelimorpha dorsalis |