Hans Kelsen
Hans Kelsen, nado en Praga (República Checa) o 11 de outubro de 1881 e finado en Orinda (California) o 19 de abril de 1973, foi un xurista estadounidense de orixe austríaca. Creou a «teoría pura do Dereito», o normativismo e o principio da pirámide das normas.
Kelsen pertenceu ao movemento do positivismo xurídico, que é unha corrente do positivismo xeral, fundada por Augusto Comte. Ensinou no Juridicum de Viena entre 1911 e 1929. Viuse obrigado a fuxir de Austria logo do Anschluss a causa da súa ascendencia xudía, exiliándose aos Estados Unidos onde se inclinou polo dereito teórico.
A teoría pura do Dereito
[editar | editar a fonte]Para Kelsen a lei é norma positiva (é dicir, "posta" polos homes e non por un ser transcendente). Por outra banda, a norma é relativa, sen fundamento algún na Verdade. Non se pode falar, desde a súa perspectiva, dunha lei natural, polo menos non no ámbito xurídico. Segundo a teoría de Kelsen, o Dereito está constituído só e exclusivamente das normas positivas e válidas do ordenamento xurídico, sexa cales fosen os preceptos que conteñan. De aí que a súa teoría sexa denominada Doutrina Pura do Dereito, como unha das súas obras máis coñecidas. Consonte o pensamento kelsiano o ordenamento xurídico é o obxecto do dereito, non outro.
Normativismo e pirámide das normas
[editar | editar a fonte]Hans Kelsen fundou a escola normativista e figurou na orixe da teoría chamada pirámide das normas. Esta teoría dotou dunha base obxectiva e laica ao ordenamento das diferentes fontes do dereito, asegurando así unha explicación racional ao principio de xerarquía das normas. O principio fundamental desta teoría apóiase sobre a idea de conformidade. De xeito que unha norma inferior válida non pode ser contraria á norma inmediatamente superior. Se tal fose o caso, un contencioso podería desembocar na «anulación» ou na «corrección» da norma inferior contraria inválida.
Esta sinxela e elegante consideración teórica permite explicar e favorecer a aparición do control constitucional nos países occidentais nos que esta práctica era descoñecida, especialmente en Europa. Nos Estados Unidos practicábase este tipo de control desde inicios do século XIX.
Na cimeira da pirámide, o autor coloca unha norma hipotética fundamental (Grundnorm), que asegura a coherencia do conxunto, aínda que ao prezo, porén, de recorrer a unha ficción xurídica. O carácter hipotético desta norma levou aos seus detractores a afirmar que o autor non fora capaz de se desprender dos postulados do Dereito natural, segundo os cales a lexitimidade do dereito emana da divindade ou da mesma natureza.
Consciente destas crítica, Kelsen procedeu a efectuar importantes refundicións da súa teoría, aínda que se distinguen, polo xeral, dúas épocas na súa obra: antes e despois do exilio norteamericano.
Alén do Dereito
[editar | editar a fonte]Alén das contribucións de Hans Kelsen á ciencia xurídica, o xurista descorreu, tamén profusamente, sobre política, socioloxía e relixión. Foi un respectado teórico da democracia.
Influencia
[editar | editar a fonte]Kelsen colaborou na redacción da Constitución de Austria de 1920.
A difusión internacional do pensamento de Hams Kelsen fixo del unha saliente figura da teoría xeral do dereito no século XX.
Obras
[editar | editar a fonte]- Teoría xeral do Estado, (1934).
- Natureza e Sociedade, (1945).
- The Law of the United Nations, (1951).
- Principles of International Law, (1952).
- A Democracia.
- Dereito Internacional e Estado Soberano.
- Xurisdición Constitucional.
- O Estado como integración.
- Teoría comunista do Dereito.
- Teoria xeral das normas.
- O problema da xustiza.
- Teoria pura do Dereito.
- Teoria xeral do Dereito e do Estado.
- A ilusión da Xustiza.
- Que é xustiza?.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Enciclopedia Standford de Filosofía: artigo The Pure Theory of Law. (en inglés)
- Forma de Estado y visión del mundo, de Hans Kelsen (en castelán)
- Kelsen y Max Weber, de Norberto Bobbio (en castelán)
- Hans Kelsen Institut Wien (Werke, Lebenslauf, Forschung) (en alemán)
- Inventario de las obras completas de Hans Kelsen (en castelán)