Saltar ao contido

Harmonía (música)

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Para outros usos do termo, vexa Harmonía (homónimos).
A «consonante» tríade maior está composta de tres tons, nunha relación de números enteiros: 6 a 5 a 4.
Traité de l’harmonie (Tratado da harmonía), de Jean-Philippe Rameau.

O termo harmonía ten moitos significados, musicais e extramusicais, relacionados dalgún xeito entre si. En xeral, harmonía é o equilibrio das proporcións entre as distintas partes dun todo, e o seu resultado sempre connota beleza. En música, a harmonía é a disciplina que estuda a percepción do son en forma «vertical» ou «simultánea» en forma de acordes e a relación que se establece cos da súa contorna próxima.

Como outras disciplinas humanas, o estudo da harmonía presenta dúas versións: o estudo descritivo (é dicir: as observacións da práctica musical) e o estudo prescritivo (é dicir: a transformación desta práctica musical nun conxunto de normas de suposta validez universal).

O estudo da harmonía só se xustifica en relación coa música occidental, xa que a Occidental é a única cultura que posúe unha música «polifónica», é dicir, unha música na que se adoita executar distintas notas musicais en forma simultánea e coordinada. De modo que, malia que o estudo da harmonía poida ter algunha base científica, as normas ou as descricións da harmonía teñen un alcance relativo, condicionado culturalmente. Tamén ocorre nos aspectos do ritmo e a música.

Na música occidental, a harmonía é a subdisciplina que estuda o encadeamento de diversas notas superpostas; é dicir: a organización dos acordes. Chámase «acorde» á combinación de tres ou máis notas diferentes que soan simultaneamente (ou que son percibidas como simultáneas, aínda que sexan sucesivas, como nun arpexo). Cando a combinación é só de dúas notas, chámase «bicordio».

O estudo da harmonía refírese xeralmente ao estudo das progresións harmónicas e dos principios estruturais que as gobernan.[1]

Deste xeito, adóitase entender de xeito xeral que a harmonía se refire ao aspecto «vertical» (simultáneo no tempo) da música, que se distingue do aspecto horizontal (a melodía, que é a sucesión de notas no tempo).[2] A idea de vertical e horizontal é unha metáfora explicativa, relacionada á disposición das notas musicais nunha partitura: verticalmente escríbense as notas que se interpretan á vez, e horizontalmente as que se interpretan en forma sucesiva.

Con todo, tamén forma parte do estudo da harmonía as sucesións horizontais de acordes, e o seu efecto sobre o fluír xeral da música.

Na escolástica musical, o contrapunto é unha disciplina complementaria á harmonía (e que se confunde con ela), pero que se centra máis na elaboración de melodías que sexan combinables simultaneamente que nos acordes resultantes de tal combinación. É dicir: céntrase máis na percepción das partes que na do todo. Como disciplina creativa (e non como disciplina académica), o contrapunto tivo o seu auxe durante o Barroco, particularmente coa figura de Johann Sebastian Bach.

  1. Carl Dahlhaus: «Harmony», en Grove Music Online, editado por L. Macy, GroveMusic.com Arquivado 16 de maio de 2008 en Wayback Machine. (acceso por subscrición; consultado o 24 de febreiro de 2007).
  2. Deborah Jamini: Harmony and Composition: Basics to Intermediate (pág.147), 2005. ISBN 1-4120-3333-0.

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre música é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.