Saltar ao contido

Heinrich Wenck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHeinrich Wenck

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento10 de marzo de 1851 Editar o valor en Wikidata
Aarhus, Dinamarca Editar o valor en Wikidata
Morte3 de febreiro de 1936 Editar o valor en Wikidata (84 anos)
Charlottenlund, Dinamarca (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaGentofte Kirkegård (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
EducaciónRoyal Danish Academy of Fine Arts (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto, pintor Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
PaiHeinrich Theodor Wenck Editar o valor en Wikidata
ParentesH. L. E. Wenck, paternal nephew Editar o valor en Wikidata
Premios

Heinrich "Henry" Emil Charles Wenck, nado o 10 de marzo de 1851 en Aarhus e finado o 3 de febreiro de 1936 en Charlottenlund, foi un arquitecto danés, o arquitecto xefe dos ferrocarrís estatais daneses, o Danske Statsbaner (DSB), entre 1894 e 1921. Deseñou arredor de 150 edificios ferroviarios, entre eles a Estación Central de de Copenhague e máis as estacións da Kystbanen, exemplo do seu estilo romántico nacionalista e historicista. Tamén foi acuarelista e dende 1903 profesor titular na Real Academia de Belas Artes de Dinamarca.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Heinrich Theodor Wenck con uniforme militar

Heinrich Wenck era fillo do militar, e despois xeneral á suite, Heinrich Theodor Wenck e da súa esposa Pacht. Estudou co pintor Peter Kornbeck e na escola de debuxo de C. V. Nielsen. En 1869 entrou como alumno na Real Academia de Belas Artes de Dinamarca e alí tivo como profesores a Ferdinand Meldahl e Christian Hansen. No ano 1876 graduouse e dous anos despois, en 1878, recibiu umna pequena medalla de outro da Academia por un proxecto para unha biblioteca en estilo neogótico. Recibiu unha bolsa da Academia para realizar unha viaxe de estudo e estivo en varios países europeos entre 1883 e 1885[1].

Casou o 10 de marzo de 1895 na Igrexa de Mármore con Helga Thyra Fanny Gram (29 de xuño de 1869 en Copenhague - 31 de xaneiro de 1923 en Frederiksberg), filla do coleccionista e grosista Jens Jensen (cambiou de nome a Jensen-Gram en 1899, 1836-1925) e Petrea Anne Marie Olsen (1834-1921).

Estación de Helsingør, a primeira obra importante de Wenck, aínda en colaboración con Holsøe

Wenck realizou a súa obra arquitectónica case exclusivamente para os ferrocarrís estatais, onde estivo empregado dende 1882, e foi o arquitecto principal do DSB entre 1894 e 1921 co título de arquitecto xefe (hovedarkitekt ata 1919 e logo overarkitekt). Así e todo, dende 1891 co título de primeiro arquitecto (førstearkitekt) comezou a asumir boa parte do labor do entón arquitecto xefe, Niels Peder Christian Holsøe, que padecía unha enfermidade ocular. A estación de Helsingør, que deseñou xunto co Holsøe, foi a súa primeira obra importante, pero a estación, en pomposo estilo Rosenborg, que alude ao barrio de Kronborg, mantense dentro do historicismo da época.

Candelabro, estación de Østerport (1897)

As estacións da liña Kystbanens (1895-97), polas que Wenck recibiu a medalla Eckersberg en 1898, considérase a súa obra principal, e alí desenvolveu o seu mítico romanticismo nacional inspirado en Martin Nyrop. Deseñou non só as estacións, senón tamén as casas de garda, o posto de mando, o depósito, as casas dos traballadores das vías, os almacéns e os edificios dos aseos. Algunhas das casas están construídas a partir de debuxos tipo, pero moitas veces en ladrillos de diferentes cores (vermello/amarelo). Noutras estacións do ferrocarril costeiro deixou de utilizar esa variedade de cores, mais na Estación Central de Copenhague e en moitas outras, como a de Lygten volveu utilizar as cores. Tamén deseñou letreiros, tiradores de portas, frescos e candelabros, para que as súas estacións tiveran o carácter deGesamtkunstwerk (obra de arte total ). O Godsbanegård de Copenhague, que acabou demolido, tamén recibiu a medalla Eckersberg en 1901.

Durante o seu período como arquitecto xefe do DSB, a rede ferroviaria danesa sufriu unha expansión masiva en forma de ferrocarrís estatais e privados, e foi Wenck quen proxectou a maioría das estacións e outros edificios ferroviarios da época. En total deseñou máis de 150 estacións[2], tanto pequenas estacións rurais como a das principais cidades. O seu alumno K. T. Seest, foi o seu sucesor a partir de 1921 e continuou o alto nivel arquitectónico.

Heinrich Wenck, fotografía de Peter Elfelt
Estación de Skodsborg

Estilisticamente, Wenck traballou primeiro no estilo romántico nacional cun sentido ben desenvolvido combinando elementos renacentistas italianos (loggias, arcos de medio punto, linteis) con elementos da época viquinga e logo moveuse na dirección do Bedre Byggeskik[3], neobarroco e neoclasicismo. Porén, non seguiu de forma estrita os principios do neoclasicismo, os seus edificios caracterízanse por uns planos racionais e elaborados e un alto nivel de acabado; ao respecto o tamén arquitecto Erik Schiødte escribiu no Dansk Biografisk Lexikon sobre as estacións de Wenck que "son modernas no bo sentido".

Ademais do seu traballo para os ferrocarrís, Wenck deseñou tamén edificios para o Servizo de Correos e Telégrafos, entre eles o Edificio Central de Correos en Copenhague, e para o Servizo de Aduanas.

Tamén foi un hábil pintor de acuarela que expuxo na Exposición de Primavera de Charlottenborg (1878-1901), na Kunstnerforeningen af 18. november de 1882 e 1921, na Exposición de Arte Nórdica de Copenhague 1883 e 1888, na Exposición Universal de París de 1900, na Exposición do Concello de Copenhague en 1901 e na Dänische Ausstellung, Kgl. Kunstgewerbemuseum, Berlín 1910-11. Como arquitecto, participou na Exposición Nacional de Aarhus en 1909.

En 1928 Wenck publicou Familien Wencks Slægtbog, sobre a xenealoxía da súa familia. Tanto el coma a súa dona están soterrados no cemiterio de Gentofte, nunha tumba deseñada por el.

Estudio de deseño

[editar | editar a fonte]

No estudo de deseño de Wenck formouse toda unha xeración de arquitectos novos, xente como Povl Baumann, Helge Bojsen-Møller, Axel Preisler, Carl Petersen, Thorkild Henningsen, Hans Koch, Viggo Bertram, Knud Marstrand, Fredrik Appel, Ivar Bentsen, Jesper Tvede, Holger Rasmussen, Svend Harboe, Christian Brandstrup, Ole Falkentorp, Einar Ambt, Niels Gotenborg ou Sylvius Knutzen. Alí contaban cunha ampla liberdade para escolleren o seu camiño e foron principalmente arquitectos formados por Wenck[4] que fundaron en 1909 a Den fri Architektforening logo dun enfrontamento coa principal asociación de arquitectos, a Akademisk Arkitektforening, dun carácter máis conservador, dirixida entón por Martin Nyrop.

Heinrich Wenck recibiu a Orde do Dannebrog (Cabaleiro 1897, Cabaleiro do Dannebrog 1907 e Comandante do 2º grao 1911), e a medalla ao mérito de ouro (1914). Tamén era membro de ordes estranxeiras: a Orde do Salvador de Grecia, a Orde do Grifón de Mecklenburg e a Orde da Aguia Vermella de Prusia

Representacións

[editar | editar a fonte]

Varios foron os pintores que o retrataron, Michael Ancher pintouno en 1925 (Skagens Museum), tamén Vilhelm Rosenstand e ademais o seu amigo, o pintor sueco Oscar Björck tamén realizou un retrato. Tamén aparece na pintura de Viggo Johansen Xuntanza do Consello da Academia de 1904 (Statens Museum for Kunst). H. C. Olsen realizou en 1909 unha xilografía a partir dunha fotografía. Entre os fotógrafos que o retrataron están Marius Christensen e Peter Elfelt.

A locomotora eléctrica Litra EA 3003 de DSB leva o nome de Heinrich Wenck .

  1. Millech, K. (1984). "H. Wenck". Dansk Biografisk Leksikons. 
  2. Miller, William C. (2016). Nordic Modernism: Scandinavian Architecture 1890-2017. The Crowood Press. p. XXIV. 
  3. O Bedre Byggeskik é un estilo na arquitectura danesa (1915-1940) baseado nas prácticas construtivas da arquitectura danesa tradicional que se superpuxo ao neoclasicismo. A súa orixe foi unha asociación, Landsforeningen Bedre Byggeskik. Véxase: Lene Floris Bedre byggeskik. Bevægelse og bygninger, Holbæk Museum og Thaning & Appel 2005
  4. Nan Dahlkild (2015). "Indledning". En Nan Dahlkild. Huse der har formet os: Arkitekturhistorien bag danskernes institutioner og offentlige rum. Museum Tusculanum Forlag. p. 11.