Xilografía
A xilografía (do grego xylón, madeira; e grafé, inscrición) é unha técnica de impresión con prancha de madeira. O texto ou a imaxe desexada tállase á man cun cicel ou buril na madeira. Utilízase habitualmente unha soa matriz (chamada tamén taco) para cada páxina. A continuación imprégnase con tinta e prémese contra un soporte (como o papel) obténdose a impresión do relevo.
As madeiras máis apropiadas para realizala son a de buxo, a de cerdeira ou a de pereira.
Existen dous tipos de xilografía en función de como se realice o gravado na madeira:
- Xilografía "ó fío": a superficie de gravado está cortada en paralelo ás febras do tronco. Este método é propenso á aparición de nós e febras irregulares co consecuente problema para a impresión.
- Xilografía "a testa": a cara é perpendicular ás febras.
Diferénciase dos demais sistemas de impresión de textos en que utiliza unha prancha fixa para imprimir todo o contido, mentres que os restantes se basean en tipos móbeis (letras) que se reordenan e utilizan para outras páxinas.
Gravados en xilografía
[editar | editar a fonte]O uso da xilografía para gravados artísticos alcanzou o seu auxe en Europa no século XV, e foi perdendo vixencia á medida que se impoñían outras técnicas de gravado sobre metal: a buril, augaforte etc.
A finais do século XV, Michael Wolgemut rexentou un activo taller, que producía ilustracións en xilografía para libros como a Crónica de Núremberg. Durero debeu de aprender a técnica xilográfica durante a súa etapa neste taller e, xa na súa etapa como mestre independente, revolucionouna coa súa serie da Apocalipse (1498). Xa na seguinte década, Durero preferiu gravar sobre metal, aínda que produciu series xilográficas de grande éxito, comparativamente máis económicas, como A Gran Paixón, A vida da Virxe e A Pequena Paixón.
A xilografía, a pesar da súa cualificación como técnica primitiva, foi adoptando melloras que axudaron a manter a súa vixencia.
En Italia, a técnica de xilografía tivo un desenvolvemento comparativamente menor, aínda que a principios do século XVI, os gravadores do renacemento contribuíron coa novidade da xilografía de clarescuro, que recreaba as texturas da acuarela.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xilografía |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biblia pita na British Library Arquivado 26 de marzo de 2012 en Wayback Machine. [Ligazón morta]
- Técnicas gráficas, un libro en formato PDF, de M. Riat (en castelán).