Henry Linderman
Henry Linderman Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos (1867-1869) / (1873-1878) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de decembro de 1825 Lehman. Pensilvania. |
Morte | 27 de xaneiro de 1879 (53 anos) Washington, D.C.. |
Lugar de sepultura | Nisky Hill Cemetery (en) |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Educación | Universidade de Nova York. |
Actividade | |
Ocupación | Médico, político e alto funcionario. |
Partido político | Partido Demócrata |
Familia | |
Nai | Rachel Linderman |
Descrito pola fonte | Appletons' Cyclopædia of American Biography, (sec:Linderman, Henry Richard) |
Henry Richard Linderman, nado en Lehman, Pensilvania, o 26 de decembro de 1825 e finado en Washington o 27 de xaneiro de 1879, foi un médico, financeiro e alto funcionario estadounidense, director da Casa da Moeda dos Estados Unidos nos períodos 1867-1869 e 1873-1878.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixe familiar
[editar | editar a fonte]A súa familia materna, os Brodhead, chegaron aos Estados Unidos cando Daniel Brodhead foi enviado en 1664 para a toma de Nova Ámsterdam, como membro do exército británico. Ademais, o tío avó de Henri Linderman, Daniel Brodhead, foi coronel dun rexemento en Pensilvania durante a Revolución Americana.[1][2]
Por outra banda, os Linderman chegaron a América no século XVIII, cando Jacob von Linderman, dunha familia de médicos e avogados de Saxonia, emigrou durante a Guerra de Sucesión Austríaca e se instalou preto de Kingston, en Nova York, en 1750.[1]
Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Henry Linderman naceu en Lehman, no condado de Pike, Pensilvania, o 26 de decembro de 1825,[3] o primeiro fillo de Rachel Brodhead e do médico John Jordan Linderman.[1][4]
Comezou a formarse de xeito autónomo co seu pai e logo estudou Medicina no Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Nova York,[4] onde se graduou en 1846. Retornou ao condado de Pike, onde exerceu como médico co seu pai, ata que en 1853 se trasladou a Filadelfia, onde tamén exerceu a medicina durante unha pequena temporada.[3][5]
Carreira na Casa da Moeda
[editar | editar a fonte]En 1855 o seu tío, o senador demócrata Richard Brodhead, procuroulle un posto como secretario xefe da Ceca de Filadelfia, posto que ocupou ata 1864, data na que cesou para se dedicar a negocios no sector da banca. Linderman tamén participou activamente no Partido Demócrata e en 1868 asistiu á convención nacional dese partido.[3][4][5]
O 1 de abril de 1867 volveu á Casa da Moeda ao ser nomeado polo presidente Andrew Johnson como director da institución, e en maio de 1869 finalizou o seu mandato ao acceder ao poder os republicanos.[3][4][5]
O ano seguinte foi comisionado polo Goberno na costa do Pacífico para facer unhas investigacións nas cecas de San Francisco e de Carson City acerca da xestión dos metais preciosos neses establecementos. En 1871 viaxou a Europa, tamén como comisionado polo Goberno, para estudar os sistemas monetarios dos países máis desenvolvidos do continente, e á súa volta, en 1872, encomendóuselle, xunto a Robert E. Rogers, da Universidade de Pensilvania, o acondicionamento da refinaría de metais preciosos da Ceca de San Francisco.[4][5]
O seu coñecemento da moeda e da súa cuñaxe fixo que Linderman fose un dos principais redactores da Lei da Moeda de 1873, que reorganizou a Casa da Moeda dos Estados Unidos e a rede de cecas sucursais. En abril dese mesmo ano foi nomeado novamente polo daquela presidente, Ulysses S. Grant, como director da Casa da Moeda, o primeiro en virtude da nova lei.[5] Durante este período, que durou ata decembro de 1878, dirixiu o nacemento, entre outras moedas, do dólar de comercio.[3][6][7]
En 1877, Linderman publicou a monografía Money and Legal tender in the United States ("Moeda e curso legal nos EEUU"), un estudo acerca da moeda e o mundo das finanzas.[6][8][9]
Linderman foi tamén un destacado coleccionista numismático e aproveitou o seu posto na Casa da Moeda para acceder a pezas de gran rareza. Da súa colección formaron parte pezas tan salientables como un exemplar do dólar de 1804 e varias probas de cuñaxe que se supoñen saídas directamente da ceca pública, o cal xerou controversia no momento da venda da colección o 28 de febreiro de 1888.[3][10]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Henry Linderman casou en 1853 con Emily Davis, filla do industrial do carbón George H. Davis.[6] O matrimonio tivo un só fillo.[3]
En 1877 contraeu unha doenza que finalmente lle provocou a morte na súa residencia de Washington, o 27 de xaneiro de 1879.[6][9][11] Foi soterrado no cemiterio Nisky Hill en Bethlehem, Pensilvania.[12]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Evans, G. G. (1893). Páxina 104.
- ↑ "Notes and Queries". En Pennsylvania Magazine of History and Biography. Volume 51. Nº 1. 1927. Páxinas 92-95.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Smith, P. (2012).
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). Páxina 136.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Evans, G. G. (1893). Páxina 105.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Evans, G. G. (1893). Páxina 106.
- ↑ Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). Páxinas 136-137.
- ↑ Linderman, H. R. (1877). Money and Legal Tender in the United States. Putnam's Sons, Nova York.
- ↑ 9,0 9,1 Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). Páxina 137.
- ↑ Linderman Collection of Coins. Scott Stamp & Coin Co. Ld. 28 de febreiro de 1888.
- ↑ "Death of Mint Director Linderman". En Evening Star. Volume 53. Nº 8.056. Washington. 28 de xaneiro de 1879. Páxina 1.
- ↑ "Henry Richard Linderman". Find a Grave.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Henry Linderman |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Evans, G. G. (1893). "Hon. Henry Richard Linderman, M. D.". En Illustrated history of the United States mint... G. G. Evans, Filadelfia.
- Failor, K. M.; Hayden, E. (1969). "Henry Richard Linderman". En Medals of the United States Mint. US Government Printing Office. Páxinas 136-137.
- Smith, P. (2012). "Linderman, Henry Richard". En American Numismatic Biographies. Páxina 228.
- Wilson, J. G.; Fiske, J., eds. (1900). "Linderman, Henry Richard". En Appletons' Cyclopædia of American Biography. D. Appleton, Nova York.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]
Predecesor: William Millward James Pollock |
Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos 1867-1869 1873-1878 |
Sucesor: James Pollok Horatio C. Burchard |
- Nados en 1825
- Finados en 1879
- Nados en Pensilvania
- Directores da Casa da Moeda dos Estados Unidos
- Políticos do Partido Demócrata dos Estados Unidos de América
- Coleccionistas
- Médicos dos Estados Unidos de América
- Alumnos da Universidade de Nova York
- Estadounidenses de ascendencia inglesa
- Estadounidenses de ascendencia alemá