Heptarquía anglosaxoa
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2016.) |
A heptarquía anglosaxoa é un período histórico de Inglaterra que comprende dende a conquista completa de Inglaterra arredor do ano 500 polos emigrantes anglos, saxóns e xutos, ata a chegada dos invasores viquingos a mediados do século IX.
Aínda que este termo se utilizaba nun principio segundo os datos coñecidos no século XII, que era que existiran sete reinos considerados "ingleses" pero independentes entre si, que eran Wessex, Sussex, Essex (os saxóns), Mercia, Northumbria e Anglia Oriental (os anglos) e Kent (o xuto), máis adiante, no século XIX, pasou a utilizarse unicamente como denominador dun período histórico, xa que Sussex ou Essex sempre estiveron suxeitos a Wessex, e houbo outros territorios independentes nese período, sendo o máis destacábel Lindsey, que comprendía máis ou menos o que hoxe é a comarca de Lincolnshire.
Na etapa da heptarquía anglosaxoa a hexemonía foi primeiro de Northumbria, o reino máis ó norte, pero pola presión de Anglia Oriental, Mercia e o reino britano cristián de Strathclyde (na actual Escocia), deixou paso a Mercia, cuxo máis importante rei foi Offa, contemporáneo de Carlomagno e autor do muro que separa Inglaterra de Gales e que leva o seu nome. Por último, tralas invasións viquingas no norte, foi Wessex, formando xa parte de Essex, Sussex e o sur de Mercia, os que fixeron fronte ós invasores con reis como Alfredo o Grande.
O período da heptarquía remataría pola progresiva submisión dos outros reinos, e dos invasores viquingos, ós que se lles permitiu conserva-las súas terras e leis no Danelaw, ó poder de Wessex, o reino máis ó sur, unha hexemonía sureña que inda permanece nos nosos días. Pouco máis duraría Wessex formando Inglaterra, pois a batalla de Hastings marcou a chegada duns novos invasores, os normandos, viquingos asentados un século atrás en Francia, e que darían forma ó reino de Inglaterra que hoxe permanece.