Hippoglossoides elassodon
Hippoglossoides elassodon Platuxa xaponesa | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Hippoglossoides elassodon Jordan & Gilbert, 1880 [1] |
Hippoglossoides elassodon, coñecido en galego como platuxa xaponesa,[2] é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos, unha das catro recoñecidas actualmente no xénero Hippoglossoides.[3]
Visión xeral
[editar | editar a fonte]Trátase dun peixe demersal de importancia comercial, que se captura ao longo das costas do Pacífico norte, desde os mares de Okhotsk e do Xapón e, a través do mar de Bering, até as de Norteamérica, desde Alasca, a Columbia Británica (Canadá) e os estados de Washington, Oregón e California (Estados Unidos), até tan ao sur como a punta Reyes, a uns 50 km an NO da cidade de San Francisco.[4][5]
Vive en fondos brandos, lamacentos ou areosos, a profundidades de até os 1.050 m, e pode alcanzar unha lonxitude de até os 52 cm (aínda que os espécimes capturados roldan os 20 cm) e pesar até os 1,56 kg. As femias son tipicamente máis grandes que os machos, e poden chegar a vivir polo menos 27 anos, as femias, e até os 30 anos, os machos.[4][5]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1880 polos ictiólogos norteamericanos David Starr Jordan e Charles Henry Gilbert.[1]
Nome específico
[editar | editar a fonte]O nome específico, elassodon, deriva dos termos do grego antigo ελάσσων elássōn, "pequeno", "insignificante", e οδούς, οδόντος odoús, odóntos, "dente".
Descrición
[editar | editar a fonte]Esta especie é un peixe plano cos dous ollos situados no lado dereito do seu corpo, ovalado. A coloración do seu lado superior, pigmantado, vai do verde oliva á parda avermellada ou mesmo parda escura, e pode presentar manchas escuras. As aletas dorsal e anal tamén pòden presentar manchas escuras. O lado inferior, ou cego, é de cor branca, con zonas translúicidas. A liña lateral cúrvase lixeiramente á altura da aleta pectoral. A mandíbula superior é estreita no centro, e presenta unha fileira de pequenos dentes.[4]
A súa columna vertebral está formada por de 42 a 46 vértebras. A aleta dorsal presenta de 75 a 85, e a anal, de 55 a 68. A aleta dorsal orixínase á altura da metade do ollo superior. A aleta caudal presenta un pequeno alargamento na parte central. As [[aleta|aletas pectorais son máis ben grandes, e coas puntas arredondadas.[4]
Hábitat, bioloxía e usos
[editar | editar a fonte]Hábitat
[editar | editar a fonte]É un peixe mariño, demersal, oceanódromo,[6] que vive a profundidades de entre os 0 e os 1050 m,[7], en augas temperadas do Pacífico norte, entre os 51° N e os 29° N, e entre os 97° L e os 90° O.[8]
É unha especie que vive en fondos brandos, areosos ou lamacentos, os adultos xeralmente por debaixo dos 180 m.[9]
Papel no ecosistema
[editar | editar a fonte]Hippoglossoides elassodon ocupa un lugar intermedio na cadea trófica. Aliméntase de organismos zoobentónicos, como diversos invertebrados: moluscos (bivalvos e cefalópodos), vermes, crustáceos e equinodermos, ademais de pequenos peixes.[4][10]
Os seus pirncipais depredadores son o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus), o abadexo de Alasca (Gadus chalcogrammus), a palmeta do Pacífico (Atheresthes stomias), o fletán negro (Reinhardtius hippoglossoides) e o hipogloso do Pacífico (Hippoglossus stenolepis).[5]
Pesca e usos
[editar | editar a fonte]Captúrase nas áreas de pesca 61 e 67 (Pacífico noroeste e nordeste, respectivamente).[2] mediante artes de arrastre dedicadas á pesca de camaróns.[10]
A maioría das capturas prodúcense nos Estados Unidos en tres pesquerías principais: no mar de Bering e nas illas Aleutianas, no golfo de Alasca e na costa oeste. As capturas anuais medias son de ao redor das 17.000 t na zona do mar de Bering e as illas Aleutianas; en 2008, as capturas do golfo de Alasca alcanzaron o seu máis alto nivel, unhas 3.396 t.[5]
A pesca desta especie na actualidade non é excesiva, estimándose que a súa biomasa está por riba do nivel necesario para o un rendemento máximo sustentábel. Na zona do mar de Bering e as illas Aleutianas, a biomasa estimouse en 535.356 t en 2008, por debaixo dun pico máximo de case 800.000 t en 1997; no golfo de Alasca, a biomasa estimouse en 280.000 t en 2007, onde flutúa ao redor dunha media de 220.000 t desde o ano 1984.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Hippoglossoides elassodon Jordan & Gilbert, 1880 no WoRMS.
- ↑ 2,0 2,1 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 81.
- ↑ Hippoglossoides Gottsche, 1835 no WoRMS.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Ranier Froese and Daniel Pauly, editors Hippoglossoides elassodon Jordan & Gilbert, 1880 en FishBase (en inglés).
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Hippoglossoides elassodon Arquivado 15 de xullo de 2015 en Wayback Machine. en FishWatch. National Marine Fisheries Service. (en inglés).
- ↑ Riede, K. (2004): Global register of migratory species - from global to regional scales. Final Report of the R&D-Projekt 808 05 081. Federal Agency for Nature Conservation, Bonn, Germany.
- ↑ Allen, M. J. and G. B. Smith (1988): Atlas and zoogeography of common fishes in the Bering Sea and northeastern Pacific. NOAA Tech. Rep. NMFS 66.
- ↑ FAO-FIGIS (2001): A world overview of species of interest to fisheries. Capítulo: Hippoglossoides elassodon. FIGIS Species Fact Sheets. Species Identification and Data Programme-SIDP, FAO-FIGIS.
- ↑ Eschmeyer, W. N. et al. (1983).
- ↑ 10,0 10,1 Hart, J. L. (1973): "Pacific fishes of Canada". Bull. Fish. Res. Board Can. 180: 740.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Hippoglossoides elassodon |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
- Eschmeyer, W. N.; E. S. Herald e H. Hammann (1983): A field guide to Pacific coast fishes of North America. Boston, USA: Houghton Mifflin Company.
- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.