Saltar ao contido

Historia de Míchigan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Diversas tribos indíxenas vivían na rexión onde actualmente se localiza o estado de Míchigan millares de anos antes da chegada dos primeiros europeos. Estas tribos incluían os chippewa, os mennominee, os miamis, os ottawa e os potawatomi, tribos indíxenas parte da familia amerindia dos algonquinos; alén dos wyandot, unha das seis tribos indíxenas que compoñían a Nación Iroquesa, que vivían onde actualmente está localizada a cidade de Detroit. Estímase que a poboación indíxena na época da chegada dos primeiros europeos era de 15 mil persoas.

O primeiro explorador europeo en explorar Míchigan foi o francés Étienne Brulé, que explorou a Península Superior de Míchigan en 1620, tendo partido de Quebec ao mando de Samuel de Champlain. Eventualmente, Míchigan pasou a formar parte da provincia colonial francesa de Louisiana, unha das provincias coloniais da Nova Francia. O primeiro asentamento europeo permanente en Míchigan, Sault Ste. Marie, foi fundado por Jacques Marquette, un misioneiro francés, en 1660.

Os franceses fundaron diversos asentamentos comerciais, fortes e vilarellos en Míchigan durante o final do século XVII. Entre eles, destaca a fundación de Fort Pontchartrain, actual Detroit, fundada por Antoine de Lamothe Cadillac. Porén, as actividades francesas na rexión limitáonse á caza, intercambios comerciais, catequización dos indíxenas locais e unha agricultura moi limitada. En 1760, Míchigan posuía apenas algunhas centenas de habitantes.

Disputas territoriais entre os colonos franceses e británicos levaron ao desencadeamento da Guerra Franco-Indíxena, entre 1754 e 1763, que terminou coa derrota dos franceses. Como parte do Tratado de París, os franceses cederon aos británicos todas as colonias francesas en América do Norte localizadas ao leste do Río Mississippi. Así, Míchigan quedou baixo o control do Reino Unido. En 1774, Míchigan integrouse no Quebec. Míchigan continuou, porén, pouco poboada, e o crecemento da poboación da rexión continuou a ser moi baixo, cos británicos interesados principalmente no comercio de peles e non no asentamento e colonización da rexión.

Durante a Revolución Americana de 1776, gran parte de Míchigan, habitado por colonos americanos que apoiaban a independencia, rebelouse contra os británicos. Estes, co auxilio de tribos indíxenas locais, atacaron constantemente asentamentos americanos na rexión, e conquistaron Detroit. Os españois, aliados dos rebeldes americanos, conquistaron St. Joseph dos británicos, en 1781, e deron o control do asentamento aos americanos, o día seguinte. A Revolución Americana terminou en 1783, e Míchigan pasou a ser controlada polo recentemente formado Estados Unidos de América. En 1787, a rexión pasou a formar parte do Territorio do Noroeste. Os británicos, porén, conquistaron Detroit en 1790, e só cederon definitivamente o forte en 1796 aos Estados Unidos.

En 1800, Míchigan pasou a formar parte do Territorio de Indiana, e en 1805, naceu como Territorio de Míchigan, aínda que este territorio incluíse só a Península Inferior do actual estado de Míchigan. En 1812, durante a Guerra Anglo-Americana, os británicos capturaron Detroit e Fort Mackinac. Tropas americanas recapturaron Detroit en 1813, e Fort Mackinac foi devolta aos americanos no final da guerra, en 1815.

Ao longo das décadas de 1810 e de 1820, as tribos indíxenas ojibwe, ottawa e potawanomi pasaron a loitar contra o crecente poboamento de colonos brancos da rexión. Porén, os indíxenas foron derrotados, e en 1821 foron forzados a ceder todas as súas terras ao goberno americano. A maioría destes indíxenas foron obrigados a mudárense a reservas indíxenas no extremo occidental dos Estados Unidos.

Durante a década de 1820, a poboación de Míchigan creceu rapidamente, en grande parte por causa da inauguración do Canal de Erie en 1825, que pasou a unir os Grandes Lagos co Océano Atlántico, converténdose así nunha ruta de transportes entre os estados do leste americano e os territorios pouco habitados no oeste.

A crecente poboación de Míchigan comezou a esixir a elevación do territorio á categoría de Estado. En 1835, o Congreso americano aprobou a emenda constitucional que elevaría o Míchigan á categoría de Estado. Disputas territoriais con Ohio, por un pedazo estreito de terra, onde se localiza a cidade de Toledo, adiaron a conversión de Míchigan en estado. Esta estreita faixa pasou a Ohio por acordo do Congreso americano, mais en compensación Míchigan recibiu a Península Superior. En 26 de xaneiro de 1837, Míchigan tornouse o vixésimo sexto Estado da Unión.

Dende 1837

[editar | editar a fonte]

Durante o inicio da década de 1840, grandes depósitos de cobre e de ferro foron atopados na Península Superior de Míchigan, atraendo millares de persoas de estados do leste americano. O Canal de Soo foi inaugurado en 1855, conectando o Lago Superior co restante dos Grandes Lagos, para permitir o transporte rápido e eficiente dos minerais extraídos a portos no norte do Estado e, así, facilitar o transporte destes minerais ás principais áreas siderúrxicas do país, a maioría delas localizadas á beira dos Grandes Lagos ou en grandes ríos que aflúen nos Grandes Lagos.

Míchigan participou activamente ao longo da Guerra Civil Americana, ao lado da Unión - os Estados Unidos de América propiamente dito - e contra os rebeldes Estados Confederados de América. Despois da guerra, a economía de Míchigan pasou a diversificarse, e o Estado pasou a prosperar economicamente. Durante a década de 1870, a industria madeireira floreceu en Míchigan e o Estado tornouse no maior produtor nacional de madeira. Os seus grandes bosques e a súa localización próxima ao centro-oeste americano auxiliou na ocupación americana da rexión centro-norte dos Estados Unidos. Entre a década de 1870 e 1890, a agricultura e a gandería tamén se desenvolveron. A poboación de Míchigan dupricouse entre 1870 e 1890. Durante o final do século, o Estado de Míchigan dedicaba máis fondos á educación pública que calquera outro estado americano.

Durante o inicio do século XX, a industria de manufactura tornouse a principal fonte de renda do Míchigan - en boa parte, por causa da industria automobilística. En 1899, a Olds Motor Works inaugurou unha fábrica en Detroit. Catro anos despois, en 1903, a Ford foi fundada na cidade. Coa produción en masa do Ford T, Detroit tornouse a capital mundial da industria automobilística. A General Motors ten a súa sede en Detroit, e a Ford tena nunha cidade veciña. Ambas as compañías construíron grandes complexos industriais na rexión metropolitana de Detroit, que fixeron de Míchigan, desde a década de 1910, un líder nacional da industria. Esta industria desenvolveuse bastante durante a primeira guerra mundial, grazas á demanda de vehículos militares.

A Gran Depresión causou unha gran recesión económica en Míchigan. Millares de traballadores da industria automobilística foron despedidos, así como outros traballadores doutros sectores da economía do Estado. O goberno estatal de Míchigan tomou varias medidas para tentar minimizar os efectos negativos da Gran Depresión. O Estado creou máis de cen Corpos de Conservación Civís (Civilian Conservation Corps), un órgano administrativo que pasou a empregar millares de mozos desempregados en traballos de mantemento e limpeza. O Works Progres Administration foi outro órgano estatal, que empregou máis de 500 mil persoas desempregadas na construción de grandes obras públicas como estradas, edificios e encoros.

A recesión económica en Míchigan foi agravada polo feito de que as reservas de cobre do estado se localizan profundamente no solo. Co descubrimento doutras reservas de cobre, noutros estados americanos, localizadas en capas menos profundas, a minería de cobre caeu drasticamente no estado, resultando en desemprego para centenas de mineiros. Durante a Gran Depresión fundouse un sindicato, o United Automobile Workers, para representar os traballadores da industria automobilística. Este sindicato presionou ás compañías automobilísticas para que contrataran só traballadores que fosen membros do sindicato. A Ford e a General Motors foron os principais albos da United Automobile Workers que, mediante folgas xerais, forzaron a ambas compañías a aceptar as reivindicacións do sindicato. Actualmente, o United Automobile Workers é un dos maiores sindicatos dos Estados Unidos, sendo o representante de todo traballador empregado en calquera grande empresa automobilística.

A entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, en 1941, acabou coa recesión económica de Míchigan. O Estado foi ao longo da guerra un dos maiores produtores de armas e vehículos militares dos Estados Unidos. Co fin da guerra, a industria automobilística e da minería de cobre recuperáronse.

Despois do fin da guerra e ata a década de 1980, grandes cantidades de afroamericanos instaláronse en Míchigan, especialmente en Detroit. Conflitos de cuño raciais desenvolvéronse durante este período, culminando nun gran motín popular en Detroit, en 1967, que durou 8 días e causou 43 mortes e danos por valor de preto de 25 millóns de dólares.

A Crise do Petróleo de 1973 causou recesión económica nos Estados Unidos, afectando severamente á economía de Míchigan. Alén diso, as compañías automobilísticas dos Estados Unidos pasaron a soportar a concorrencia doutras compañías multinacionais, notabelmente compañías automobilísticas do Xapón. Como consecuencia, as compañías automobilísticas dos Estados Unidos tiveron que recortar custos para continuar sendo competitivas no mercado nacional. As taxas de desemprego creceron drasticamente no Estado.

Ao longo da década de 1970, Míchigan posuíu a maior taxa de desemprego de calquera Estado americano. Grandes cortes de financiamento á educación e á saúde pública tamén foron realizados, nunha tentativa de diminuír o crecente déficit do orzamento do estado. O fortalecemento da industria automobilística na década de 1980 e un aumento no imposto sobre a renda estatal estabilizaron o orzamento. Porén, a crecente concorrencia de empresas automobilísticas xaponesas e sur-coreanas ameaza constantemente a economía do estado, que aínda depende en boa parte da industria automobilística. Desde o final da década de 1980 en diante, o goberno de Míchigan esforzouse en atraer novas industrias á rexión, e así, reducir a dependencia económica do Estado en relación á industria automobilística.