Saltar ao contido

Homoioi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En Esparta os hómoioi ("iguais") eran os homes maiores de 30 anos que gozan dos seus dereitos, é dicir, os que constitúen o corpo cívico da cidade, politeuma. Recibían esta denominación en razón da súa teórica uniformidade social e económica. Son, polo tanto, cidadáns que pasaron a agogé e conservan os seus dereitos por non perder o seu kleros, mostrar covardía, cometer delitos ou non contribuír nas sisitías.

Orixe e evolución

[editar | editar a fonte]

Nun principio, segundo Plutarco, Licurgo repartiu as terras entre 9.000 espartiatas.[1] O número de “iguais” foi descendendo desde o século -VIII, fenómeno coñecido como oligantropía. Así, no período clásico a cifra redúcese a 8.000. En plena Guerra do Peloponeso, diminuíu o número de forma significativa ata chegar apenas aos 2.000. Finalmente trala Batalla de Leuctra o número era moi escaso, ao redor de 1.000.

A oligantropía foi debida á alta mortaldade derivada da situación constante de guerra, o sismo do 464, homosexualidade estendida, matrimonios tardíos, euxenesia e endogamia. Para rematar é moi importante ter en conta que trala Guerra do Peloponeso enriquécense uns poucos a costa do empobrecemento xeral, que irán perdendo a cidadanía ao ter que vender as súas terras. Aínda que isto intentou ser freado outorgando privilexios aos espartiatas con máis de tres fillos.

Características

[editar | editar a fonte]

Os espartiatas convertidos en homoioi posuían un kléros, un lote de terras, e uns ilotas proporcionados polo Estado.[2] Así cada homoios ten tempo libre para se exercitar no ximnasio e ir de caza. Vestían con sobriedade e modestia, sen adorno algún. Era característico o seu peiteado, unha longa cabeleira, signo da súa condición de liberdade. As mulleres e os nenos debían levalo curto. Tamén era costume levar barba mais co bigote rasurado. No campo de batalla visten capas púrpuras (stolaí phoinikídes) que provocaban pavor no inimigo. Un rito antes de empezar a batalla era untarse o corpo en aceite e lustrar as súas armas á vez que peiteaban coidadosamente o seu pelo.

Non se gravaban os nomes nas tumbas para destacar a uniformidade social. Pese a esta fachada de pseudocomunismo, as diferenzas existían, simplemente con ver os aristócratas chamados kaloikagathoí (“os belos e bos”) elixidos para a Xerusía. Tamén se distinguen aqueles que demostraron a súa valentía no campo de batalla ou a súa excelencia nas competicións atléticas. Outra subclase social dentro dos homoioi é a dos chamados hippeis, garda real, que non ten nada que ver coa súa tradución como cabaleiros.

Cando o homoios morre, o seu kléros pasa aos fillos e fillas en calidade igual entre fillos e a metade ás mulleres. Por esta razón, e por apareceren espidas, recibiren formación filosófica e exercitárense nos ximnasios, os gregos vían escandalizados esta inhabitual liberdade. Pero para Esparta a muller era ante todo a que debía procrear homes fortes; ata tal punto considéraa esencial que a súa morte no parto ten o mesmo significado que a kalòs thánatos ou morte heroica en combate.

  1. Grimberg, Carl; Svanström, Ragnar (1980). Historia Universal Daimon. Grecia. Ediciones Daimon. p. 93. ISBN 84-231-05-82-2. 
  2. Orrieux, Claude; Schmitt-Pantel, Pauline (2013). Histoire grecque. Presses Universitaires de France. p. 105. ISBN 9782130625698. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Fornis Vaquero, César. Esparta: historia, sociedad y cultura de un mito historiográfico. Barcelona: Crítica, 2003. ISBN 84-8432-413-3.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]