Human Rights Watch
Human Rights Watch | |
---|---|
Acrónimo | HRW |
Tipo | organización non gobernamental internacional, organización sen ánimo de lucro e organización de dereitos humanos |
Campo de traballo | dereitos humanos e ajuda humanitária |
Área de operación | mundial |
Data de fundación | 1978 e 1988 |
Fundador(es) | Robert L. Bernstein, Aryeh Neier e Jeri Laber |
Presidente/a | James F. Hoge Jr. (pt) (-) |
Director/a | Tirana Hassan |
Nº de membros | 4 (2022) |
Nº de empregados | 450 (2018) |
Premios | United Nations Prize in the Field of Human Rights, Theodor Heuss Preis, Four Freedoms Award – Freedom from Fear e Premio Nobel da Paz |
Sede | Nova York |
País | Estados Unidos de América |
Na rede | |
https://www.hrw.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Human Rights Watch (HRW, literalmente Observatorio dos Dereitos Humanos) é unha organización internacional non gobernamental que defende e realiza pescudas sobre os dereitos humanos. A sede da HRW está localizada na cidade de Nova York e a organización mantén tamén oficinas en Ámsterdam, Beirut, Berlín, Bruxelas, Chicago, Xenebra, Xohanesburgo, Londres, Os Ánxeles, Moscova, París, San Francisco, Toquio, Toronto e Washington, D.C..[1] En 2014 abriu a súa primeira filial en América do Sur, en São Paulo.[2]
Human Rights Watch actúa por medio da creación de relatorios sobre a violación á Carta dos Dereitos Humanos, ben como a outras normas relativas a dereitos humanos a nivel internacional. Co obxectivo de chamar a atención da comunidade global sobre os abusos existentes, e tamén para crear presión sobre os gobernos, eses relatorios teñen cobertura nos medios de comunicación locais e internacionais. A súa metodoloxía é: investigar, denunciar e facer presión.
Os relatorios tocan asuntos como a discriminación sexual e social, a tortura, o emprego de nenos para fins militares, a corrupción política, os abusos do sistema xudicial, e a violación das leis do dereito humanitario internacional.
Historia
[editar | editar a fonte]Human Rights Watch foi fundada por Robert L. Bernstein[3] e Aryeh Neier[4]como unha ONG estadounidense en 1978, co nome de Helsinki Watch, coa misión de monitorizar o cumprimento da Unión Soviética dos Acordos de Helsinqui. A Helsinki Watch adoptou a práctica de publicamente "nomear e avergoñar" gobernos abusivos a través de coberturas xornalísticas e a colaboración con formuladores de políticas. Ao expor internacionalmente as violacións dos dereitos humanos na Unión Soviética e nos seus socios europeos, a organización contribuíu ás transformacións democráticas da rexión ao final da década de 1980.
Deseguido fundouse Americas Watch en 1981, cando se estendían por América Central violentas guerras civís. Baseándose en extensas pescudas locais, Americas Watch non só relatou abusos por parte de gobernos senón que tamén usou as leis do dereito humanitario internacional para investigar e expor crimes de guerra cometidos por grupos rebeldes. Alén de aumentar a visibilidade dos países afectados, a organización examinou o papel desempeñado polos gobernos estranxeiros, particularmente o dos Estados Unidos, en fornecer apoio militar, financeiro e político a réximes abusivos.
Como consecuencia do éxito desa táctica fundáronse Asia Watch (1985), Africa Watch (1988), e Middle East Watch (1989), formando o grupo coñecido como "Comité de Vixilancia". En 1988 eses comités uníronse, formando Human Rights Watch.[5][6]
Perfil
[editar | editar a fonte]En conformidade coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos, Human Rights Watch (HRW) oponse á violación dos dereitos humanos básicos, incluídas a pena de morte e discriminación baseada na orientación sexual. HRW tamén defende outras liberdades relacionadas cos dereitos humanos fundamentais, como a liberdade de relixión e a liberdade de prensa.
A Human Rights Watch publica relatorios de investigación da violación das normas internacionais establecidas na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, alén doutras regras relacionadas aceptadas internacionalmente. Eses relatorios empréganse para chamar a atención internacional para os abusos e facer presión sobre os gobernos e as organizacións para repararen os crimes cometidos. Para a recada de informacións dos relatorios, envíanse pescudadores en misións coa finalidade de investigar situacións sospeitosas. Usando a diplomacia, fan contacto coas vítimas, describindo situacións públicas e historias de individuos, mentres proporcionan a seguranza necesaria en situacións críticas. Despois de seren publicados, estes relatorios xeran cobertura nos medios de comunicación locais e internacionais. As cuestións levantadas pola Human Rights Watch, nos seus relatorios inclúen a discriminación social e de xénero, a tortura, o uso militar da infancia, a corrupción política, os abusos en sistemas de xustiza penal, a legalización do aborto, e a violación do dereito internacional humanitario.
Anualmente a HRW publica o “Relatorio Mundial,” un resumo das condicións dos dereitos humanos en máis de 90 países e territorios. Actualmente na súa 25.ª edición, este almanaque reflicte o extensivo traballo de investigación que os pescudadores e outros funcionarios da HRW conduciron durante o ano, frecuentemente en compañía de activistas locais.
A Human Rights Watch tamén apoia escritores de todo o mundo que están a ser perseguidos polo seu traballo e precisan de asistencia financeira. Os subsidios Hellman/Hammett son financiados polo patrimonio deixado pola dramaturga Lillian Hellman e a súa parella, o novelista Dashiell Hammett. Alén de fornecer asistencia financeira, as subvencións Hellman/Hammett axudan a aumentar a atención internacional aos activistas que están a ser silenciados por defenderen os dereitos humanos.
Cada ano, a organización presenta o Premio Defensor dos Dereitos Humanos para activistas de todo o mundo que demostran lideranza e coraxe en defensa dos dereitos humanos. Os vencedores do premio traballan en colaboración coa HRW ao investigar e expor abusos. A HRW tamén é a copresidenta da Campaña Internacional para a Prohibición das Minas Terrestres, unha alianza global de grupos da sociedade civil que fixeron presión con éxito para a introdución do Tratado de Ottawa, que prohibe o uso de minas terrestres por ser unha arma indiscriminada de incríbel lonxevidade, resultando no Premio Nobel da Paz en 1997.
Críticas
[editar | editar a fonte]A HRW foi criticada por nesgo político polos gobernos nacionais que investigou pola violación dos dereitos humanos,[7][8][9] pola NGO Monitor, e polo fundador da propia HRW, e antigo presidente, Robert L. Bernstein.[10] As alegacións de inclúen influencia indebida da política do goberno dos Estados Unidos, afirmando que HRW ten preferencia contra Palestina (e concentra a atención no conflito árabe-israelí).[11] A HRW tamén foi criticada por unha metodoloxía de investigación pobre e verificación de feitos laxa, e ignorando os abusos dos dereitos humanos dos réximes menos abertos. A HRW abordou a acusación publica e regularmente, frecuentemente negando as críticas aos seus relatorios e conclusións.[12]
Segundo Democracy Now!, a HRW tamén foi criticada por ter unha "porta xiratoria" co goberno dos Estados Unidos, unha acusación que a HRW discute.
En 2020, o Consello de Administración da HRW descubriu que a Human Rights Watch aceptou unha doazón de 470 000 dólares do magnate inmobiliario saudita Mohamed Bin Issa Al Jaber, proprietario dunha empresa que a HRW "identificara como cómplice no abuso dos dereitos laborais", na condición da doazón non ser utilizada para apoiar a defensa LGBT en Oriente Medio e o norte de África. A doazón foi devolta e a Human Rights Watch emitiu unha declaración dicindo que aceptar o financiamento foi unha "decisión profundamente lamentábel" en resposta ao relatorio de investigación de The Intercept sobre a doazón.[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Frequently Asked Questions". Consultado o 20 de julho de 2013.
- ↑ "PGR recebe ONG Human Rights Watch — Notícias Ministério Público Federal". Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2016. Consultado o 2015-06-30.
- ↑ Bernstein, Robert L. (2009-10-19). "Rights Watchdog, Lost in the Mideast". The NY Times. Arquivado dende o orixinal o 2014-03-11. Consultado o 2009-10-20.
- ↑ "A Talk by Aryeh Neier, Co-Founder of Human Rights Watch, President of the Open Society Foundations". Universidade Harvard. Arquivado dende o orixinal o 2018-05-26. Consultado o 2018-05-25.
- ↑ "Our History". Human Rights Watch (HRW.org). Arquivado dende o orixinal o 6 de febreiro de 2014. Consultado o 28 de febreiro de 2014.
- ↑ Chauhan, Yamini. "Human Rights Watch". Encyclopædia Britannica. Arquivado dende o orixinal o 2013-12-02. Consultado o 2014-03-02.
- ↑ "After Human Rights Watch Report, Egypt Says Group Broke Law Arquivado 2018-06-20 en Wayback Machine.". The New York Times. 12 de agosto de 2016.
- ↑ "Saudi Arabia outraged by Amnesty International and Human Rights Watch’s criticism Arquivado 2018-06-20 en Wayback Machine.". Ya Libnan. 1 de xullo de 2016.
- ↑ "A row over human rights". The Economist. 2009-02-05.
- ↑ Bernstein, Robert L. (2009-10-19). "Rights Watchdog, Lost in the Mideast". The NY Times. Arquivado dende o orixinal o 2014-03-11. Consultado o 2009-10-20.
- ↑ "What the Media Gets Wrong About Israel". 30 de novembro de 2014.
- ↑ The Transformation of Human Rights Fact-Finding; Sarah Knuckey; Oxford University Press, 2015; Páx. 355-376
- ↑ Emmons, Alex (2 de marzo de 2020). "Human Rights Watch Took Money From Saudi Businessman After Documenting His Coercive Labor Practices".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Human Rights Watch |