Iñaki López
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de agosto de 1973 (51 anos) Portugalete, España |
Educación | Universidade do País Vasco Santa Maria Ikastetxea |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, presentador de televisión |
Período de actividade | 1996 - |
Familia | |
Parella | Andrea Ropero |
Iñaki López Roldán, nado en Portugalete o 4 de agosto de 1973, é un xornalista e presentador vasco, que desempeñou a meirande parte da súa carreira profesional en programas do grupo EITB, a radiotelevisión pública vasca. O seu recoñecemento no eido nacional débese ó espazo La Sexta Noche, da canle española La Sexta.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]Iñaki López licenciouse en xornalismo pola Universidade do País Vasco no ano 1996, pero xa dende 1993 compaxinou os seus estudos coa presentación de diversos programas nas emisoras locais TeleBilbao e Radio Nervión.
TeleBilbao
[editar | editar a fonte]As súas primeiras aparicións en TeleBilbao consistían en preguntas de rúa acompañado dun cámara e micrófono en man. O seu labor era percorrer as rúas de Bilbao preguntando aos cidadáns. Máis tarde copresentou durante varias tempadas o programa Radio a la vista e tamén participou no magacín tertuliano Kapital Vip, presentado por Joseba Solozábal.
En 1996 presentou o programa Que te doy con el pico de la plancha, un programa de debate con chamadas do público e uns 6 debatentes, onde se discutía sobre diferentes temas como a Igrexa, o sexo, etc., e onde un dos invitados foi o actor e produtor porno Torbe.
Tamén presentou o programa de cociña Las recetas de José Juan Castillo, xunto con este chef (xerente do restaurante Casa Nicolasa). Este programa púidose ver a nivel nacional a través da rede Local Media TV.
ETB
[editar | editar a fonte]En 1999 dá o salto a ETB2 da man de Antxon Urrosolo, con quen colabora no programa 100% vascos. Nese mesmo ano, acompaña a Emma García na condución do magacín El submarino amarillo.
Pouco despois, incorpórase ao persoal da produtora K2000 como colaborador en Lo que faltaba, programa presentado por Yolanda Alzola e Txetxu Ugalde, que se mantén en antena até abril de 2004.
Entre 2001 e 2003, ademais, a cadea encárgalle a presentación, xunto a Adela González, do magazine de sobremesa Mójate, que substitúe a Lo que faltaba durante os meses de verán.
En 2003, despois de deixar Lo que faltaba, estrea en solitario Buen rollito, programa de vídeos que compaxina co late-show La gran evasión, presentado por Carlos Sobera e producido por El Terrat para ETB2. Cando Sobera abandona o proxecto, a cadea decide adaptar o programa, que pasa a chamarse Algo pasa con López e que continúa en antena até o verán de 2004.
Dende o mes de maio de 2004 até o 12 de febreiro de 2010 López copresentou xunto a Adela González o magazine de actualidade en directo Pásalo. Foi un formato novo polo que pasaron oitenta colaboradores. Non estaban ligados necesariamente aos medios de comunicación e representaban ás diversas sensibilidades sociopolíticas do País Vasco e de Navarra. Nun primeiro momento, a xornalista Adela González ía ser a encargada de presentar o programa en solitario, pero finalmente, a produtora acordou a incorporación de Iñaki López, en calidade de copresentador. Alcanzouse a cifra de 1.418 programas.
A partir do 25 de xaneiro de 2010 Iñaki López comezou a presentar os debates do acontecido no programa El conquistador del fin del mundo. Acompañábanlle no programa Berta López e Javier Maldonado. Foi substituído por Patxi Alonso cando en decembro de 2012 fíxose público que La Sexta estaba a buscar un debate para a noite dos sábados e fichou a Iñaki López, xunto con Andrea Ropero.
En 2014 regresou a ETB co programa Iñaki & Cía no que realizaba entrevistas a diversas celebridades.[1]
Cuatro
[editar | editar a fonte]En marzo de 2010 anúnciase a fichaxe de Iñaki López por Mediaset España para a presentación do concurso de nova creación Justo a tiempo en Cuatro. En abril de 2010 retírase da programación por non alcanzar os obxectivos de audiencia.
La Sexta
[editar | editar a fonte]Dende xaneiro de 2013 a setembro de 2021 presentou e moderou La Sexta noche, un programa que abordaba a actualidade social da semana e no que varios tertulianos analizaban dende distintos puntos de vista a actualidade máis recente. Despois pasaría a presentar o programa Más vale tarde xunto con Cristina Pardo.
Ademais, o 1 de xullo de 2017 retransmitiu a manifestación e o desfile do WorldPride Madrid 2017 xunto con Cristina Pardo. Tamén con ela, presentou as badaladas de Noitevella de 2017, 2018, 2019 e 2020 para La Sexta.
Atresplayer
[editar | editar a fonte]Dende o 24 de maio de 2020 presenta en Atresplayer a serie documental sobre artistas españois Pongamos que hablo de...
Vida persoal
[editar | editar a fonte]A súa parella é a xornalista Andrea Ropero, con quen copresentou La Sexta Noche entre 2013 e 2019. En setembro de 2017 a parella tivo o seu primeiro fillo, ao que chamaron Roke,[2] en referencia a San Roque, patrón de Portugalete, a vila natal de Iñaki López.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Iñaki Lopez estrena 'Iñaki & Cía' en ETB2 este jueves 19 de junio". FormulaTV (en castelán).
- ↑ "La felicidad de Iñaki López y Andrea Ropero al marcharse a casa con el pequeño Roke". HOLA USA (en castelán). 4 de outubro de 2017.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Iñaki López na IMDb (en inglés).