Saltar ao contido

Igrexa de San Miguel de Osmo

Igrexa de San Miguel de Osmo
Fachada da igrexa
PaísEspaña
LocalizaciónOsmo (Cenlle)
Coordenadas42°22′00″N 8°05′59″O / 42.366583333333, -8.0996222222222
editar datos en Wikidata ]
Vista xeral da igrexa desde o muro norte.

A igrexa de San Miguel de Osmo é unha construción relixiosa de fábrica orixinal románica con pinturas manieristas no seu interior.

A igrexa parroquial de Osmo atópase enclavada nunha carballeira en Osmo no concello de Cenlle. Ao seu carón hai un enorme carballo de máis de cen anos.

Na súa orixe parece ser que foi de fundación privada, feita polo Conde de Ribadavia. A súa imaxe actual débese a importantes reformas feitas no século XVIII.

Descrición

[editar | editar a fonte]

A igrexa é de núcleo románico, aínda que sufriu profundas transformacións nos séculos XVI e XVII. Presenta planta basilical dunha soa nave, lixeiramente modificada, cun adro e un anexo no seu muro norte, anexo no que antigamente se conservaba o arquivo parroquial.

Detalle dos canzorros no lateral da igrexa.

Conserva pouco da súa orixinal fábrica románica, tres canzorros no muro sur, que pola súa tipoloxía, de motivos xeométricos, fai que poidamos situalos nunha étapa do románico serodio. Tamén pode ser desta época unha cruz situada na cabeceira da Igrexa.

A fachada é sinxela de estilo renacentista, do século XVI ou primeiros anos do XVII, estilo pouco común na zona e en igrexas parroquiais. A porta principal componse dun arco de medio punto apoiado sobre pilastras rectangulares. O arco adórnase cunha composición de cabezas humanas e unha do demo insertadas en casetóns. Esta portada está enmarcada por dúas columnas apoiadas en basas de grande altura e que na súa parte superior se pechan cunha especie de cornixa. Por encima da porta hai un anxel coas súas ás no lado esquerdo da porta, non conservándose o do lado dereito. Por riba das columnas, atópanse dous escudos, que tamén parecen indicar a fundación da Igrexa polos condes de Ribadavia. A portada remátase cunha espadana de dúas alturas, nas que hai tres fornelos (dúas na altura inferior e unha na superior).

Desta mesma época destaca a sancristía cuberta cunha bóveda nervada en forma de cruz estrelada. Nas súas claves sorprenden cinco medallóns que representan o sol, a lúa, dous anxos enfrontados e no central un motivo floral sorprendendo os cinco pola súa boa feitura. Os arcos nervados apoiánse en ménsulas que representan dúas facianas no lado oeste e as dúas do lado leste sen decoración.

Ao pé do altar hai dúas tumbas con escudos (suponse que pertencen a familia dos Condes de Ribadavia). No seu interior é de resaltar a importancia dunha predela no altar de San Francisco.

A Predela de San Miguel

[editar | editar a fonte]

Entrando na igrexa pódese observar a man esquerda o altar de San Francisco onde está a Predela de San Miguel, un dos exemplos máis claros do manierismo de principios do século XVII convivindo con trazos barrocos. Os materiais empregados na súa confección e a disposición das pinturas sitúan a orixe da predela nun altar realizado dentro do primeiro cuarto do século XVII. A Predela está composta de oito táboas pintadas ao óleo, de 20 x 10, 20 x 15 e 17 x 30 cm.

En Osmo, na predela os evanxelistas colócanse nas caras externas e saintes do mesmo, mentres que nas zonas máis afundidas e adoptando diferentes formatos se dispoñen o Nacemento de Cristo e o Descanso na Fuxida a Exipto, a Epifanía e a Circuncisión.

  1. San Marcos: Situado na parte externa do lado esquerdo da predela, representado de medio corpo cos seus atributos (león e libro) sobre un fondo neutro.
  2. A Natividade: Destaca por ser unha escena chea de humildade, fervor e recollemento. Unicamente están representados o Neno Xesús, San Xosé e María. Ao fondo o boi e a mula recordan que o fillo de Deus naceu nun corte.
  3. San Lucas: Destaca a súa indumentaria que o diferenza dos demais (toga escura cun broche e o colo de pel) e está acompañado dun boi, lendo un libro.
  4. A Epifanía: Reproduce a estrutura compositiva e os xestos doutras Epifanías pintadas noutros retablos manieristas. Están representadas María e o Neno no seu regazo, San Xosé ao fondo e os Tres Reis Magos ofrecendo os seus presentes.
  5. A Circuncisión: Igual que no caso anterior, trátase dunha pintura inspirada noutros gravados ou pinturas da época como por exemplo os que podemos atopar na Biblioteca Nacional de Madrid de Goltzius. Nel están representados María e o Neno, o mohel e o Sacerdote e San Xosé, un home, unha muller e un neno. É de suliñar que as cortinaxes e as columnatas que se ven ao fondo da pintura suxiren a idea de que nos atopamos nun templo.
  6. San Xoan Evanxelista: Aparece acompañado dunha aguia e dun cáliz envenenado.
  7. A Fuxida da Sagrada Familia a Exipto: As tres figuras aparecen nun primeiro plano nunha paisaxe poblada de árbores. Sémellase moito a un gravado do século XVI de Lucas Van Leyden.
  8. San Mateo: Última táboa da predela, pintado cun anxel que lle sinala un libro. É a composición máis animada dos catro evanxelistas.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]