Igrexa de Santiago de Peñalba
Igrexa de Santiago de Peñalba | |
---|---|
País | España |
Localización | Ponferrada |
Coordenadas | 42°25′38″N 6°32′27″O / 42.42722222, -6.54083333 |
Diocese | Diocese de Astorga |
Estilo | Mozarabic architecture |
[ editar datos en Wikidata ] |
A igrexa de Santiago de Peñalba é un templo relixioso situado na aldea de Peñalba de Santiago, no Val do Oza, concello de Ponferrada (provincia de León). É unha das xoias arquitectónicas da arte mozárabe, e foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC), é Monumento Histórico-Artístico Nacional en 1931.
Está encravada no corazón do Val do Oza a 14 quilómetros de Ponferrada. A zona, enchida de mosteiros e igrexas eremíticas dende o século VIII mereceu na súa época o sobrenome da "Tebaida berciana". A súa situación no centro dos Montes Aquilanos, a zona máis abrupta dos Montes de León, facilitaba o illamento que buscaban os santos ascéticos dos séculos IX e X, como San Frutuoso e San Xenadio.
Historia
[editar | editar a fonte]Foi construída na primeira metade do século X (937) polo abade Salomón, concretamente no reinado de Ramiro II, este mesmo rei fixo múltiples doazóns á igrexa e ao mosteiro da localidade. Entre elas estivo a chamada Cruz de Peñalba, actualmente símbolo da bisbarra do Bierzo. Nesta cruz pódese ver a forte influencia da ourivaría visigoda sobre os modelos mozárabes.
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Trátase dunha igrexa con planta en cruz latina, con dúas capelas nos brazos da cruz, e dúas ábsidas, na cabeceira e no pé da cruz. O teito do corpo central ou ciborio e as ábsidas teñen forma de cúpula.
É unha igrexa de ábsidas contrapostas, algo moi raro. Hai exemplos na arte prerrománica en Alemaña. Outros exemplos son a igrexa de San Cebrián de Mazote en Valladolid e outra está no Norte de África. Relacionouse o feito de ter dúas ábsidas coa relixiosidade norteafricana baixo a influencia da herexía dos circuncelións (seguidores do donatismo). Aínda que se pensaba que as capelas laterais puidesen ser engadidos posteriores, recentes prospeccións arqueolóxicas descubriron que toda a planta foi erixida nunha mesma e única construción. Nestes traballos comprobouse que hai unha gran posibilidade de que os enterramentos interiores só sexan os dous da contra-ábsida, único engadido posterior, que a día de hoxe permanece, é o enterramento románico exterior no seu lado oeste, lado no que debía estar o acceso (segundo os restos achados) ao antigo mosteiro e do que non se conservan restos.
A decoración e a estrutura confiren á igrexa unha mestura de elementos celtas (símbolos lunares e astrais), cristiáns (a planta de cruz latina), árabes (unha pequena cúpula galonada cobre o altar principal) e visigóticos (os arcos de ferradura).
No interior podemos observar distintos restos de decoración pintada sobre cúpulas e paredes. Encóntranse pendentes de ser restauradas.
Nas paredes do coro podemos observar distintos gravados en estuco de figuras humanas, xeométricas e mesmo de animais. Segundo recentes estudos corresponderían a probas realizadas polos monxes antes de transcribir os devanditos debuxos ao papel, xa que o papel era un ben moi prezado. Outras recentes versións atribúeno a simples debuxos realizados polos monxes para entreterse ou mesmo como reafirmación da identidade persoal. Un dos máis coñecidos é o elefante. Consiste nun debuxo, a pequena escala, dun paquidermo, que se data na época en que a Carlomagno lle foi regalado o devandito animal na corte de Aquisgrán, unha nova que causou gran balbordo na Europa da época e que, a teor do visto, chegou ata estes recónditos vales.
Outra característica desta igrexa actualmente, é que a torre coas campás, a espadana, que se atopa separada da nave da igrexa. A espadana está ao pé da planta en cruz, na cara oeste do edificio. Esta separación entre nave e espadana é común nas igrexas da zona ou deste estilo.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Igrexa de Santiago de Peñalba |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Santiago de Peñalba en Artehistoria Arquivado 19 de maio de 2018 en Wayback Machine.