Saltar ao contido

Inigo Jones

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaInigo Jones

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento15 de xullo de 1573 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Londres (Reino de Inglaterra) Editar o valor en Wikidata
Morte21 de xuño de 1652 Editar o valor en Wikidata (78 anos)
Londres (Comunidade da Inglaterra) Editar o valor en Wikidata
Membro do Parlamento do Reino de Inglaterra
Member of the 1621-22 Parliament (en) Traducir

Circunscrición electoral: New Shoreham (en) Traducir
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoArquitectura Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónarquitecto, político, escenógrafo Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1595 Editar o valor en Wikidata - 1652 Editar o valor en Wikidata
MovementoArquitectura do Renacemento Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Джонс Иниго) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX982476 WikiTree: Jones-92661 Find a Grave: 12250 Editar o valor en Wikidata

Inigo Jones ([ˈɪnɨɡoʊ]), nado en Smithfield (Londres) o 15 de xullo de 1573 e finado en Londres o 2 de xuño de 1652 foi un arquitecto británico, o primeiro en empregar as regras da proporción e a simetría vitruvianas nos seus edificios.[1] Deixou a súa pegada en Londres en edificios singulares, como a Banqueting House, Whitehall, e na área deseñada para a praza de Covent Garden, que se converteu nun modelo para os futuros desenvolvementos no West End. Fixo importantes contribucións á escenografía polo seu traballo como deseñador teatral para varias ducias de mascaradas, a maioría por encargos reais e moitos en colaboración con Ben Jonson.

A súa obra supuxo unha grande influencia nos arquitectos do século XVIII, en especial para o palladianismo inglés.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Vestiario para un cabaleiro para unha mascarada, deseñado por Inigo Jones
Inigo Jones, de Anton van Dyck

Alén de que naceu no barrio londiniense de Smithfield, fillo de Inigo Jones, un traballador católico de pano de Gales, e de ser bautizado na igrexa de St Bartholomew-the-Less, pouco se sabe sobre os primeiros anos de Jones. Non se achegou á profesión de arquitecto na forma tradicional, é dicir, xa fose promocionando a partir dun oficio ou mediante a adscrición temperá á Oficina de Obras (Office of Works), aínda que hai evidencia de que sir Christopher Wren tivo constancia de que Jones foi un aprendiz de carpinteiro no cemiterio de San Paulo.[2]

Atribúeselle a introdución das paisaxes móbiles e do arco do proscenio no teatro inglés. Entre 1605 e 1640, Jones foi o responsable da posta en escena de máis de 500 representacións, colaborando con Ben Jonson durante moitos anos, a pesar da tensa relación entre eles, con competencia e celos: os dous tiñan coñecidos argumentos sobre se a escenografía ou a literatura eran o máis importante no teatro. Jonson ridiculizou a Jones nalgunha das súas obras escritas nun lapso de dúas décadas.[3] Sobreviven máis de 450 debuxos de escenografías e vestiario, que dan proba do virtuosismo de Jones como debuxante e da súa comprensión do conxunto do deseño italiano, en particular o de Alfonso e Giulio Parigi. Cómpre entender que non existía a concepción de tal debuxo en Inglaterra nese momento, a pesar de que fora o medio empregado por pintores italianos, escultores e arquitectos durante uns cen anos.

Por esa época, Jones aprendeu a falar italiano con fluidez e obtivo unha copia italiana da obra de Andrea Palladio I quattro libri dell'architettura (“Os catro libros da arquitectura”), publicado por primeira vez en 1570: todo indica que Jones fixo a súa primeira viaxe formativa a Italia entre 1598 e 1603, posiblemente financiado polo V conde de Rutland. O conxunto de debuxos de escenografías e vestiario revelan un interesante desenvolvemento no debuxo de Jones entre 1605 e 1609, que nun principio non mostran “ningún coñecemento de debuxo do Renacimento”, e logo en 1609, xa exhiben unha “maneira italianizante consumada”.[4] Isto ofrece unha evidencia dunha probable nova visita a Italia, arredor do ano 1606,[5] influenciada polo embaixador Henry Wotton, a través do cal Jones adquiriu unha copia das obras de Andrea Palladio con marginalia que fai referencia a Wotton, segundo o referido polo propio Wotton.[6] Estas viaxes, xunto ao interese por estes tratados pode ser o punto de unión entre Jones e Palladio. a obra de Jones viuse particularmente influída polo mestre véneto.[7] En menor medida, tamén sostivo que o deseño de edificios debía guiarse polos principios descritos por primeira vez polo antigo escritor romano Vitruvius.

Arquitecto

[editar | editar a fonte]

A primeira obra estrutural rexistrada de Jones é o seu monumento a Lady Cotton, de arredor de 1608, que xa mostra os primeiros sinais das súas intencións clásicas.[8] Por esa época, Jones tamén realizou debuxos para o New Exchange in the Strand e para a torre central da catedral de San Paulo, mostrando unha similar falta de experiencia práctica arquitectónica e un manexo inmaturo de temas a partir de fontes como Palladio, Serlio e Sangallo. En 1609, logo de quizais acompañar por Francia o fillo e herdeiro de Lord Salisbury, o vizconde Cranborne, Inigo Jones aparece como consultor de arquitectura en Hatfield House, facendo pequenas modificacións no deseño a medida que o proxecto avanzaba. En 1610, Jones foi nomeado inspector (Surveyor) de Henry Frederick, Príncipe de Gales e nese posto, Jones ideou unha mascarada para o Príncipe e estivo posiblemente implicado nalgunhas modificacións no palacio de St. James.[9] O 27 de abril de 1613, Jones foi nomeado para o cargo de Inspector de Obras do Rei (Surveyor of the King’s Works) e pouco despois, embarcouse nunha nova xira por Italia (1613-1614), co conde de Arundel, que estaba destinado a converterse nun dos clientes máis importantes da historia da arte inglesa. Nesta viaxe, Jones puido coñecer a arquitectura de Roma, Padua, Florencia, Vicenza, Xénova e Venecia, entre outras cidades que visitaron. Consérvase o seu caderno de bosquexos, que mostra a súa preocupación por artistas como Parmigianino e Schiavone. Tamén é coñecido que se reuniu con Vicenzo Scamozzi nese momento. A súa copia anotada dos Quattro libri dell' architecttura de Palladio tamén manifesta o seu grande interese na arquitectura clásica: Jones deu prioridade á antigüidade romana en lugar de á observación da moda arquitectónica contemporánea en Italia.

Agrimensor real

[editar | editar a fonte]
The Queen's House en Greenwich

En setembro de 1615, Jones foi nomeado Inspector Xeral das Obras do Rei (Surveyor-General of the King’s Works), marcando o inicio da carreira seria de Jones. Afortunadamente, tanto Xacobe I como Carlos I gastaron prodigamente nos seus edificios, o que contrastaba enormemente coa económica corte de Isabel I. Como agrimensor real, Jones construíu algúns dos seus edificios principais en Londres. En 1616, comezou a traballar na Queen's House (Casa da Raíña), en Greenwich, para a esposa de Xacobe I, Anne. Cos cimentos feitos e o primeiro andar construído, o traballo detívose de súpeto cando Anne faleceu en 1619. O traballo volveu comezar en 1629, pero esta vez para a esposa de Carlos I, a raíña Henrietta Maria. Foi rematada en 1635 e foi o primeiro edificio estritamente clásico en Inglaterra, empregando as ideas que se atopan na arquitectura de Palladio e a antiga Roma. É a obra que sobrevive máis antiga de Inigo Jones.

Despois, entre 1619 e 1622, construíu a Banqueting House (Casa de banquetes) no Palacio de Whitehall, como parte da modernización deste palacio londiniense, un deseño derivado dos edificios de Scamozzi e Palladio e cun teito pintado por Peter Paul Rubens. A capela da Raíña, no Palacio San de James, foi construída entre 1623 e 1627, por Carlos I para a súa esposa católica, Henrietta Maria, feito que levantou as sospeitas do sector protestante da corte. Partes do deseño orixínanse no Panteón da antiga Roma e Jones, evidentemente aproveitou a igrexa para evocar o templo romano. Estes edificios amosan xa o traballo dun arquitecto maduro cunha confiada comprensión dos principios clásicos e unha comprensión intelectual da forma de levalas á práctica.

O outro gran proxecto no que Jones participou foi o deseño da praza de Covent Garden. Foi encargado polo IV conde de Bedford para construír unha praza residencial, o que fixo seguindo as liñas das piazzas italianas, en especial a de Livorno.[10]

O aristócrata sentiuse obrigado a incluír na praza dunha igrexa e advirtiu a Jones que quería economizar. Pediulle que simplemente erixise un "almacén" e a resposta moi citada de Jones foi que a súa señoría tería "o mellor almacén de Europa" ("the finest barn in Europe"). No deseño de San Paulo, Jones adheriuse fielmente ao deseño de Vitruvio dun templo da Toscana e foi a primeira igrexa construída totalmente en estilo autenticamente clásico en Inglaterra. O interior de St Paul's, Covent Garden, Covent Garden foi destruído por un incendio en 1795, pero o exterior mantense como Jones o deseñou e domina o lado oeste da praza.

Outro gran proxecto que emprendeu Jones foi a reparación e remodelación da catedral de San Paulo. Entre os anos de 1634 e 1642, Jones loitou co goticismo en ruínas da antiga catedral de San Paulo, envolvéndoa en cachotaría clásica e redeseñando totalmente a fachada oeste. Jones incorporou os rolos xigantes de Vignola e della Porta da igrexa do Gesù cun pórtico corintio xigante, o máis grande do seu tipo ao norte dos Alpes, pero foi destruída no grande incendio de 1666. Tamén nesta época, arredor de 1638, Jones ideou debuxos para redeseñar por completo o Palacio de Whitehall.

Atribúense a Jones máis de 1000 edificios, mais só un pequeno número é obra súa sen dúbida. Na década de 1630, Jones estivo moi solicitado e, como agrimensor real, os seus servizos só estaban dispoñibles para un círculo moi limitado de persoas, polo que habitualmente os proxectos foron encargados a outros membros das Obras. O parque Stoke Bruerne en Northamptonshire foi construído por sir Francis Crane, recibindo a asistencia de Inigo Jones, entre 1629 e 1635. Tamén se cre que Jones participou noutra casa de campo, esta vez en Wiltshire. Wilton House foi renovada dende arredor de 1630, ás veces traballando segundo a dirección de Jones, a continuación, transmitida a Isaac de Caus cando Jones estaba demasiado ocupado con clientes reais.

Últimos anos

[editar | editar a fonte]

A súa plena dedicación rematou co inicio da Guerra Civil Inglesa en 1642 e a toma do Palacio Real e incautación das casas do rei en 1643. A súa propiedade foille devolta arredor de 1646, mais Jones acabou os seus días, solteiro, vivindo en Somerset House. Estivo estreitamente involucrado no deseño de Coleshill, en Berkshire, para a familia Pratt, que visitou co aprendiz de arquitecto Roger Pratt, para fixar un novo sitio para a mansión proposta. Faleceu o 21 de xuño de 1652 e posteriormente foi enterrado cos seus pais en St Benet Paul's Wharf, a igrexa galesa da cidade de Londres. John Denham e despois Christopher Wren sucedérono no cargo de agrimensor de obras do rei. Un monumento dedicado a el foi destruído no grande incendio de 1666.

Exerceu unha destacada influencia nunha serie de arquitectos do século XVIII, especialmente en Lord Burlington e William Kent. Inigo Jones Road está situada en Charlton, ao sueste de Londres (SE7). Unha ponte en Llanrwst, Gales do Norte, chamada "Pont Fawr" tamén se coñece localmente como "Pont Inigo Jones". Tamén se di que é responsable do documento masónico chamado "The Inigo Jones Manuscript" ["O manuscrito Inigo Jones], de arredor de 1607, un documento dos Antigos Cargos da Francmasonaría.[11][12]

  1. Vaughan Hart. Inigo Jones: The Architect of Kings (2011)
  2. Colvin, Howard, A Biographical Dictionary of British Architects: 1600 to 1840 (1954).
  3. Por exemplo, en The Masque of Augurs, The Staple of News, A Tale of a Tub, Love's Welcome at Bolsover. O seguidor de Jonson Richard Brome tamén atacou a Jones en The Weeding of Covent Garden.
  4. Orgel, Steven and Strong, Roy C., Inigo Jones and the theatre of the Stuart Court, 1973. ( "no knowledge of Renaissance draughtsmanship" ... "accomplished Italianate manner".)
  5. Gotch, A. J., Inigo Jones, 1968.
  6. Wotton And His Worlds Arquivado 16 de xullo de 2012 en Wayback Machine. de 2004 de Gerald Curzon
  7. The Center for Palladian Studies in America, Inc., Palladio and English-American Palladianism Arquivado 23 de outubro de 2009 en Wayback Machine.
  8. [1][Ligazón morta]
  9. Edward Chaney and Timothy Wilks, The Jacobean Grand Tour: Early Stuart Travellers in Europe (I.B. Tauris: Londres, 2014).
  10. "Survey of London: volume 36 – Covent Garden". www.british-history.ac.uk. Arquivado dende o orixinal o 12 de xullo de 2010. Consultado o 27 de xullo de 2010. 
  11. "Encyclopedia of Free Masonry". Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 27 de maio de 2018. 
  12. Free Masonry
  13. Listaxe baseada en Inigo Jones, John Summerson, 2nd edition 2000, Yale University Press

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Edward Chaney e Timothy Wilks, The Jacobean Grand Tour: Early Stuart Travellers in Europe (I.B. Tauris: Londres, 2014).
  • Colvin, Howard, A Biographical Dictionary of British Architects: 1600 to 1840, 1954
  • Orgel, Stephen e Strong, Roy C., Inigo Jones: The Theatre of the Stuart Court, 1973
  • Gotch, A J, "Inigo Jones", 1968
  • Hart, Vaughan. Art and Magic in the Court of the Stuarts. Londres, Routledge, 1994.
  • Chaney, Edward, The Evolution of the Grand Tour: Anglo-Italian Cultural Relations since the Renaissance, Londres, Routledge, 2000.
  • Chaney, Edward, 'Evelyn, Inigo Jones, and the Collector Earl of Arundel', John Evelyn and his Milieu, eds F. Harris e M. Hunter (The British Library, 2003).
  • Leapman, Michael. Inigo: The Troubled Life of Inigo Jones, Architect of the English Renaissance. Londres, Headline Book Publishing, 2003.
  • Chaney, Edward, Inigo Jones's 'Roman Sketchbook', 2 vols, Londres, The Roxburghe Club, 2006.
  • Giles Worsley, Inigo Jones and the European Classicist Tradition (New Haven e Londres, 2007).
  • Christy Anderson, Inigo Jones and the Classical Tradition (Cambridge, 2007).
  • Edward Chaney, "Roma Britannica and the Cultural Memory of Egypt: Lord Arundel and the Obelisk of Domitian", in Roma Britannica: Art Patronage and Cultural Exchange in Eighteenth-Century Rome, eds. D. Marshall, K. Wolfe e S. Russell, British School at Rome, 2011, pp. 147–70.
  • Vaughan Hart, Inigo Jones: The Architect of Kings, Londres e New Haven, Yale University Press, 2011

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]