Saltar ao contido

IES Eusebio da Guarda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Instituto Eusebio da Guarda»)

IES Eusebio da Guarda
Instituto de Ensino Eusebio da Guarda, A Coruña.
Enderezo
Praza de Pontevedra, A Coruña
Datas
Creación1886
Inauguración1889
Apertura1890
Reformas1941
Educación
EnsinanzasEducación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato
Xestión
TipoPúblico
Xunta de Galicia
DirectorMª Isabel Ruso de Lago
Na rede
Web

O IES Eusebio da Guarda é un instituto de ensino secundario da cidade da Coruña.[1] A súa construción iniciouse en 1886 e rematouse en 1889 promovida polo filántropo Eusebio da Guarda González. Tanto na súa orixe como na actualidade o instituto era mixto.

Historia

En 1845 creáronse os institutos de Santiago, Ourense e Pontevedra. Destes, o que estaba máis preto da cidade era o de Santiago. O plano de ensino proxectaba un instituto en cada capital de provincia, coñecidos e asociados na actualidade como institutos históricos. A construción do instituto aprobouse finalmente en 1862. Entón a cidade era a máis poboada de Galiza con 27 000 habitantes. En Santiago estudaban 300 alumnos no instituto e a previsión para o da Coruña era duns 50.[2]

A primeira sede do instituto da Coruña foi o pazo dos marqueses de Camarasa na rúa Ferrerías.[3] Na cidade había estudos de Náutica, Comercio, Belas Artes e Bacharelato. En 1881, Eusebio da Guarda ofreceu un millón de pesetas ao concello para a construción dun novo instituto no lugar ocupado polo antigo baluarte de Caramanchón, contiguo ao barrio da Pescaría. O Estado debera ceder os terreos. O edificio foi deseñado polo arquitecto Faustino Domínguez Coumes-Gay.[4]

Centro de ensino

No curso 1889-1890, previo ao comezo da actividade académica no novo edificio, obtiveron o título de bacharelato un total de 26 alumnos, todos rapaces. Daquela o ensino a rapazas non estaba segregado do dos rapaces, mais era unha rareza: a primeira alumna que cursou estudos de bacharelato no antigo instituto da Coruña foi no ano 1875.

En 1941 construíuse na cidade o Instituto Masculino, pasando o Eusebio da Guarda a ser exclusivamente feminino, até que no ano 1986 volveu ser mixto.[5]

Alumnos e profesores ilustres do IES Eusebio da Guarda

Edificio

O edificio é de planta rectangular arredor de dous patios centrais separados por unha grande escaleira, feita de mármore de Carrara.[3] Ten unha fachada dividida en tres corpos, os dous laterais encalados en branco. O central é de pedra vista e estilo neorrenacentista que lle proporciona solemnidade.[4]

No interior destaca o salón de actos, con pinturas de León Bianchi e Román Navarro.[3] Na sala do profesorado hai un mural de Felipe Criado.[6] As táboas de madeira do chan están cortadas enteiras dunha mesma árbore.

Notas

  1. Cláudia Morán (15 de xuño de 2016). "Eusebio da Guarda, una cantera con 125 años de historia". La Voz de Galicia (en castelán). 
  2. Miguel Rodríguez (14 de novembro de 2012). "El embrión de la enseñanza Secundaria". La Opinión de A Coruña (en castelán). 
  3. 3,0 3,1 3,2 Soraluce Blond, José Ramón. La construcción del instituto Eusebio da Guarda en el Ensanche de A Coruña (en castelán). 
  4. 4,0 4,1 Martínez Suárez & Casabella López 1989, pp. 30-31.
  5. Ana Lorenzo (8 de febreiro de 2015). "El Eusebio da Guarda busca las huellas de su pasado". La Voz de Galicia (en castelán). 
  6. Visitas ao mural de Felipe Criado

Véxase tamén

Bibliografía

  • Martínez Suárez, Xosé Luís; Casabella López, Xan (1989). Catálogo arquitectura. A Coruña 1890-1940. COAG. ISBN 978-84-85665-09-9.